concellos Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Impulsamos un plan de apoio aos concellos para facer fronte ás ruínas

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA IMPULSA UN PLAN DE APOIO AOS CONCELLOS PARA FACER FRONTE Á XESTIÓN DE EDIFICACIÓNS EN ESTADO DE RUÍNA, ABANDONO OU RISCO DE DERRUBE

A moción socialista incorpora o compromiso de elevar ata 1,5 millóns de euros a dotación do Plan Provincial de Vivenda e de crear unha asistencia técnica especializada para axudar aos municipios a actuar fronte ás edificacións abandonadas ou en risco de derrube

Eva Pérez Gamote subliñou que “hoxe non vimos falar simplemente de urbanismo, aínda que o título da moción poida facer pensar que si. Hoxe vimos falar de seguridade pública, de salubridade, de responsabilidade institucional e, sobre todo, de municipalismo”

Agora o importante é que o acordo non quede nunha declaración de intencións e que a Deputación poña en marcha canto antes os recursos económicos e técnicos comprometidos”, apuntou a deputada provincial socialista

Ourense, 23 de xullo de 2026. O Grupo Provincial Socialista conseguiu aprobar por unanimidade da corporación provincial a moción para impulsar un plan específico de apoios aos concellos na xestión de edificacións en estado de ruína, abandono ou risco de derrube. O acordo incorpora o compromiso de ampliar a dotación económica do Plan Provincial de Vivenda ata os 1.500.000 euros, así como de incorporar unha asistencia técnica especializada para apoiar aos municipios na investigación, identificación e regularización da situación destas edificacións.

A iniciativa, que se votou por puntos, contou co respaldo maioritario da corporación provincial, agás nos puntos 2 e 3 dos acordos, nas que o PP se abstivo, saíndo a pesar desta abstención, adiante estes puntos co voto favorable do resto do plenario.

Un problema que cada ano vai a máis

A iniciativa socialista aborda un problema estrutural que afecta cada vez a máis concellos da provincia e que se ve agravado polo abandono do rural, o envellecemento da poboación, a falta de relevo xeracional e o progresivo deterioro de numerosos inmobles. As intensas choivas do pasado inverno agravaron ademais o estado de moitas construcións, provocando novos desprendementos, o colapso de cubertas e a aparición ou ampliación de fendas.

A deputada provincial socialista, Eva Pérez Gamote, subliñou que “hoxe non vimos falar simplemente de urbanismo, aínda que o título da moción poida facer pensar que si. Hoxe vimos falar de seguridade pública, de salubridade, de responsabilidade institucional e, sobre todo, de municipalismo”.

Segundo explicou, detrás da moción existe unha realidade que os alcaldes e alcaldesas coñecen perfectamente: “un veciño chama porque un muro está caendo, porque unha fachada presenta desprendementos, porque unha cuberta pode caer sobre unha rúa ou porque unha casa abandonada ameaza a vivenda do lado. E nese momento xa non importa de quen sexa a propiedade: o primeiro que importa é protexer as persoas. E esa responsabilidade recae sobre o Concello”.

Cando o propietario non pode ser identificado ou localizado

A Lei do Solo de Galicia establece que a obriga de conservar os inmobles corresponde ás súas persoas propietarias. Porén, esta responsabilidade faise especialmente complexa cando os propietarios son descoñecidos, faleceron, existen herdanzas sen formalizar, comunidades hereditarias sen representante ou resultan non localizables tras esgotar os mecanismos de notificación previstos legalmente.

Nestas situacións, e para garantir a seguridade das persoas e dos bens, son os concellos os que deben actuar mediante a execución subsidiaria. Porén, moitos municipios non dispoñen da capacidade económica necesaria para asumir demolicións ou medidas de seguridade urxentes, nin dos medios técnicos para redactar proxectos e dirixir as actuacións, nin do persoal administrativo suficiente para tramitar expedientes de enorme complexidade.

“E ese é precisamente o problema que esta moción pretende comezar a resolver: non cambiar as competencias, senón dotar aos concellos dos medios necesarios para exercelas con eficacia”, afirmou Eva Pérez Gamote.

A Deputación debe cooperar, non deixar só aos municipios

“Alguén dirá que isto é competencia municipal. Claro que o é. Igual que o abastecemento de auga ou a recollida do lixo. E precisamente por iso existen as deputacións: para prestar cooperación económica, técnica e xurídica aos municipios, especialmente aos de menor capacidade”, sinalou Pérez Gamote.

Neste sentido, a representante socialista defendeu que a Deputación non debe substituír aos concellos, senón acompañalos. “Non pedimos que a Deputación substitúa aos concellos. Pedimos que os acompañe, que lles dea ferramentas e que ningún concello teña que afrontar só unha actuación urxente cando está en xogo a seguridade das persoas”, afirmou a deputada provincial socialista.

O Grupo Provincial Socialista considera que a aprobación unánime da moción supón un primeiro paso para construír unha resposta coordinada a un problema que leva décadas medrando e que require a implicación das diferentes administracións.

Un plan galego e un banco de edificacións en ruína

Por iso, as e os socialistas tamén defenden a necesidade de que a Xunta de Galicia impulse un plan galego que dote de financiamento estable aos concellos e promova cambios normativos que permitan axilizar a tramitación de expedientes extraordinariamente complexos. Do mesmo xeito, propoñen a creación dun Banco Galego de Edificacións en Estado de Ruína ou Abandono, que permita identificar estes inmobles, facilitar a súa recuperación e contribuír á revitalización do rural.

“Hoxe temos a oportunidade de empezar a construír unha resposta coordinada a un problema que leva décadas medrando. Agora o importante é que o acordo non quede nunha declaración de intencións e que a Deputación poña en marcha canto antes os recursos económicos e técnicos comprometidos”, apuntou Eva Pérez Gamote.

Desde o Grupo Provincial Socialista subliñan que as ruínas non son un problema meramente estético nin unha cuestión que poida seguir sendo ignorada. Son unha realidade que afecta á seguridade das persoas, á salubridade, á conservación dos núcleos de poboación e á capacidade dos concellos para actuar sobre o seu propio territorio. Por iso, consideran que o acordo aprobado por unanimidade debe marcar o inicio dunha resposta provincial estable, con financiamento suficiente e asistencia técnica especializada.

Máis recursos e asistencia técnica para os concellos

A moción establece o compromiso de ampliar a dotación económica do Plan Provincial de Vivenda ata os 1,5 millóns de euros e de incorporar unha asistencia técnica especializada destinada a apoiar os concellos na investigación, identificación e regularización xurídica, de rexistro e catastral de vivendas e edificacións en estado de ruína ou abandono.

Esta asistencia deberá prestar especial atención aos casos nos que as persoas propietarias sexan descoñecidas, falecidas ou non localizables, existan herdanzas sen formalizar ou concorran outras circunstancias que dificulten a identificación da titularidade e a actuación municipal. Tamén deberá apoiar os concellos na tramitación dos correspondentes expedientes administrativos.

“As leis, por si soas, non derruban unha ruína. As leis non redactan proxectos. As leis non pagan demolicións. As leis non executan actuacións de emerxencia. Quen acaba asumindo esa responsabilidade son os concellos”, advertiu a deputada socialista.

Eva Pérez Gamote lembrou que “cada temporal, cada inverno e cada ano que pasa sen actuar fai que a situación sexa máis difícil e tamén máis custosa de resolver”. Por iso, considerou fundamental que o acordo aprobado se traduza nun compromiso real de apoio aos municipios.