O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACUSA A RUEDA E AO PP DE CONDENAR O HOSPITAL DE VERÍN AO DESMANTELAMENTO E ESIXE FREAR O ABANDONO DA SANIDADE PÚBLICA
O secretario provincial, Álvaro Vila, participou na multitudinaria mobilización convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e advirte de que o Goberno do PP “está baleirando de servizos un hospital esencial para milleiros de persoas da comarca”
«O que hoxe se viviu en Verín é un berro colectivo contra o abandono ao que o PP está sometendo esta comarca. Alfonso Rueda ten que deixar de mirar para outro lado e asumir dunha vez a súa responsabilidade no desmantelamento progresivo do Hospital de Verín», afirmou Vila
«Cada servizo que desaparece, cada praza que non se cobre e cada paciente que é enviado a outro hospital ou á privada é unha decisión política do PP. Non estamos diante dun problema puntual, senón dunha estratexia que debilita deliberadamente a sanidade pública para xustificar a perda de capacidade dos hospitais comarcais», denunciou
Verín, 1 de agosto de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense participou este sábado na multitudinaria manifestación celebrada en Verín en defensa da sanidade pública e do Hospital Comarcal. Unha mobilización que reuniu a milleiros de veciños e veciñas para dicirlle alto e claro ao goberno de Alfonso Rueda que a comarca non está disposta a aceptar “máis recortes, máis abandono e máis perda de servizos públicos”. Xunto á cidadanía participaron numerosos cargos orgánicos e institucionais do PSdeG-PSOE da bisbarra e da provincia, encabezados polo secretario provincial e voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila.
As e os socialistas denunciaron que o Hospital Público de Verín leva anos sufrindo “un proceso continuado de deterioro provocado polas decisións políticas do Partido Popular e pola falta de compromiso da Xunta de Galicia coa sanidade pública no interior do país”. Unha situación que, segundo sinalan, “está obrigando á veciñanza a soportar menos servizos, máis listas de espera, máis desprazamentos e unha crecente dependencia da sanidade privada”.








«O que hoxe se viviu en Verín é un berro colectivo contra o abandono ao que o PP está sometendo esta comarca. Alfonso Rueda ten que deixar de mirar para outro lado e asumir dunha vez a súa responsabilidade no desmantelamento progresivo do Hospital de Verín», afirmou Álvaro Vila.
O líder provincial socialista lembrou que desde a pandemia desapareceron servizos fundamentais como a Hospitalización a Domicilio (HADO), a Clínica da Dor foi trasladada a Ourense, o hospital continúa sen especialista en Cardioloxía desde finais de 2024, aumentan as listas de agarda en especialidades como Oftalmoloxía e Neuroloxía e continúan as derivacións de intervencións cirúrxicas á sanidade privada.
«Cada servizo que desaparece, cada praza que non se cobre e cada paciente que é enviado a outro hospital ou á privada é unha decisión política do PP. Non estamos diante dun problema puntual, senón dunha estratexia que debilita deliberadamente a sanidade pública para xustificar a perda de capacidade dos hospitais comarcais», denunciou Vila.
Desde o PSdeG-PSOE de Ourense subliñan que a resposta masiva da cidadanía demostra que a paciencia da comarca está esgotada e que Verín non vai resignarse a perder un servizo esencial para garantir a igualdade de oportunidades e o dereito á saúde.
«Rueda ten que entender que o Hospital de Verín non é un gasto, é un servizo esencial para miles de persoas. O rural non pode ser tratado como un territorio de segunda nin os seus veciños e veciñas como cidadáns con menos dereitos. A Xunta debe abandonar a política de recortes e apostar por reforzar os hospitais comarcais», sinalou o secretario provincial.
O PSdeG-PSOE de Ourense esixe ao goberno galego a posta en marcha inmediata dun plan extraordinario para recuperar todos os servizos perdidos, cubrir de maneira estable todas as especialidades médicas, incluída Cardioloxía, reducir as listas de espera, reforzar os cadros de persoal e garantir que o Hospital Público de Verín continúe sendo un centro sanitario de referencia para toda a comarca.
Os socialistas advirten de que seguirán levando esta reivindicación ás institucións e ás rúas «cantas veces sexa necesario», porque «a defensa da sanidade pública é a defensa do dereito da veciñanza a vivir con dignidade na súa terra». «Hoxe Verín deu unha lección de dignidade e de compromiso colectivo. Agora tócalle á Xunta deixar de darlle as costas á comarca e poñer fin, dunha vez por todas, ao desmantelamento do seu hospital», concluíu Álvaro Vila.

