concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás reclama a apertura da casa da mocidade durante as fins de semana e as vacacións

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS RECLAMA A APERTURA DA CASA DA MOCIDADE DURANTE AS FINS DE SEMANA E OS PERÍODOS VACACIONAIS PARA OFRECER A XUVENTUDE UNHA ATERNATIVA DE LECER SAUDABLE, PARTICIPATIVA E ACCESIBLE

As socialistas defenderán no pleno do vindeiro 6 de xullo unha moción para ampliar os horarios, reforzar os recursos e recuperar un servizo que consideran esencial para a mocidade do municipio

Noemí Pintos, sinala que «non ten sentido que un espazo creado para a mocidade permaneza pechado cando as mozas e os mozos máis poden desfrutalo. A Casa da Mocidade debe ser un verdadeiro punto de encontro, convivencia e participación, non un servizo limitado a un horario administrativo»

Barbadás, 29 de xuño de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás leva ao pleno ordinario do vindeiro luns, 6 de xullo, unha moción para reclamar a ampliación do horario de apertura da Casa da Mocidade durante as tardes das fins de semana e nos períodos de vacacións escolares. As concelleiras socialistas salientan que o obxectivo “é ofrecer á xuventude do municipio unha alternativa de lecer saudable, participativa e accesible cando realmente máis se precisa”.

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que o actual horario deste servizo público resulta claramente “insuficiente”, xa que concentra a súa actividade nos días laborables e permanece pechado precisamente durante os momentos nos que a maior parte da mocidade dispón de tempo libre, como son os sábados, domingos e as vacacións de Nadal, Semana Santa e verán.

A concelleira socialista, Noemí Pintos, sinala que «non ten sentido que un espazo creado para a mocidade permaneza pechado cando as mozas e os mozos máis poden desfrutalo. A Casa da Mocidade debe ser un verdadeiro punto de encontro, convivencia e participación, non un servizo limitado a un horario administrativo».

Desde o PSdeG lembran que durante anos este modelo de apertura ampliada funcionou con éxito en Barbadás, rexistrando unha elevada participación e consolidándose como unha alternativa de ocio saudable para a xuventude. «Estamos falando dunhas instalacións nas que xa se realizou un importante investimento público e que deben aproveitarse ao máximo. O goberno municipal non pode dar un paso atrás nun servizo que xa demostrara a súa utilidade social», engade Pintos.

A moción tamén solicita que o concello dote este servizo dos recursos humanos necesarios mediante o reforzo de persoal, programas de monitorado ou a licitación do servizo, así como o desenvolvemento dunha programación estable de actividades adaptadas aos intereses da mocidade e a instalación da persiana de acceso ás dependencias, un procedemento iniciado hai meses e que continúa sen executarse.

Para as socialistas, facilitar espazos públicos de lecer seguro tamén contribúe á conciliación das familias e evita que a mocidade teña que recorrer a espazos de ocio non estruturados.

«Queremos que a Casa da Mocidade siga sendo un referente para a xuventude de Barbadás, un espazo aberto, dinámico e vivo. Agardamos que o resto dos grupos municipais apoien unha proposta que responde a unha demanda real da mocidade e que busca mellorar un servizo público do que se beneficia todo o municipio», conclúe Noemí Pintos.