O PSDEG-PSOE DA MERCA DENUNCIA GRAVES IRREGULARIDADES NA ACTUACIÓN DO ALCALDE, INSULTOS Á OPOSICIÓN E A “MENTALIDADE FEUDAL” DO GOBERNO MUNICIPAL
As e os socialistas denuncian presuntas irregularidades na adxudicación dunha residencia de maiores á empresa privada do alcalde, advertindo de posibles conflitos de intereses, falta de transparencia e un grave prexuízo para os intereses públicos da Merca
O PSdeG-PSOE censura o comportamento do rexedor durante o último Pleno, no que, segundo denuncian, respondeu con insultos, tratou de impedir o exercicio dos dereitos da oposición e converteu a sesión nun exemplo da deterioración democrática do Concello
Carlos Sousa asegura que o grupo socialista continuará fiscalizando a acción do goberno local «sen deixar pasar nin unha soa irregularidade» e denuncia que o executivo municipal actúa cunha «mentalidade feudal» incompatible cos principios de transparencia, legalidade e rendición de contas
A Merca, 16 de xullo de 2026. O Grupo Municipal Socialista da Merca presentou no último pleno unha moción para solicitar a reprobación formal do alcalde pola súa falta de ética política na xestión dos seus intereses privados e públicos, así como para esixir a súa comparecencia pública e a aclaración documental dunha serie de feitos sobre os que existen graves indicios de irregularidades.
O voceiro socialista, Carlos Sousa, denunciou que a iniciativa nace da obriga da oposición de exercer o control democrático e a fiscalización da acción de goberno, especialmente cando existen cuestións que afectan á transparencia institucional e á confianza da cidadanía nas súas institucións.
Indicios de irregularidades na concesión dunha residencia
Durante a defensa da moción, o Grupo Municipal Socialista expuxo unha serie de feitos relacionados coa concesión da xestión dunha residencia de maiores no concello da Bola á empresa privada do alcalde da Merca, Consultorio Médico San Rosendo S.L.
Segundo explicou Carlos Sousa, existen indicios de que o procedemento puido sustentarse nunha operación de “enxeñaría contable” que permitiu reducir artificialmente o valor estimado do contrato desde máis de 25 millóns de euros ata apenas 257.000 euros. Esta redución tería como consecuencia evitar a publicación da licitación no Diario Oficial da Unión Europea e diminuír a garantía esixida desde máis de 1,25 millóns de euros ata arredor de 12.800 euros.
O PSdeG-PSOE tamén sinala outras circunstancias que considera especialmente graves, entre elas a aceptación dun sobrecusto superior ao 50% respecto do orzamento inicial das obras, a concesión de puntuacións que non figuraban nos pregos da contratación, a posible colisión de intereses coa condición do rexedor como médico en activo do SERGAS e o veto exercido polo goberno local á creación dun centro de día público na Merca. “Estamos ante feitos que requiren explicacións públicas e documentación clara. A transparencia non pode depender da vontade do alcalde nin da maioría absoluta do Partido Popular”, sinalou Sousa.
Insultos e perda do decoro institucional
O Grupo Municipal Socialista lamenta profundamente o comportamento mostrado polo alcalde durante o debate plenario. Segundo denuncia o PSdeG-PSOE da Merca, lonxe de responder aos feitos expostos, o rexedor optou polo ataque persoal e chegou a referirse ao Partido Socialista empregando expresións insultantes impropias dun cargo institucional. “Cando se responde con insultos en lugar de con argumentos, o que queda en evidencia é a incapacidade para rebater os feitos. Os veciños e veciñas da Merca merecen explicacións, non descualificacións”, afirmou Carlos Sousa.
Un goberno que pretende converter o pleno nun espazo sen oposición
As e os socialistas denuncian tamén as dificultades sufridas durante a sesión para exercer os seus dereitos como grupo da oposición. Segundo explica Sousa, foi necesario invocar reiteradamente o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (ROF) para garantir o dereito de intervención e para evitar que o equipo de goberno limitase o debate democrático.
“O alcalde e o seu goberno actúan como se as sesións plenarias fosen unha reunión privada. Confunden unha institución democrática cun espazo no que poden decidir quen fala, cando fala e que se pode dicir”, asegurou o portavoz socialista.
O PSdeG denuncia a “mentalidade feudal” expresada pola tenente de alcalde
O Grupo Municipal Socialista considera especialmente preocupantes as manifestacións realizadas pola tenente de alcalde, Josefina Carrera, durante o Pleno, cando cuestionou que a oposición investigase e fiscalizase a actividade empresarial do rexedor. Para o PSdeG-PSOE, estas declaracións revelan unha concepción profundamente equivocada da democracia local.
“As palabras da tenente de alcalde evidencian unha auténtica mentalidade feudal. Parece que consideran que determinados cargos públicos son intocables e que a oposición non ten dereito a pedir explicacións sobre contratacións, sobrecustos ou posibles conflitos de intereses. Nada máis lonxe da realidade”, manifestou Carlos Sousa.
As e os socialistas lembran que fiscalizar a acción de goberno é unha obriga legal e democrática da oposición e subliñan que existe unha diferenza clara entre a vida privada dunha persoa e aquelas actuacións empresariais que afectan á contratación pública e ao interese xeral.
“Non vou quedar caladiño ante estas barbaridades”
O portavoz socialista advertiu que o seu grupo continuará exercendo unha oposición firme e rigorosa fronte ás prácticas que considera incompatibles cun funcionamento democrático normal.
“O erro histórico que cometen é confundir que o de antes era a normalidade. Confunden a impunidade, o caciquismo, a opacidade e o facer o que queren coa legalidade. Esquecen que precisamente no meu caso, ao ser alguén que vén de fóra e libre das súas redes clientelares, non vou quedar caladiño ante estas barbaridades”, afirmou Carlos Sousa.
O portavoz engadiu que “vexo con claridade a decadencia institucional na que se atopa este concello. Quizais pola miña perspectiva, son máis capaz de entender o que significa a democracia e de recoñecer os danos que estes sistemas autocráticos e feudais deixaron na nosa historia. Se cren que con berros e cortinas de fume van tapar a súa xestión, equivócanse. Que o teñan moi claro: isto é só o principio”.
O Grupo Municipal Socialista reafirma o seu compromiso coa defensa da legalidade, da transparencia e dos intereses dos veciños e veciñas da Merca, e asegura que seguirá impulsando todas as iniciativas necesarias para garantir a rendición de contas e o correcto funcionamento das institucións municipais.
O medo á votación nominal: Que teñen que esconder?
A moción rexistrada polo noso grupo esixía que a votación se realizase con carácter nominal, mediante chamamento individual de cada concelleiro. O desconcerto do alcalde ante esta exixencia democrática foi tal que intentou tombar esta modalidade de voto mesmo antes de que se chegase a ler a moción e de que as e os socialistas puidesen chegar á defensa dos feitos. “A nosa valoración sobre esta manobra é moi clara: se un non ten absolutamente nada que esconder, que máis dá se a votación é nominal ou non?”, sinalaron dende o PSOE da Merca. “O que evidenciou este intento desesperado foi o medo real do alcalde a perder o apoio dos seus propios concelleiros, temendo que non estivesen dispostos a dar a cara individualmente e de viva voz para ser cómplices destas barbaridades”, afirmaron as e os socialistas.

