Concello de Ourense

Reclamamos a revitalización do comercio local e a igualdade na representación institucional

As socialistas de Ourense revitalizan o comercio local e reclaman avanzar na igualdade da representación institucional

María Fernández denuncia a falta dunha estratexia para frear a perda de actividade económica en Ourense e reclama máis presenza das mulleres nos espazos de representación pública. 

 En Ourense, a 1 de xullo de 2026.

O Grupo Municipal Socialista defenderá no pleno ordinario deste venres dúas mocións co obxectivo de avanzar nun modelo de cidade máis dinámico, igualitario e con máis oportunidades. As iniciativas, centradas no apoio ao comercio local e na representación equilibrada de mulleres e homes nos actos institucionais, responden, segundo explicou a concelleira socialista María Fernández, á necesidade de afrontar dous retos que afectan directamente á identidade e ao futuro de Ourense.

Fernández advertiu da progresiva perda de actividade comercial que sofre a cidade e criticou que o goberno municipal continúe “sen impulsar políticas estruturais que dean resposta ao peche continuado de negocios e ao aumento dos locais baleiros”.

“A cidade perde identidade, perde presenza e perde oportunidades. Cada vez son menos as persoas que apostan por emprender en Ourense e iso require moito máis ca medidas puntuais ou campañas de impacto. O que precisamos é unha planificación seria que aposte polo comercio de proximidade como motor económico e social”, afirmou.

A edil socialista defendeu a posta en marcha dun plan específico de dinamización para o casco histórico e para os barrios, lembrando que o comercio local non só crea emprego, senón que tamén xera comunidade, mantén vivos os espazos urbanos e mellora a calidade de vida da veciñanza.

A segunda moción que defenderán as socialistas pon o foco na representación das mulleres nos actos públicos organizados polas institucións. Fernández sinalou que, malia os avances acadados en igualdade, continúa existindo unha clara infrarrepresentación feminina nos espazos de visibilidade institucional.

“As mulleres estamos presentes nos ámbitos profesionais, sociais e políticos, pero seguimos sen ocupar o lugar que nos corresponde nas fotografías oficiais e nos actos públicos. A representación institucional tamén educa e transmite referentes. As nenas teñen dereito a verse reflectidas e os nenos a medrar entendendo que a responsabilidade pública tamén ten rostro de muller”, destacou.

Neste sentido, o Grupo Socialista propón que as administracións incorporen criterios de representación equilibrada na organización de actos públicos e na composición das mesas institucionais, evitando imaxes nas que a presenza masculina sexa practicamente exclusiva.