As socialistas de Ourense homenaxearán ao primeiro alcalde socialista da cidade, Manuel Suárez
“Manoliño” foi asasinado na madrugada do 27 de xullo de 1937.
Impulsor da modernización de Ourense nos anos 30, presidente da agrupación local socialista e vicepresidente da Deputación
En Ourense, a 30 de xullo de 2026.
A Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense renderá homenaxe a figura do primeiro alcalde socialista da cidade, Manuel Suárez Castro, que foi fusilado polo bando franquista hai agora 89 anos.
O acto terá lugar o vindeiro luns 3 de agosto, ás 19.00 horas, na Praza da biblioteca Nós (antigo Campo de Aragón). As socialistas destacan o emplazamento como un lugar de especial relevancia pola súa simboloxía, así como, por ser declarado recentemente como Lugar de Memoria polo Ministerio de Memoria Democrática.
‘Manoliño’ foi asasinado na madrugada do 27 de xullo de 1937. Impulsor da modernización de Ourense e do ferrocarril nos anos 30, presidente da agrupación local socialista, vicepresidente da Deputación, cofundador da Caixa de Aforros Provincial e canteiro de profesión. Foi unha das moitas vítimas inocentes que perderon a vida por culpa do golpe de Estado contra o goberno lexítimo da II República.
Os ‘delitos’ que lle costaron a morte a mans dos franquistas foron o de ser alcalde republicano, ser socialista, uxetista e masón. Ata o falecemento de Pablo Iglesias Posse, fundador do partido e sindicato, Manuel Suárez mantivo estreita relación con el. De feito, o seu fillo levou o nome de Pablo en honra a Iglesias, que foi o seu padriño.
Outro dos ourensáns fusilados ese día xunto a ‘Manoliño’ foi Antonio Taboada Novoa, secretario xeral de Juventudes Socialistas de Ourense.

