Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL Transporte

Reclamamos que se axilice a implantación do transporte metropolitano

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA URXE AXILIZAR A IMPLANTACIÓN DO TRANSPORTE METROPOLITANO TRAS OS NOVOS AVANCES DA COMISIÓN TÉCNICO-POLÍTICA

As e os socialistas destacan que os acordos acadados son froito da iniciativa impulsada polo PSOE na Deputación e reclaman que as administracións «pasen das palabras aos feitos» para dar resposta a unha demanda histórica da comarca

«O transporte metropolitano non pode seguir sendo unha promesa permanente. É unha necesidade para milleiros de persoas que cada día se desprazan entre a capital e os concellos da contorna por motivos laborais, educativos, sanitarios ou de lecer», subliña Álvaro Vila

Ourense, 15 de xullo de 2026. O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense valora os avances acadados na última reunión da comisión técnico-política para a implantación do transporte metropolitano na comarca de Ourense. Unha mesa de traballo creada a raíz da moción presentada polos socialistas na institución provincial, co obxectivo de impulsar unha solución definitiva para a mobilidade entre a cidade e os concellos da súa contorna.

Na reunión déronse novos pasos para facer realidade este proxecto. Entre eles, o compromiso do Concello de Ourense á extensión de oito liñas do transporte urbano aos concellos limítrofes coa cidade, unha medida que permitirá avanzar na integración do transporte público metropolitano. Ademais, a Xunta de Galicia comprometeuse a presentar un estudo para redefinir as actuais liñas de transporte interurbano da súa competencia, adaptándoas ao futuro modelo metropolitano e mellorando a coordinación entre os distintos servizos.

Outro dos compromisos acadados foi o de avanzar na implantación dunha tarxeta ou billete único entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, permitindo ás persoas usuarias empregar indistintamente ambos servizos de transporte público e facilitando así unha mobilidade máis cómoda, eficiente e integrada.

O voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación e secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila, lembra que «esta mesa de traballo é consecuencia directa da moción que presentamos desde o Grupo Provincial Socialista porque tiñamos claro que era imprescindible sentar na mesma mesa ás administracións implicadas para desbloquear un proxecto que a comarca leva anos reclamando».

«O transporte metropolitano non pode seguir sendo unha promesa permanente. É unha necesidade para milleiros de persoas que cada día se desprazan entre a capital e os concellos da contorna por motivos laborais, educativos, sanitarios ou de lecer», subliña.

O dirixente socialista incide en que os acordos acadados «van na boa dirección», pero reclama a “máxima axilidade” para evitar que o proxecto continúe acumulando atrasos. «Non hai razón para seguir demorando unha iniciativa que conta co consenso das administracións. Se os trámites poden completarse durante o mes de agosto, mellor que esperar a setembro. O importante é que a cidadanía poida comezar a beneficiarse canto antes dun transporte público moderno, coordinado e adaptado ás necesidades actuais», afirma Vila.

«O Grupo Provincial Socialista seguirá facendo un seguimento permanente deste proceso para garantir que os compromisos adquiridos se cumpran nos prazos previstos”, afirma o voceiro do Grupo Provincial Socialista, que conclúe sinalando que “o noso obxectivo é que o transporte metropolitano deixe de ser unha reivindicación histórica e pase a ser unha realidade para a veciñanza da comarca de Ourense».