O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS LOGRA O APOIO DO PLENO PARA SACAR ADIANTE AS SÚAS DÚAS MOCIÓNS E CONSEGUE QUE O GOBERNO LOCAL INCORPORE MÁIS DA METADE DAS SÚAS PROPOSTAS PARA OBRAS CO REMANENTE DE TESOURERÍA
A iniciativa para mellorar os locais sociais foi aprobada por unanimidade, mentres que a proposta para ampliar a apertura da Casa da Mocidade saíu adiante co apoio do PSOE, o PP e os dous concelleiros non adscritos
Ana Belén Peleteiro destacou que «o estado dos locais sociais define o modelo de concello que queremos: ou apostamos por uns espazos dignos e vivos, ou contribuímos ao seu deterioro e ao illamento do rural»
Noemí Pintos lembrou que «estamos falando dunhas instalacións nas que xa se realizou un importante investimento público e que deben aproveitarse ao máximo. O goberno municipal non pode dar un paso atrás nun servizo que xa demostrara a súa utilidade social»
Se o goberno acepta actuacións que consideramos prioritarias para o municipio, o noso deber é actuar con responsabilidade e facilitar que eses investimentos poidan executarse. Facemos unha oposición útil, baseada nas propostas e non no bloqueo», sinalou Victoria Morenza
O Grupo Municipal Socialista tamén lamenta a forma na que se desenvolveu esta sesión plenaria, que tivo que celebrarse en dúas xornadas como consecuencia da improvisación do goberno municipal na súa organización
Barbadás, 10 de xullo de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás amosa a súa satisfacción polo resultado do pleno municipal celebrado hoxe, no que saíron adiante as dúas mocións presentadas polo Grupo Municipal Socialista e no que, ademais, o goberno incorporou máis da metade das propostas formuladas polo PSOE ao suplemento de crédito financiado co remanente de tesourería.
A primeira das iniciativas socialistas, destinada a impulsar un plan de mellora, conservación e mantemento dos locais sociais das parroquias, foi aprobada por unanimidade de toda a corporación.
A concelleira, Ana Belén Peleteiro, destacou que «o estado dos locais sociais define o modelo de concello que queremos: ou apostamos por uns espazos dignos e vivos, ou contribuímos ao seu deterioro e ao illamento do rural». A edil socialista lembrou tamén que «non estamos a falar de edificios secundarios, senón de infraestruturas fundamentais para a vida das parroquias e para o tecido asociativo, que precisa espazos adecuados para organizarse, medrar e seguir sendo motor de participación».
Pola súa banda, a moción para ampliar a apertura da Casa da Mocidade durante as fins de semana e os períodos vacacionais tamén foi aprobada, co voto favorable do PSdeG-PSOE, do Partido Popular e dos dous concelleiros non adscritos. O BNG, Partido Galego e os tres membros do equipo de goberno optaron pola abstención.
A concelleira, Noemí Pintos, valorou moi positivamente este acordo ao considerar que «supón un paso importante para recuperar un servizo pensado para a mocidade precisamente nos momentos nos que máis o necesita». Pintos insistiu en que «non ten sentido que un espazo creado para a mocidade permaneza pechado cando as mozas e os mozos máis poden desfrutalo. A Casa da Mocidade debe ser un verdadeiro punto de encontro, convivencia e participación, non un servizo limitado a un horario administrativo». Ademais, lembrou que «estamos falando dunhas instalacións nas que xa se realizou un importante investimento público e que deben aproveitarse ao máximo. O goberno municipal non pode dar un paso atrás nun servizo que xa demostrara a súa utilidade social».
O PSOE facilita a aprobación do remanente tras lograr que o goberno acepte 8 das 15 actuacións propostas
Outro dos aspectos destacados da sesión foi a aprobación do suplemento de crédito con cargo ao remanente de tesourería. O Grupo Municipal Socialista votou favorablemente esta modificación orzamentaria despois de que o goberno municipal aceptase incorporar 8 das 15 actuacións presentadas polo PSOE para mellorar distintos espazos e servizos públicos do municipio.
Desde o PSdeG-PSOE destacan que este respaldo foi posible porque o executivo asumiu máis da metade das propostas formuladas polo grupo socialista, demostrando que unha oposición responsable tamén é capaz de influír nas políticas municipais e conseguir investimentos beneficiosos para a veciñanza.
«As nosas propostas non buscaban confrontar, senón mellorar Barbadás. Se o goberno acepta actuacións que consideramos prioritarias para o municipio, o noso deber é actuar con responsabilidade e facilitar que eses investimentos poidan executarse. Facemos unha oposición útil, baseada nas propostas e non no bloqueo», sinalou a voceira do PSdeG-PSOE en Barbadás, Victoria Morenza Doforno.
Criticas a improvisación na convocatoria e no desenvolvemento do pleno
O Grupo Municipal Socialista tamén lamenta a forma na que se desenvolveu esta sesión plenaria, que tivo que celebrarse en dúas xornadas como consecuencia da improvisación na súa organización.
As socialistas lembran que a actual composición da corporación, coa presentación de dúas mocións por parte dos concelleiros non adscritos, facía prever unha sesión máis extensa. Inicialmente o alcalde anunciou que a continuación do pleno sería o mércores, unha opción que finalmente non foi posible ao non cumprir os prazos legais de convocatoria. Posteriormente convocouse para o xoves, convocatoria que tamén tivo que modificarse, quedando finalmente fixada para este venres.
A voceira socialista, Victoria Morenza, critica ademais que durante a sesión se incorporase no medio da orde do día un asunto extraordinario relativo ao convenio co Concello de Ourense en materia de saneamento, cando, ao tratarse dun punto introducido posteriormente, debería terse debatido ao remate da sesión. «Como consecuencia desa decisión quedaron sen debater iniciativas da oposición mentres se daba prioridade a unha proposta do propio goberno municipal. Se había que deixar asuntos para unha segunda sesión, o lóxico era que fose o último punto incorporado á orde do día e non as mocións presentadas polos grupos da oposición», afirma Morenza.
Desde o PSdeG-PSOE consideran que esta situación pon de manifesto «unha preocupante falta de planificación na organización dos plenos» e reclaman que no futuro se respecte escrupulosamente a orde dos asuntos e os procedementos establecidos, garantindo un funcionamento rigoroso e transparente da institución municipal.

