Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos a adaptación dos servizos de transporte por estrada á oferta ferroviaria da estación da Gudiña

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA LOGRA A UNANIMIDADE DO PLENARIO DA DEPUTACIÓN PARA ADAPTAR OS SERVIZOS DE TRANSPORTE PÚBLICO POR ESTRADA Á ACTUAL OFERTA FERROVIARIA DA ESTACIÓN DA GUDIÑA

Eva Pérez Gamote puxo o foco na necesidade de que a recuperación das frecuencias ferroviarias na estación da Gudiña vaia acompañada dunha planificación adecuada do transporte público por estrada

O Grupo Provincial Socialista volve evidenciar o seu traballo propositivo levando ao pleno iniciativas útiles para mellorar a mobilidade, impulsar o desenvolvemento económico e defender os intereses da veciñanza da provincia

Ourense, 26 de xuño de 2026. O Grupo Provincial Socialista conseguiu sacar adiante no pleno ordinario da Deputación de Ourense as dúas mocións que presentaba nesta sesión, ambas aprobadas por unanimidade. A primeira delas, defendida polo voceiro provincial, Álvaro Vila, reclama á Xunta de Galicia a execución dos tramos pendentes da ronda leste A-52/A-76 para dotar dunha conexión directa ao maior polígono industrial de Galicia. A segunda, defendida pola deputada provincial, Eva Pérez Gamote, insta á adaptación dos servizos de transporte público por estrada á actual oferta ferroviaria da estación da Gudiña–Porta de Galicia e á creación dun sistema estable de coordinación entre autobús e tren.

Mobilidade coordinada para que a recuperación do tren beneficie realmente á veciñanza

Na segunda moción do pleno, Eva Pérez Gamote puxo o foco na necesidade de que a recuperación das frecuencias ferroviarias na estación da Gudiña vaia acompañada dunha planificación adecuada do transporte público por estrada.

A deputada socialista lembrou que a iniciativa foi rexistrada antes de que a Xunta anunciase novos servizos de autobús, unha decisión que o Grupo Provincial Socialista valorou positivamente porque confirma que existía un problema real de coordinación. «Presentamos esta moción para algo tan básico como que os servizos públicos funcionen con planificación e sentido común. Unha estación ferroviaria só é útil cando a xente pode chegar a ela», afirmou.

Pérez Gamote quixo recoñecer expresamente o papel desempeñado pola veciñanza e polos representantes institucionais que lideraron esta reivindicación, destacando especialmente o traballo do alcalde da Gudiña, Néstor Ogando, «que foi o primeiro en levantar a voz, convocar aos alcaldes e alcaldesas e liderar esta reivindicación desde o primeiro momento».

A deputada socialista lembrou que a recuperación do tren madrugador cara Madrid supuxo un importante avance para o oriente da provincia, pero advertiu de que a solución “aínda non é completa, xa que continúan existindo carencias importantes”.

«Celebramos estes avances, pero queda moito por facer. Seguen faltando conexións durante as fins de semana e os festivos e a comarca de Trives continúa sen dispoñer dunha conexión efectiva coa estación da Gudiña. Non podemos falar dunha solución integral mentres unha parte do interior siga sen mobilidade pública efectiva», explicou.

Neste sentido, destacou especialmente o segundo punto da moción aprobada, que aposta pola creación dun protocolo estable de coordinación intermodal entre Xunta, Deputación, Renfe e concellos para que calquera modificación dos horarios ferroviarios implique automaticamente a actualización dos servizos de autobús. «A verdadeira mobilidade conséguese cando autobuses e trens funcionan como un único sistema e non como servizos independentes. Temos que seguir avanzando para que ningún territorio quede atrás», concluíu.

Coa aprobación das dúas iniciativas, o Grupo Provincial Socialista volve poñer en valor o seu traballo propositivo no pleno da Deputación, impulsando acordos centrados na mellora das infraestruturas, da mobilidade e das oportunidades de desenvolvemento económico e social para o conxunto da provincia de Ourense.