concellos Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Reclamamos un plan urxente para axudar aos concellos fronte ás ruínas

O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLÁMALLE Á DEPUTACIÓN E Á XUNTA UN PLAN URXENTE PARA AXUDAR AOS CONCELLOS A ACTUAR FRONTE ÁS RUÍNAS QUE AMENAZAN A SEGURIDADE NO RURAL

O Grupo Provincial Socialista defenderá no pleno do 23 de xullo unha moción para dotar aos municipios de ferramentas técnicas e financiamento ante un problema que «supera a súa capacidade de actuación»

Eva Pérez Gamote advirte de que «este é un dos maiores problemas aos que se enfrontan hoxe os alcaldes e alcaldesas da provincia», xa que os concellos «vense limitados á hora de actuar diante de inmobles que supoñen un risco para a veciñanza»

Ourense, 10 de xullo de 2026. O Grupo Provincial Socialista levará ao pleno da Deputación de Ourense do vindeiro 23 de xullo unha moción para impulsar un plan provincial de apoio aos concellos na xestión de edificacións en estado de ruína ou risco de derrube, unha realidade cada vez máis presente nos municipios ourensáns e para a que os gobernos locais carecen dos recursos necesarios.

A deputada provincial socialista, Eva Pérez Gamote, advirte de que «este é un dos maiores problemas aos que se enfrontan hoxe os alcaldes e alcaldesas da provincia», xa que os concellos «vense limitados á hora de actuar diante de inmobles que supoñen un risco para a veciñanza».

«Atopámonos nun dos núcleos de poboación que podería ser calquera da provincia de Ourense, porque esta é unha problemática xeneralizada», explica Pérez Gamote, quen subliña que «falamos dun problema estrutural para o que os concellos non teñen nin as ferramentas nin os orzamentos necesarios para facerlle fronte».

Desde o Grupo Provincial Socialista lembran que a Lei do Solo obriga ás persoas propietarias a conservar os seus inmobles en condicións de seguridade, pero denuncian que a realidade dos pequenos concellos dificulta enormemente a aplicación da normativa. «En moitos casos non é posible localizar ás persoas propietarias, existen herdanzas sen resolver ou titulares descoñecidos, o que eterniza os expedientes mentres o deterioro das edificacións continúa avanzando», sinalan.

Para as e os socialistas, esta situación deixa aos concellos «nunha absoluta indefensión», obrigándoos a asumir unha responsabilidade para a que non dispoñen nin dos medios técnicos nin da capacidade económica suficiente.

Por este motivo, a moción reclama á Deputación de Ourense a creación dun plan provincial de apoio aos concellos, dotado con financiamento específico e asistencia técnica especializada para facilitar a tramitación dos expedientes e a execución das actuacións necesarias cando exista risco para as persoas ou os bens.

Ao mesmo tempo, a iniciativa insta á Xunta de Galicia a impulsar un plan autonómico estable que permita financiar actuacións de conservación, consolidación ou demolición, simplificar os procedementos administrativos e crear un Banco Galego de Edificacións en Estado de Ruína ou Abandono que favoreza a recuperación deste patrimonio para novos usos sociais, residenciais ou económicos.

«Levamos esta moción para que tanto a Deputación como a Xunta deixen de mirar cara outro lado e lles dean aos concellos as ferramentas e os orzamentos que necesitan para resolver un problema que, en moitos casos, xa é unha cuestión de seguridade pública e tamén de salubridade», afirma Eva Pérez Gamote.

O Grupo Provincial Socialista considera que a proliferación de inmobles abandonados non só supón un risco para a integridade das persoas, senón que tamén acelera a degradación do patrimonio arquitectónico tradicional e da imaxe dos pobos da provincia. Por iso, reclama unha resposta coordinada entre administracións que permita actuar con maior rapidez e eficacia, especialmente nos municipios con menor capacidade económica e de xestión.

«Os concellos non poden seguir afrontando sós un problema que medra ano tras ano. É o momento de que a Deputación cumpra coa súa función de cooperación municipal e de que a Xunta asuma tamén a súa responsabilidade para protexer o rural ourensán», conclúen as e os socialistas.