GOBERNO ESTATAL Infraestruturas SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

ADIF mellorará a permeabilidade ferroviaria na cidade cun investimento de 2,1 millóns de euros

O PSDEG-PSOE DE OURENSE DESTACA O INVESTIMENTO DO GOBERNO DE SÁNCHEZ PARA MELLORAR A PERMEABILIDADE DO FERROCARIL NA CIDADE DE OURENSE COA AMPLIACIÓN DOS PASOS DE RAMÓN PUGA E TARASCÓN

As e os socialistas subliñan que a licitación das obras por parte de ADIF, por importe de 2,1 millóns de euros, supón «cumprir cunha demanda histórica da veciñanza» e evidencia a aposta do Executivo socialista polos investimentos estratéxicos na provincia

Marga Martín salienta que «este investimento demostra que cando hai vontade política, as demandas históricas da cidadanía acaban converténdose en realidade. O Goberno de Pedro Sánchez está transformando Ourense con feitos e con investimentos que melloran a mobilidade, a seguridade e a integración»

Rafa Villarino afirma que «esta actuación forma parte dunha estratexia moito máis ampla de recuperación e impulso do ferrocarril na nosa provincia, despois de anos de abandono por parte dos gobernos do Partido Popular»

Ourense, 1 de xullo de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra a licitación por parte de ADIF das obras para incrementar a permeabilidade do ferrocarril na cidade de Ourense, cun investimento de 2,1 millóns de euros que permitirá ampliar o paso inferior da rúa Ramón Puga e o paso superior da rúa Tarascón, mellorando a mobilidade tanto de peóns como de vehículos entre ambas marxes da infraestrutura ferroviaria.

As e os socialistas consideran que esta actuación responde a unha reivindicación “histórica” da veciñanza destas zonas da cidade, que durante décadas demandou unha solución para eliminar as dificultades de comunicación xeradas polo paso das vías do tren. O proxecto, enmarcado no convenio de colaboración entre ADIF e o Concello de Ourense, supón un novo exemplo da “firme aposta do Goberno de España presidido por Pedro Sánchez polos investimentos estratéxicos na provincia de Ourense e pola modernización das infraestruturas ferroviarias, contribuíndo a mellorar a calidade de vida da cidadanía”, destacan dende o PSOE ourensán.

A deputada ourensá no Congreso, Marga Martín, salienta que «este investimento demostra que cando hai vontade política, as demandas históricas da cidadanía acaban converténdose en realidade. O Goberno de Pedro Sánchez están transformando Ourense con feitos e con investimentos que melloran a mobilidade, a seguridade e a integración urbana do ferrocarril».

Martín lembra que «fronte aos anuncios baleiros doutros tempos, o Executivo socialista está executando proxectos concretos que benefician directamente á veciñanza, consolidando a Ourense como unha prioridade na planificación ferroviaria estatal».

Pola súa banda, o senador socialista, Rafael Rodríguez Villarino, afirma que «esta actuación forma parte dunha estratexia moito máis ampla de recuperación e impulso do ferrocarril na nosa provincia, despois de anos de abandono por parte dos gobernos do Partido Popular».

«O PP pasará á historia por paralizar investimentos fundamentais, por chegar incluso a tapiar túneles do AVE xa executados e por esquecer proxectos imprescindibles para Ourense. Mentres tanto, o Goberno de Pedro Sánchez non só fixo realidade a chegada da alta velocidade, senón que tamén está a renovar e modernizar liñas convencionais fundamentais como as de Ourense-Monforte, Ourense-Vigo ou o corredor entre Valdeorras e Monforte, demostrando un compromiso real cun ferrocarril moderno, seguro e útil para toda a provincia», sinala Villarino.

Desde o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que a mellora da permeabilidade ferroviaria da cidade constitúe unha actuación imprescindible para favorecer a cohesión urbana, incrementar a seguridade viaria e peonil e eliminar barreiras históricas entre barrios, ao tempo que reforza a integración do ferrocarril no tecido urbano.

Os socialistas subliñan que este novo investimento súmase aos numerosos proxectos impulsados polo Goberno de España na provincia, consolidando unha política de investimentos sostidos que contrasta coa etapa dos gobernos do Partido Popular, caracterizada pola falta de compromiso coas infraestruturas ferroviarias ourensás.

«O futuro de Ourense pasa por seguir investindo en infraestruturas útiles, sostibles e pensadas para as persoas. Iso é precisamente o que está facendo o Goberno de Pedro Sánchez», conclúen desde o PSdeG-PSOE de Ourense.

Actuacións de concretas e de ampliación

No caso do paso inferior na rúa Ramón Puga, procederase a separar a calzada en dous vías, un para cada sentido da circulación de vehículos e conectar desta xeito a glorieta separadamente a modo de bifurcación. Deste xeito o actual paso pasará a ser de sentido único dende a glorieta a rúa Ramón Puga, dotando a demais dunha beirarrúa que permitirá o paso peonil. Para o sentido oposto, procederase a execución dun novo vial de aproximadamente 80 metros de lonxitude que cruzará a liña ferroviaria cun novo paso inferior, dotado tamén de beirarrúa para o tránsito peonil.

Pola súa banda, o paso superior na rúa de Tarascón, tamén será obxecto de separación da calzada en dous viais, un para cada sentido da circulación. De este modo, proxectase un novo vial para o acceso dende a N-120 duns 45 metros, partido do actual, que cruzará a liña ferroviaria mediante un novo paso superior dotado de beirarrúa. Pola súa banda, a actual ponte empregarase para a circulación en sentido contrario.