O PSDEG-PSOE DE MELÓN ACUSA AO PP DE UTILIZAR OS XULGADOS COMO ARMA POLÍTICA TRALA RESOLUCIÓN DA AUDIENCIA PROVINCIAL QUE ESTIMA O RECURSO DO CONCELLO
Consideran que a resolución da Audiencia Provincial de Ourense supón un “duro revés” para a estratexia de confrontación impulsada polo exalcalde do PP, Manuel Alberto Pardellas, despois de que o tribunal estimase o recurso presentado polo concello de Melón e deixase sen efecto a súa personación como denunciante no procedemento xudicial
Emilio Luís Díaz asegura que «esta resolución deixa en evidencia unha maneira de facer política baseada na denuncia permanente, na confrontación e na utilización dos tribunais para intentar desgastar ao goberno municipal”
Tamén reclama ao PP «un exercicio de responsabilidade e de respecto ás institucións», ao considerar que «cando se fan acusacións públicas e se intenta construír un relato político a través dos procedementos xudiciais, tamén hai que asumir as consecuencias cando os tribunais desautorizan esa forma de actuar»
Melón, 17 de xullo de 2026. O PSdeG-PSOE de Melón considera que a resolución da Audiencia Provincial de Ourense supón un “duro revés” para a estratexia de confrontación impulsada polo ex alcalde do PP, Manuel Alberto Pardellas Álvarez, despois de que o tribunal estimase o recurso presentado polo Concello de Melón e deixase sen efecto a súa personación como denunciante no procedemento xudicial.
A resolución revoga o criterio do xulgado de primeira instancia de Ribadavia ao concluír que Pardellas Álvarez non podía ostentar esa condición procesual na forma en que fora admitido, estimando integramente o recurso presentado polo Concello. Trátase, ademais, dunha resolución firme, contra a que non cabe recurso ordinario.
O alcalde de Melón, Emilio Luís Díaz, asegura que «esta resolución deixa en evidencia unha maneira de facer política baseada na denuncia permanente, na confrontación e na utilización dos tribunais para intentar desgastar ao goberno municipal”. Neste senso, tamén sinala que “hoxe queda claro que o concello tiña razón ao defender que as regras do proceso debían cumprirse para todos».
Para o rexedor socialista, «o Partido Popular leva demasiado tempo máis preocupado por buscar titulares e xerar ruído que por facer oposición con propostas para Melón” e apunta que “namentres nós dedicamos os nosos esforzos a gobernar e resolver os problemas da veciñanza, outros optan por instalarse na crispación e na política da denuncia».
Díaz engade que «algúns confundiron os xulgados cun escenario de loita política. A Audiencia Provincial acaba de marcar un límite moi claro e desmonta unha actuación procesual que nunca debería terse producido. A legalidade non pode utilizarse de maneira interesada segundo conveña a cada quen».
O alcalde tamén reclama ao PP de Melón «un exercicio de responsabilidade e de respecto ás institucións», ao considerar que «cando se fan acusacións públicas e se intenta construír un relato político a través dos procedementos xudiciais, tamén hai que asumir as consecuencias cando os tribunais desautorizan esa forma de actuar».
Desde o PSdeG-PSOE de Melón afirman que esta resolución «reforza a actuación do concello na defensa da legalidade e desmonta unha parte esencial da estratexia xudicial impulsada polo ex alcalde popular». Ao mesmo tempo, reiteran que o goberno municipal «seguirá centrado no traballo diario, na xestión responsable e na defensa dos intereses da veciñanza, fronte a quen pretende substituír o debate político por unha campaña permanente de denuncias e confrontación».
A formación socialista insiste en expresar o seu máximo respecto á independencia xudicial e lembra que a resolución da Audiencia Provincial se limita a resolver unha cuestión procesual relativa á personación do denunciante, estimando integramente o recurso formulado polo Concello de Melón. As e os socialistas conclúen asegurando que «Melón merece unha oposición seria, responsable e con alternativas, non unha política baseada na utilización dos tribunais como ferramenta de desgaste político», ao tempo que expresan o seu absoluto respecto á independencia xudicial e ás resolucións dos tribunais

