A EXECUTIVA PROVINCIAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE INFORMA DA APERTURA DO PROCESO DE PRIMARIAS PARA A ELECCIÓN DO CANDIDATO OU CANDIDATA Á ALCALDÍA DA CIDADE
As precandidaturas deberán presentarse antes do 3 de xullo ás 12:00 horas, namentres que entre o 4 e o 11 de xullo terá lugar a recollida dos avais, para do 12 ao 18 iniciar a campaña de información e o domingo 19 de xullo proceder á votación no caso de que se presenten máis dun candidato ou candidata
O PSdeG-PSOE afronta estas primarias desde a unidade, o respecto ás regras democráticas e o convencemento de que a participación da militancia é a mellor garantía para construír un proxecto sólido, ilusionante e gañador ao servizo da veciñanza de Ourense
Ourense, 30 de xuño de 2026. A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense informa do inicio do calendario orgánico correspondente ao proceso de primarias para a elección co candidato ou candidata socialista á alcaldía de Ourense nas eleccións municipais de maio de 2027.
Ao tratarse do único municipio da provincia con máis de 20.000 habitantes, este proceso afecta exclusivamente á cidade de Ourense, de acordo coas bases aprobadas polos órganos federais do partido.
O calendario, fixado pola Comisión Executiva Federal, establece como primeiras datas relevantes a comunicación dos ámbitos que concorren ao calendario de xullo, entre o 29 de xuño e o 1 de xullo (ata as 12.00 horas), así como a presentación de precandidaturas, que permanecerá aberta os días 2 e 3 de xullo (ata as 12.00 horas). Unha vez proclamadas as precandidaturas o 3 de xullo, abrirase o período de recollida e presentación de avais, que se desenvolverá entre o 4 e o 11 de xullo, tamén ata as 12.00 horas.
A proclamación provisional das candidaturas terá lugar o 11 de xullo, dando paso á campaña de información interna, prevista entre o 12 e o 18 de xullo. A xornada de votación das primarias celebrarase o domingo 19 de xullo. No caso de ser necesaria unha segunda volta, esta terá lugar o 26 de xullo, conforme ao calendario aprobado.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, destaca que «as primarias son unha das maiores fortalezas da nosa organización porque permiten que sexa a militancia quen decida, de maneira directa e democrática, a persoa que encabezará o proxecto socialista para a cidade de Ourense. É un proceso que reforza a participación, a transparencia e a lexitimidade das nosas candidaturas».
Vila Araújo fai tamén un chamamento á participación da militancia durante todo o proceso, sinalando que «o PSdeG-PSOE afronta este calendario coa convicción de que da pluralidade, do debate e da implicación da militancia sairá unha candidatura forte, unida e preparada para ofrecer á cidadanía de Ourense unha alternativa solvente, progresista e de futuro».
A Comisión Executiva Provincial anima a toda a militancia da Agrupación Socialista de Ourense a participar activamente neste proceso, contribuíndo co seu voto ao fortalecemento da organización e á elección da mellor candidatura posible para recuperar o goberno da cidade en 2027. O PSdeG-PSOE afronta estas primarias desde a unidade, o respecto ás regras democráticas e o convencemento de que a participación da militancia é a mellor garantía para construír un proxecto sólido, ilusionante e gañador ao servizo da veciñanza de Ourense.

