O grupo municipal do PSdeG no Concello logra sacar adiante as súas propostas para impulsar a estratexia «Ourense Cidade Viva» e avanzar na visibilización das mulleres na vida institucional
En Ourense, a 3 de xullo de 2026. O Pleno do Concello de Ourense aprobou esta mañá dúas mocións presentadas polo grupo socialista orientadas a afrontar dous dos grandes retos actuais da cidade: a revitalización económica e social dos barrios e o avance cara a unha representación pública máis igualitaria. As iniciativas, defendidas pola voceira socialista, Natalia González Benéitez, e a edil María Fernández Ojea, saíron adiante tras o debate plenario e supoñen un novo impulso ás propostas que o PSOE vén formulando para mellorar a calidade de vida da veciñanza e avanzar nunha igualdade efectiva.
A primeira das mocións propón a elaboración da estratexia «Ourense Cidade Viva», un plan integral de revitalización urbana, comercio de proximidade e dinamización dos barrios que pretende converterse na folla de ruta para os vindeiros anos. A iniciativa parte da preocupación pola perda continuada de actividade comercial, o incremento de baixos baleiros e a necesidade de recuperar espazos públicos máis vivos, atractivos e habitables.
“Para as socialistas é imposible disociar o termo ‘comercio’ do modelo de urbe que queremos. E non podemos permitir que Ourense continúe baixando persianas”, explicou a portavoz e secretaria xeral do PSOE, Natalia González Benéitez, ante as cifras negras de peches de negocios de autónomos no último lustro.
Entre os acordos aprobados figura a elaboración da Estratexia Ourense Cidade Viva 2027-2035, coa participación de comerciantes, tecido empresarial, entidades veciñais, Universidade, organizacións sociais e culturais e expertos en planificación urbana, así como a posta en marcha dunha liña de axudas destinada á rehabilitación de baixos comerciais e ao alugueiro bonificado para favorecer a ocupación de locais actualmente sen actividade.
O grupo municipal do PSdeG defende que a recuperación do comercio local non pode abordarse con medidas illadas, senón como parte dun modelo integral que aposte por barrios activos, espazos públicos de calidade, máis oportunidades para emprender e unha administración máis próxima e eficaz.
A segunda iniciativa aprobada, e exposta pola edil María Fernández Ojea, céntrase na necesidade de combater a infrarrepresentación das mulleres na vida pública e institucional de Ourense. A moción pon de manifesto que, malia os avances lexislativos en materia de igualdade, segue sendo habitual que os espazos de maior visibilidade, os actos públicos ou as fotografías oficiais continúen protagonizadas maioritariamente por homes, e especialmente no eido deportivo.
Para avanzar nesta materia, as socialistas reclamaron á elaboración dun Informe Anual de Representación Institucional que permita avaliar a presenza equilibrada de mulleres e homes nos actos municipais, á creación dun programa específico para dar visibilidade a referentes femininos de Ourense en ámbitos como o deporte, a cultura, a empresa, a ciencia ou o asociacionismo, e ao reforzo da Concellería de Igualdade mediante unha maior dotación de recursos humanos e económicos.
Desde o grupo do PSOE valoran moi positivamente a aprobación destas dúas propostas, que consideran coherentes cun modelo de urbe máis dinámica, máis inclusiva e con maior capacidade para afrontar os desafíos presentes e futuros. E subliñan que agora corresponde ao goberno de DO desenvolver os acordos adoptados pola Corporación, dotándoos dos recursos e da planificación necesarios, para convertelos en políticas útiles.
«O noso compromiso é seguir presentando propostas realistas e ambiciosas para Ourense que persigan avanzar nunha igualdade real. E así o continuaremos a facelo. Porque as mulleres falamos un 75% menos en actos públicos e somos interrompidas un 33% máis. As nenas e nenos precisan visualizar referentes femininos a través das imaxes e que deixemos de amosar só homes nas fotos é o primeiro paso dada a responsabilidade que temos», sinalou contundente a socialista.

