O PSDEG-PSOE DE LEIRO DENUNCIA QUE A DEPUTACIÓN CONVERTEU A ESTRADA DE BERÁN NUNHA “CHAPUZA” DE GRAVILLA E PARCHES POR PURO ELECTORALISMO
Os concelleiros socialistas Pedro José González e Manuel Rodríguez denuncian o agravio comparativo con outras actuacións da institución provincial e esixen a reparación inmediata da OU-0307 antes de que se produza un accidente
Reclaman unha actuación inmediata para corrixir todos os defectos da obra antes da chegada das choivas e advirten de que a situación actual incrementa notablemente o risco de accidentes
«Esiximos que a Deputación trate aos veciños e veciñas de Berán coa mesma dignidade e co mesmo nivel de investimento que ao resto do concello. A seguridade viaria non pode depender dos intereses electorais de ninguén», subliñan González e Rodríguez
Leiro, 21 de xullo de 2026. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia o que considera un novo exemplo de electoralismo e trato discriminatorio por parte da Deputación de Ourense, tralas obras executadas na estrada provincial OU-0307, ao seu paso por Berán. Segundo denuncian as e os socialistas, a actuación realizouse con materiais e acabados de inferior calidade aos empregados noutras estradas provinciais do propio concello, deixando unha vía con graves deficiencias que comprometen a seguridade viaria.
O Grupo Municipal Socialista lembra que, mentres na estrada OU-0306, ao seu paso por Paredes e Saa, se executou unha renovación integral con aglomerado asfáltico en quente, sinalización horizontal e remates de calidade, na OU-0307 optouse por unha intervención baseada en tripla rega e parches en frío, sen remates adecuados e cunha importante acumulación de grava solta sobre a calzada”.




Entre as deficiencias detectadas figuran a presenza de grava que reduce a adherencia dos vehículos e provoca a proxección de pedras, os noiros escavados sen ningún sistema de protección fronte a desprendementos, a ausencia total de pintura viaria nun tramo de curvas e escasa visibilidade e a invasión de terra sobre o firme pola inexistencia de cunetas transitables.
O concelleiro socialista, Pedro José González, asegura que «o resultado desta obra demostra que a prioridade da Deputación non foi facer un traballo ben executado, senón chegar a tempo para poder inaugurar unha actuación antes das eleccións”. Asemade, tamén apunta que “os veciños e as veciñas de Berán merecen as mesmas infraestruturas e o mesmo nivel de investimento ca calquera outro núcleo do concello; non poden ser tratados como cidadáns de segunda».
González engade que «é inadmisible que se xogue coa seguridade viaria por intereses propagandísticos. O que debía ser unha mellora converteuse nun risco para quen transita diariamente por esta estrada».
Pola súa banda, o concelleiro Manuel Rodríguez critica tamén a falta de transparencia da institución provincial. «Presentamos as correspondentes reclamacións e solicitamos acceso ao expediente para coñecer os criterios técnicos que motivaron esta actuación, pero o único que atopamos foi silencio administrativo e unha negativa constante a manter unha reunión institucional para abordar un problema que afecta directamente á veciñanza».
Rodríguez considera que «a Deputación ten a obriga de explicar por que nunhas estradas inviste en obras de primeira calidade e noutras deixa actuacións claramente deficientes. O único que reclamamos é seguridade, transparencia e igualdade de trato para Berán».
As e os socialistas lembran que, tralas denuncias presentadas, a Deputación abriu un expediente para abordar as deficiencias detectadas na actuación, aínda que critican a demora na resposta administrativa e a ausencia de explicacións políticas sobre o sucedido.
Desde o PSdeG-PSOE de Leiro reclaman unha actuación inmediata para corrixir todos os defectos da obra antes da chegada das choivas e advirten de que a situación actual incrementa notablemente o risco de accidentes nunha vía especialmente utilizada por dar acceso, entre outros puntos, ao Balneario de Berán.
«O que pedimos non é ningún privilexio», conclúen Pedro José González e Manuel Rodríguez. «Esiximos que a Deputación trate aos veciños e veciñas de Berán coa mesma dignidade e co mesmo nivel de investimento que ao resto do concello. A seguridade viaria non pode depender dos intereses electorais de ninguén». O Grupo Municipal Socialista asegura que continuará facendo un seguimento deste expediente e esixindo responsabilidades ata que a estrada reúna as condicións de seguridade e calidade que merece a veciñanza de Leiro.

