O PSDEG-PSOE DE OURENSE REAFIRMA O SEU COMPROMISO COA IGUALDADE E COA DEFENSA DOS DEREITOS LGTBI E REIVINDICA “MÁIS ORGULLO E MENOS ODIO”
As e os socialistas ourensáns reivindican o Orgullo como ferramenta democrática fronte aos discursos de odio e os intentos de retroceso en dereitos e chaman a blindar os avances legais e sociais e alerta de que “sen igualdade real non hai democracia plena”
“O Orgullo é unha afirmación democrática fronte ao odio. É memoria, é presente e é futuro. Non imos permitir nin un paso atrás nos dereitos conquistados co esforzo de tantas xeracións”, sinalan
No marco da conmemoración do Orgullo 2026, as Executivas Provincial e Local do PSdeG-PSOE de Ourense impulsaron unha batería de accións destinada a reforzar o compromiso dos concellos, agrupacións e cargos públicos socialistas coa visibilización e a defensa dos dereitos LGTBI
Ourense, 28 de xuño de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense conmemora o Día do Orgullo LGTBI 2026 baixo o lema “Máis Orgullo, menos odio”, cunha mensaxe clara de compromiso coa igualdade, a liberdade e a defensa dos dereitos humanos fronte ao avance dos discursos reaccionarios.
As e os socialistas ourensáns subliñan que o Orgullo segue a ser “imprescindible: unha ferramenta de memoria, de xustiza e de futuro”. Lembran que é tamén “o recoñecemento a quen abriu camiño nun contexto de persecución e medo, pero sobre todo unha chamada de atención ao presente: mentres exista unha soa persoa que teña medo a vivir con liberdade, o Orgullo segue sendo necesario”.
Neste sentido, o PSdeG-PSOE de Ourense destaca que o lema deste ano, “Máis Orgullo, menos odio”, sintetiza unha posición política e ética fronte a quen pretende cuestionar dereitos xa conquistados ou converter a diversidade nunha ferramenta de confrontación política.
España avanza en dereitos, pero persisten riscos e desigualdades
O PSdeG-PSOE de Ourense pon en valor que España se situase en 2026 á cabeza de Europa en materia de lexislación e políticas públicas LGTBI segundo ILGA-Europe, un recoñecemento que “non é casualidade, senón o resultado de anos de loita social e de gobernos que puxeron os dereitos no centro da acción política”.
Con todo, advirten de que os avances legais non son suficientes se non se traducen en seguridade real na vida cotiá. Lembran que os datos do informe Estado do odio 2026 da FELGTBI+ evidencian que máis da metade das persoas LGTBI sufriu algún tipo de agresión, acoso ou discriminación no último ano. “Non falamos de estatísticas abstractas, senón de vidas marcadas polo medo, a violencia e a discriminación en espazos tan cotiáns como a rúa, o traballo, a escola ou as redes sociais”, subliñan.
Fronte ao odio, máis dereitos; fronte ao retroceso, máis democracia
O PSdeG-PSOE de Ourense alerta de que o odio non é un fenómeno illado nin espontáneo, senón que se alimenta de discursos que cuestionan a existencia mesma das persoas LGTBI e que buscan erosionar consensos democráticos básicos. As e os socialistas son claros ao sinalar que “cando se pacta coa ultradereita, os dereitos corren risco”, e denuncian que os retrocesos lexislativos impulsados en distintos territorios evidencian a vulnerabilidade dos avances conquistados.
Frente a iso, defenden unha resposta firme das institucións democráticas, baseada na protección dos dereitos humanos e na garantía de igualdade real para todas as persoas, independentemente da súa orientación sexual, identidade ou expresión de xénero. “O Orgullo é unha afirmación democrática fronte ao odio. É memoria, é presente e é futuro. Non imos permitir nin un paso atrás nos dereitos conquistados co esforzo de tantas xeracións”, sinalan.
“A igualdade non pode depender do lugar onde se nace nin do goberno que se teña. Sen dereitos garantidos para todas e todos, non hai democracia plena. Por iso dicimos alto e claro: máis Orgullo, menos odio”, apuntan as e os socialistas, que tamén destaca que “o Orgullo é unha ferramenta de transformación social imprescindible. Non é só unha celebración, é unha resposta colectiva fronte á discriminación e ao medo. Mentres exista odio, temos a obriga democrática de seguir avanzando en dereitos e protección.”
Compromiso co ámbito local e coa acción cotiá
O PSdeG-PSOE de Ourense lembra que a igualdade real constrúese tamén desde o ámbito municipal, nos concellos e nos espazos máis próximos á cidadanía. Por iso, avoga por políticas locais activas que garantan espazos seguros, visibilidade, educación en diversidade, formación do persoal público e colaboración co tecido asociativo LGTBI. “As institucións máis próximas á cidadanía son clave para facer efectiva a igualdade no día a día”, subliñan.
As e os socialistas ourensáns conclúen que o Orgullo 2026 é unha chamada á responsabilidade colectiva. “Fronte ao odio, máis Orgullo. Fronte ao medo, máis dereitos. Fronte ao retroceso, máis democracia”.
Iniciativas promovidas polas Executivas Provincial e Local
No marco da conmemoración do Orgullo 2026, as Executivas Provincial e Local do PSdeG-PSOE de Ourense impulsaron unha batería de accións destinada a reforzar o compromiso dos concellos, agrupacións e cargos públicos socialistas coa visibilización e a defensa dos dereitos LGTBI. A iniciativa promove medidas sinxelas, pero de alto impacto social e simbólico, que permiten achegar a mensaxe de igualdade á cidadanía desde o ámbito local e converter os espazos públicos en referentes de diversidade, respecto e convivencia.
Entre as actuacións propostas figuran a colocación da bandeira LGTBI en balcóns institucionais e edificios emblemáticos, a creación de bancos da diversidade como símbolo permanente do compromiso municipal, a lectura de manifestos institucionais e do partido con motivo do 28 de xuño, a habilitación de espazos bibliográficos dedicados á diversidade nas bibliotecas municipais, accións para visibilizar o Orgullo no rural e iniciativas de sensibilización no ámbito deportivo contra a LGTBIfobia. A campaña complétase coa presentación de mocións nos concellos para reforzar o compromiso institucional coa igualdade e cos dereitos do colectivo, reafirmando que a defensa da diversidade debe traducirse tamén en políticas públicas e accións concretas no día a día dos municipios.

