concellos Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Reclamamos que a Deputación lidere a preparación da eclipse na provincia con medidas e apoio aos concellos

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA RECLAMA QUE A DEPUTACIÓN ABANDONE A “PASIVIDADE” E LIDERE A PREPARACIÓN DA ECLIPSE EN OURENSE CON MEDIDAS CONCRETAS E APOIO AOS CONCELLOS

As e os socialistas reclaman información sobre as medidas previstas polo goberno provincial e lembran que «aínda está a tempo» de impulsar campañas informativas e repartir lentes homologadas entre a veciñanza

«O máis preocupante non é só que non coñezamos ningunha iniciativa da Deputación, o realmente grave é que a día de hoxe a institución siga instalada na inacción mentres outras administracións levan meses traballando para aproveitar unha oportunidade histórica para os seus territorios», afirma Álvaro Vila

«Mentres noutras provincias entenden que este fenómeno é unha oportunidade para divulgar ciencia, dinamizar o territorio e promocionar os seus recursos turísticos, aquí a Deputación continúa desaparecida», lamenta Vila

Ourense, 9 de xullo de 2026. O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense vén de rexistrar unha solicitude de información para coñecer que actuacións ten previsto desenvolver o goberno de Luis Menor con motivo da eclipse total de sol do próximo 12 de agosto, ante a absoluta ausencia de información e iniciativas por parte da institución provincial.

As e os socialistas consideran que a Deputación «non pode permanecer de brazos cruzados» diante dun acontecemento excepcional que converterá a Ourense nun dos mellores lugares de Europa para contemplar un fenómeno astronómico que non volverá repetirse en Galicia ata o ano 2180.

«O máis preocupante non é só que non coñezamos ningunha iniciativa da Deputación, o realmente grave é que a día de hoxe a institución siga instalada na inacción mentres outras administracións levan meses traballando para aproveitar unha oportunidade histórica para os seus territorios», afirma o portavoz socialista no ente provincial, Álvaro Vila Araújo.

O Grupo Provincial Socialista explica que decidiu solicitar formalmente información ao goberno provincial porque, ata o momento, non existe constancia pública de campañas informativas, actividades divulgativas ou medidas de apoio aos concellos para preparar un evento que atraerá milleiros de persoas a numerosos municipios ourensáns.

Como exemplo desta falta de implicación, as e os socialistas comparan a situación coa da Deputación de Lugo, que xa dispón dunha páxina web específica dedicada a eclipse, con información práctica para a cidadanía, programación de actividades, recomendacións de seguridade e unha campaña de reparto de 35.000 lentes homologadas e 45.000 dípticos informativos entre os concellos.

«Mentres noutras provincias entenden que este fenómeno é unha oportunidade para divulgar ciencia, dinamizar o territorio e promocionar os seus recursos turísticos, aquí a Deputación continúa desaparecida», lamenta Vila. O portavoz socialista lembra ademais que Ourense conta con espazos privilexiados para a observación da eclipse, como Trevinca ou a estación de montaña de Manzaneda, «polo que resulta aínda máis incomprensible que o goberno provincial non estea liderando unha estratexia conxunta cos concellos e co sector turístico».

Na iniciativa presentada, o Grupo Socialista pregunta polas actividades previstas pola Deputación, pola colaboración ofrecida aos municipios afectados, pola edición de material divulgativo e polo posible reparto de lentes homologadas para garantir unha observación segura da eclipse.

Con todo, Álvaro Vila insiste en que «aínda estamos a tempo de rectificar». «A eclipse non entende de cores políticas. O que pedimos é que a Deputación estea á altura dun acontecemento histórico, que informe á veciñanza, que colabore cos concellos e que facilite materiais básicos como lentes homologadas para que todo o mundo poida desfrutar deste fenómeno con seguridade», explica.

«O peor que podería facer a Deputación sería deixar pasar unha oportunidade irrepetible para promocionar Ourense e apoiar aos municipios. Aínda quedan semanas por diante e esperamos que o goberno provincial abandone a súa pasividade e se implique como merece un evento destas dimensións», conclúe o portavoz socialista.