O PSDEG-PSOE DE OURENSE EXPRESA A SÚA FONDA DOR POLO FALECEMENTO DE VICENTE GÓMEZ GARCÍA, ALCALDE DE CASTRELO DO VAL
Ourense, 17 de xullo de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense lamenta profundamente o falecemento do compañeiro Vicente Gómez García, alcalde de Castrelo do Val, e traslada o seu máis sentido pésame á súa familia, amizades, compañeiros e compañeiras da Agrupación Socialista de Castrelo do Val, así como a toda a veciñanza do municipio.
Coa súa perda desaparece un referente do municipalismo socialista ourensán e un servidor público que dedicou boa parte da súa vida ao progreso do seu concello e á defensa dos intereses da cidadanía. A súa traxectoria política, iniciada a finais da década dos oitenta, estivo marcada polo compromiso co socialismo, coa igualdade de oportunidades e coa mellora da calidade de vida no rural ourensán. Foi alcalde de Castrelo do Val desde o ano 2005, revalidando a confianza da veciñanza elección tras elección con amplas maiorías, ademais de desempeñar responsabilidades como deputado provincial.
Vicente Gómez García destacou sempre pola súa proximidade, pola súa capacidade de diálogo e por un profundo coñecemento da realidade do territorio. Traballou con dedicación e honestidade para impulsar o desenvolvemento de Castrelo do Val, defender os servizos públicos e loitar contra a perda de poboación, converténdose nunha voz respectada dentro do municipalismo galego.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila, quere recoñecer tamén “a súa calidade humana, o seu compañeirismo e a súa permanente disposición para colaborar co partido e cos seus compañeiros e compañeiras”. “O seu legado permanecerá na memoria do socialismo ourensán e de todas as persoas que compartiron con el anos de traballo e compromiso coa veciñanza”, subliña Vila.
Nestes momentos de dor, toda a familia socialista ourensá únese ao pesar da súa familia e das persoas achegadas, compartindo a tristeza pola perda dun home que fixo da política unha ferramenta de servizo público e de transformación social.

