concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás aposta pola mellora dos locais sociais do municipio

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS APOSTA POR UN PLAN DE MELLORA E CONSERVACIÓN DOS LOCAIS SOCIAIS PARA FORTALECER A VIDA VECIÑAL, A COHESIÓN SOCIAL E A PARTICIPACIÓN NO MUNICIPIO

A iniciativa, que as socialistas levarán a pleno, pon o foco na necesidade de garantir unhas instalacións axeitadas, seguras e plenamente funcionais, especialmente nas parroquias máis afastadas do núcleo urbano, onde os locais sociais adoitan ser o único espazo público de encontro e convivencia

Ana Belén Peleteiro destaca que “o estado dos locais sociais define o modelo de concello que queremos: ou apostamos por uns espazos dignos e vivos, ou contribuímos ao seu deterioro e ao illamento do rural”

Barbadás, 3 de xullo de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao pleno ordinario do luns unha moción destinada a dar continuidade ás actuacións de mellora, mantemento e dinamización dos locais sociais das distintas parroquias do municipio.

As concelleiras socialistas subliñan que estes espazos constitúen “o corazón da vida comunitaria”, xa que neles se desenvolve a actividade veciñal, cultural e asociativa, e representan unha ferramenta fundamental para a participación democrática e a cohesión social no concello. A iniciativa pon o foco na necesidade de garantir unhas instalacións axeitadas, seguras e plenamente funcionais, especialmente nas parroquias máis afastadas do núcleo urbano, onde os locais sociais adoitan ser o único espazo público de encontro e convivencia.

Neste sentido, a concelleira socialista, Ana Belén Peleteiro, destaca que “o estado dos locais sociais define o modelo de concello que queremos: ou apostamos por uns espazos dignos e vivos, ou contribuímos ao seu deterioro e ao illamento do rural”.

Peleteiro incide tamén en que “non estamos a falar de edificios secundarios, senón de infraestruturas fundamentais para a vida das parroquias e para o tecido asociativo, que precisa espazos adecuados para organizarse, medrar e seguir sendo motor de participación”. Asemade, a edil socialista adverte de que “o mantemento destes espazos non pode depender da improvisación, senón que require planificación, investimento e unha vontade política clara de apostar polo equilibrio territorial”.

A moción presentada polos socialistas recolle un conxunto de acordos dirixidos a reforzar a conservación, seguridade e funcionalidade dos locais sociais, entre os que destacan actuacións de pintado e mantemento xeral, tratamentos protectores da madeira, medidas contra a carcoma e melloras na seguridade mediante a revisión de pechaduras e sistemas de acceso. Tamén se propón a mellora do equipamento interior, coa instalación de estores de protección solar, armarios de almacenaxe e sistemas específicos para a organización de material deportivo, co obxectivo de optimizar o uso dos espazos e garantir a súa correcta conservación.

Outro dos puntos centrais da iniciativa é a elaboración dun plan municipal de mantemento e mellora dos locais sociais, de carácter plurianual, que estableza prioridades de actuación, calendario de intervencións e unha dotación orzamentaria suficiente.

Finalmente, o PSdeG-PSOE aposta por reforzar a comunicación co tecido asociativo do municipio, co obxectivo de detectar necesidades, mellorar a xestión dos espazos e dar resposta ás incidencias de maneira máis eficaz. Desde o Grupo Municipal Socialista de Barbadás insisten en que esta moción busca “dar continuidade a liñas de traballo xa iniciadas, pero tamén avanzar cara un modelo máis planificado, participativo e comprometido co rural e coas parroquias do concello”.