O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA LEVA Á DEPUTACIÓN O ABANDONO DO PARQUE CANINO DA VERONZA ANTE A “PASIVIDADE” E “DESIDIA” DO ALCALDE E VICEPRESIDENTE PROVINCIAL
As e os socialistas denuncian que a falta de mantemento durante case tres anos provocou a degradación total dun espazo público impulsado para atender unha demanda da veciñanza
«É difícil de explicar que quen ostenta a Vicepresidencia da Deputación de Ourense sexa incapaz de garantir o mantemento dunha instalación que depende precisamente da institución da que forma parte. É unha mostra evidente da desidia coa que o PP está gobernando Ribadavia», denuncian
Ribadavia, 30 de xuño de 2026. O PSdeG-PSOE de Ribadavia vén de rexistrar, a través do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense, un escrito para reclamar a reparación “inmediata” do parque canino da Veronza. As e os socialistas denuncian que esta infraestrutura, titularidade do ente provincial, presenta un estado de “abandono absoluto” como consecuencia da inacción do goberno municipal do Partido Popular, encabezado polo alcalde e vicepresidente da Deputación, Cesar Manuel Fernández.
Dende o Grupo Municipal Socialista consideran “inadmisible” que un espazo público que foi creado en 2018 para dar resposta a unha reivindicación da veciñanza se atope hoxe practicamente “inutilizable” pola ausencia “total” de mantemento durante os últimos anos. “Estamos ante outro exemplo do abandono institucional que vive Ribadavia da man do desgoberno do PP, máis preocupado de cuestións baldías que do que realmente lle importa e precisa a veciñanza”.
«O parque non chegou a esta situación dun día para outro”, denuncian ás e os socialistas, xa que tal e como apuntan “leva preto de tres anos deteriorándose pouco a pouco sen que ninguén movera un dedo para evitar que chegase ao estado lamentable no que se atopa hoxe».
O PSdeG-PSOE na capital do Avia subliña, ademais, a «enorme contradición política» que representa esta situación. «É difícil de explicar que quen ostenta a Vicepresidencia da Deputación de Ourense sexa incapaz de garantir o mantemento dunha instalación que depende precisamente da institución da que forma parte. É unha mostra evidente da desidia coa que o PP está gobernando Ribadavia».



As e os socialistas lembran que, antes da chegada do actual alcalde, tanto o parque canino como o conxunto da área recreativa da Veronza mantivéronse sempre nun estado adecuado de conservación. «As instalacións non se estragan soas. Cando aparecen desperfectos hai que actuar, reclamar reparacións e facer seguimento. Iso é gobernar. O que non se pode facer é mirar para outro lado mentres un servizo público se deteriora ata quedar completamente abandonado», alertan dende o PSOE de Ribadavia.
Por este motivo, o Grupo Socialista decidiu recorrer ao Grupo Provincial na Deputación para solicitar a intervención da institución e pedir ao seu presidente que adopte as medidas necesarias para recuperar o parque. «Confiamos en que o presidente da Deputación non sexa alleo ao estado no que se atopa esta instalación e poña fin a unha situación que o seu propio vicepresidente foi incapaz de resolver».
Desde o PSdeG-PSOE consideran que este caso exemplifica «a forma de gobernar do PP en Ribadavia». «Estamos diante dun alcalde que acumula cargos e responsabilidades, pero que é incapaz de atender cuestións tan básicas como o mantemento das infraestruturas públicas”, denuncian as e os socialistas, antes de sinalar que “nin reclama á Deputación o que lle corresponde ao municipio nin se preocupa de que os servizos estean en condicións. O resultado está á vista de toda a veciñanza.»
«As familias e as persoas usuarias do parque canino non merecen este abandono. Ribadavia non pode permitirse perder espazos públicos por culpa da deixadez dun goberno municipal máis preocupado pola propaganda que pola xestión diaria», conclúen as e os socialistas, que esixen unha actuación inmediata para devolver o parque canino da Veronza ás condicións de seguridade e uso que nunca debería ter perdido.

