O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA ACUSA A LUÍS MENOR DE BUSCAR CULPABLES FÓRA PARA AGOCHAR OS INCUMPRIMENTOS DA XUNTA E DA DEPUTACIÓN NA PREVENCIÓN DE INCENDIOS
Álvaro Vila afirma que «quen non foi capaz de esixir ao seu partido que cumpra coa limpeza das franxas nin coa posta en marcha das medidas prometidas non ten autoridade moral para dar leccións a ninguén»
Lembra que xa pasou un ano desde que Alfonso Rueda anunciou «a bombo e prato» que a Xunta asumiría a limpeza das franxas secundarias nos concellos de menos de 10.000 habitantes. «Estamos a 15 de xullo, en pleno período de máximo risco de incendios, e aquelas promesas quedaron en papel mollado”
Critica tamén o «silencio absoluto» da Deputación sobre a Mesa Provincial de Incendios. «Convocouse unha mesa con expertos, colectivos, asociacións e grupos políticos, recolléronse propostas e comprometeuse un plan de actuación. Un ano despois non hai conclusións, non hai medidas e non hai explicacións”
Ourense, 16 de xullo de 2026. O Grupo Provincial Socialista cualifica de «cinismo político» as declaracións do presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, responsabilizando a ADIF dos incendios provocados polo paso dun tren, mentres continúa «calando e xustificando os reiterados incumprimentos da Xunta de Galicia e da propia Deputación en materia de prevención».
«O señor Menor apresúrase a sinalar culpables cando o responsable non leva as siglas do PP, pero permanece mudo ante a deixadez do goberno galego e da institución que el mesmo preside. Iso non é defender Ourense, iso é defender ao Partido Popular», afirma o portavoz socialista, Álvaro Vila Araújo.
Vila lembra que xa pasou un ano desde que Alfonso Rueda anunciou «a bombo e prato» que a Xunta asumiría a limpeza das franxas secundarias nos concellos de menos de 10.000 habitantes. «Estamos a 15 de xullo, en pleno período de máximo risco de incendios, e aquelas promesas quedaron en papel mollado. Nin se limparon as franxas, nin se formalizaron os convenios cos particulares, nin os concellos deixaron de soportar unhas obrigas que a Xunta asegurou que asumiría».
«O PP volveu vender titulares en lugar de solucións. Fixeron propaganda coa prevención, pero cando chegou a hora de cumprir desapareceron. E agora pretenden desviar a atención buscando culpables fóra», denuncia.
O portavoz socialista critica tamén o «silencio absoluto» da Deputación sobre a Mesa Provincial de Incendios. «Convocouse unha mesa con expertos, colectivos, asociacións e grupos políticos a petición nosa, recolléronse propostas e comprometeuse un plan de actuación. Un ano despois non hai conclusións, non hai medidas e non hai explicacións. Todo quedou nunha operación de maquillaxe política para apagar a contestación social tras os incendios do pasado verán».
«Se Menor quere falar de neglixencias, que empece por explicar por que a Deputación segue sen presentar o resultado da Mesa de Incendios e por que non lle esixe á Xunta que cumpra cos compromisos adquiridos coa veciñanza desta provincia», reclama Vila.
Para o Grupo Provincial Socialista, «o máis grave non é que o presidente da Deputación busque responsabilidades noutras administracións; o máis grave é que garde silencio diante dos incumprimentos do seu propio partido mentres Ourense afronta outro verán co monte cargado de biomasa e sen as medidas de prevención prometidas».
«Menor debería decidir se quere seguir actuando como portavoz da Xunta ou empezar a exercer como presidente da Deputación. Porque a súa obriga é defender os intereses da provincia, non tapar as vergoñas do Partido Popular», conclúe Álvaro Vila.

