A ÁREA PROVINCIAL DE MIGRACIÓNS DO PSDEG-PSOE DE OURENSE AXUDA A PERSOAS EMIGRANTES RETORNADAS A RECUPERAR PENSIÓNS PRIVADAS DE ALEMAÑA
As persoas afectadas deixaran de percibir estas prestacións, cun importe que oscila entre os 70 e os 300 euros mensuais, debido a que os organismos pagadores alemáns non dispoñían do número de identificación fiscal persoal permanente, coñecido en Alemaña como Steueridentifikationsnummer
A secretaria provincial de migracións, Teresa Barge, destaca a importancia do asesoramento especializado para garantir os dereitos das persoas retornadas e ofrece o apoio da Secretaría Provincial de Migracións a quen se atope nesta situación
Ourense, 10 de xullo de 2026. A Secretaría Provincial de Migracións do PSdeG-PSOE de Ourense vén de prestar apoio nas últimas semanas a varias persoas emigrantes retornadas de Alemaña con residencia en Galicia, Andalucía e na Comunidade Valenciana para recuperar o cobro das súas pensións privadas, procedentes tanto das empresas nas que traballaron como dos plans de pensións obrigatorios subscritos no seu día con entidades aseguradoras alemás.
As persoas afectadas deixaran de percibir estas prestacións, cun importe que oscila entre os 70 e os 300 euros mensuais, debido a que os organismos pagadores alemáns non dispoñían do número de identificación fiscal persoal permanente, coñecido en Alemaña como Steueridentifikationsnummer (Steuer-ID ou IdNr.). Trátase dun número único que se asigna unha soa vez na vida, que non cambia por cambio de domicilio, estado civil ou nome, e que resulta imprescindible para tramitar o pagamento destas pensións privadas, xa que están suxeitas ás obrigas de información tributaria ante as oficinas da Axencia Tributaria alemá competentes segundo a sede da empresa ou aseguradora.
A secretaría provincial de Migracións encargouse de tramitar as correspondentes solicitudes a través da Oficina Central Federal de Impostos de Alemaña (Bundeszentralamt für Steuern – BZSt), con sede en Bonn, obtendo resposta favorable en todos os casos nun prazo aproximado dun mes.
Segundo explica a responsable da área de migracións do PSdeG-PSOE de Ourense, Teresa Barge Dapía, «moitas persoas retornadas descoñecen que existen dous números de identificación fiscal diferentes en Alemaña segundo o tipo de pensión que perciban, o que provoca que deixen de cobrar prestacións ás que teñen pleno dereito».
A responsable provincial sinala que «o NIF alemán asignado de oficio polo Finanzamt Neubrandenburg, que serve para tributar polas pensións públicas da Seguridade Social alemá percibidas desde o estranxeiro, non é válido para cobrar as pensións procedentes dos plans privados de empresa ou das aseguradoras». Nestes casos, é necesario solicitar expresamente o Steuer-ID ante a Oficina Central Federal de Impostos alemá.
«Estamos falando de cantidades que, aínda que nalgúns casos poidan parecer modestas, supoñen un complemento económico moi importante para moitas persoas pensionistas retornadas. O noso compromiso é axudalas a exercer os seus dereitos e evitar que perdan prestacións por simples cuestións administrativas», afirma Teresa Barge Dapía.
Desde a Secretaría Provincial de Migracións do PSdeG-PSOE de Ourense fan un chamamento a todas aquelas persoas emigrantes retornadas de Alemaña que poidan atoparse nesta situación para que se poñan en contacto coa área provincial de Migracións. O servizo ofrece asesoramento e colaboración na tramitación deste número de identificación fiscal específico, requisito indispensable para recuperar o cobro das pensións privadas ás que teñen dereito.

