O PSDEG-PSOE DA MERCA DENUNCIA A “BURLA” DUN ALCALDE QUE SE DECLARA “VIRTUAL” PARA FUXIR DOS PRESUNTOS ESCÁNDALOS DA SÚA EMPRESA PRIVADA
As e os socialistas cualifican de “cortina de fume de manual” a reportaxe propagandística publicada na prensa só catro días despois de que a oposición destapase a presunta adxudicación irregular de 25 millóns de euros presuntamente vinculada á empresa do rexedor
Carlos Sousa esixe dedicación ou a dimisión inmediata do alcalde e sinala que “A Merca non pode permitirse un goberno de tempo libre nin un alcalde que ve o concello como un simple hobby mentres os veciños sofren carencias básicas”
A Merca, 22 de xullo de 2026. O PSdeG-PSOE da Merca manifesta a súa absoluta “indignación” trala publicación na prensa provincial dunha reportaxe centrada na figura do alcalde, José Manuel Garrido, e na súa faceta como médico na súa clínica privada.
Para o PSdeG-PSOE, a publicación constitúe unha evidente estratexia de “branqueamento e control de danos” e está deseñada para desviar a atención pública. Asemade tamén apuntan que “está executada á desesperada”, apenas catro días despois de que a oposición socialista denunciase no pleno graves indicios de presunta “enxeñaría contable” e posibles conflitos de intereses na concesión dunha residencia de maiores, supostamente vinculada á empresa do rexedor.
O voceiro socialista, Carlos Sousa, cualifica de “insulto directo á intelixencia e á decencia de todos os veciños e as veciñas da Merca” as declaracións literais do alcalde recollidas no devandito artigo, no que afirma: “Llevo toda la vida de médico, lo de alcalde es un añadido. Casi lo soy de manera virtual”.
Unha fuxida cara adiante ante a gravidade dos expedientes
Para as e os socialistas, estas declaracións non constitúen un simple exceso de sinceridade, senón “unha manobra calculada para tentar eludir as súas posibles responsabilidades políticas ante a gravidade dos feitos denunciados”. O PSOE lembra que está esixindo explicacións sobre como un contrato cun valor estimado superior aos 25 millóns de euros foi presuntamente reducido artificialmente a 257.000 euros, unha operación que podería ter como obxectivo eludir os controis europeos e rebaixar as garantías esixidas.
“Cando supostamente non tes os expedientes en regra nin podes xustificar os aparentes sobrecustos ou o veto á votación nominal no pleno, o único que che queda é chamar á prensa para vender unha historia lacrimóxena e entrañable”, explica Sousa.
“O alcalde pretende facer crer á cidadanía que, como el mesmo se considera un alcalde ‘virtual’, non é responsable da opacidade, do caciquismo e da mala xestión que afogan ao noso concello”, sinala o voceiro socialista, que tamén engade que “unha alcaldía non pode ser virtual cando se trata de tomar decisións, xestionar recursos públicos e asumir responsabilidades”.
Problemas moi reais que non se solucionan dende a “virtualidade”
O PSdeG-PSOE da Merca subliña que, mentres o alcalde atende os seus negocios privados e se dedica á política nos seus intres de lecer, o municipio sofre un abandono xeneralizado que afecta directamente ao día a día da veciñanza.
A falta de xestión nos servizos básicos, a carencia de mantemento nas infraestruturas e a deterioración democrática que padece a institución son problemas moi reais que esixen traballo diario, presenza e dedicación constante. “A Merca non precisa un alcalde que estea presente só cando lle convén ou cando hai unha reportaxe que publicar. Precisa un goberno que estea no concello, que dea a cara e que traballe todos os días polos seus veciños”, sinalan desde o grupo socialista.
“Ou está ao 100% ou dá un paso ao lado”
Carlos Sousa quere ser tallante respecto ao futuro institucional do concello. “É totalmente lexítimo ter un negocio familiar. O que é inaceptable e inmoral é utilizar a alcaldía da Merca como un título honorífico. Os impostos dos nosos veciños son reais, as súas necesidades son reais e a nosa obriga de fiscalizar cada euro tamén o é”.
“Un alcalde non pode ser un holograma. Se para el a alcaldía é un simple ‘engadido’, o que ten que facer é dimitir hoxe mesmo e deixar paso a quen estea disposto a traballar en serio”, afirma.
O Grupo Municipal Socialista garante que non se deixará distraer por publirreportaxes nin por estratexias de vitimismo e que continuará co seu traballo de fiscalización e investigación ata as últimas consecuencias, coa finalidade de defender os dereitos, os cartos públicos e a dignidade do pobo da Merca.

