O PSDEG-PSOE DE OURENSE IMPULSA COA UNANIMIDADE DO PLENO DA DEPUTACIÓN RECLAMARLLE Á XUNTA A CONSTRUCIÓN DOS TRAMOS PENDENTES DA RONDA LESTE PARA DOTAR DUNHA CONEXIÓN DIRECTA A ÁREA INDUSTRIAL DE SAN CIBRAO
Álvaro Vila destaca que completar a circunvalación “é imprescindible para conectar coa A-52 o polígono de San Cibrao, o Parque Tecnolóxico, o polígono do Pereiro e a futura estación de mercadorías”
O Grupo Provincial Socialista volve evidenciar o seu traballo propositivo levando ao pleno iniciativas útiles para mellorar a mobilidade, impulsar o desenvolvemento económico e defender os intereses da veciñanza da provincia
Ourense, 26 de xuño de 2026. O Grupo Provincial Socialista conseguiu sacar adiante no pleno ordinario da Deputación de Ourense as dúas mocións que presentaba nesta sesión, ambas aprobadas por unanimidade. A primeira delas, defendida polo voceiro provincial, Álvaro Vila, reclama á Xunta de Galicia a execución dos tramos pendentes da ronda leste A-52/A-76 para dotar dunha conexión directa ao maior polígono industrial de Galicia. A segunda, defendida pola deputada provincial, Eva Pérez Gamote, insta á adaptación dos servizos de transporte público por estrada á actual oferta ferroviaria da estación da Gudiña–Porta de Galicia e á creación dun sistema estable de coordinación entre autobús e tren.
A ronda leste, unha infraestrutura imprescindible para o futuro industrial da provincia
Durante a defensa da moción, Álvaro Vila lembrou que o polígono industrial de San Cibrao das Viñas leva 51 anos en marcha e moitos anos agardando por unha conexión directa coa A-52, malia que a propia Xunta de Galicia incorporou esta infraestrutura ao Plan Sectorial da Rede Viaria xa no ano 2014. O primeiro tramo executouse en 2020, pero, tal e como denunciou o portavoz socialista, «o trazado remata nunha glorieta en terra de ninguén e segue sen resolver os problemas de mobilidade da zona industrial».
Vila insistiu en que a segunda fase permitiría conectar de forma directa o polígono de San Cibrao, o polígono do Pereiro, o Parque Tecnolóxico de Galicia e a futura estación ferroviaria de mercadorías, reforzando a competitividade do principal motor económico da provincia.
«Despois de 51 anos do polígono industrial xa vai sendo hora de completar unhas infraestruturas que a propia Xunta planificou hai máis dunha década», sinalou o voceiro socialista, quen lembrou que esta actuación é unha demanda “histórica” das empresas, das persoas traballadoras e do sector do transporte.
Durante o debate tamén lamentou que desde o goberno municipal de San Cibrao das Viñas se minimizasen os problemas de mobilidade existentes na contorna industrial. «É moi preocupante escoitar que non hai problemas de mobilidade por parte da alcaldesa de San Cibrao e vicepresidenta da Deputación”, sinalou, á vez que apuntaba que “estamos falando dunha infraestrutura imprescindible para empresarios, transportistas, traballadores e usuarios que cada día perden tempo e competitividade».
O Grupo Provincial Socialista aceptou ademais a emenda presentada polo BNG para favorecer o consenso, permitindo que a iniciativa saíse adiante co apoio de toda a corporación.
Para as e os socialistas, a aprobación desta moción supón que a Deputación volva reclamar oficialmente á Xunta a licitación e execución dos dous tramos pendentes da ronda leste, así como que a solución do acceso viario forme parte do desenvolvemento da futura estación ferroviaria de mercadorías, de maneira que ambas actuacións avancen de forma coordinada.

