Concello de Ourense EDUCACION Mobilidade

Reclamamos mellorar a mobilidade nas entradas e saídas dos colexios

Propoñen recuperar unha iniciativa que Ourense xa puxo en marcha e que permitía aos nenos e nenas desprazarse aos centros educativos con maior autonomía, contribuía á prevención da obesidade, á redución da contaminación e a fortalecer os vínculos interpersoais e reducir o estrés

En Ourense, a 22 de setembro de 2026. En Ourense, cada mañá e cada mediodía, repítese a mesma situación nas inmediacións de moitos centros educativos: concentración de vehículos, problemas de estacionamento, dobres filas e dificultades para que os nenos e nenas poidan chegar ou saír dos colexios con seguridade. Para as socialistas, esta realidade evidencia que a mobilidade escolar debe formar parte das prioridades do Concello e que non abonda con actuar de maneira puntual sobre o tráfico cando se producen problemas.

Neste senso, a voceira do grupo municipal socialista e secretaria xeral do PSdeG de Ourense, Natalia González, propón recuperar o programa de camiños escolares seguros que a cidade puxo en marcha no ano 2009 e que permitiu crear rutas para que o alumnado puidese acudir aos seus centros andando, acompañado por persoas voluntarias e coa colaboración dos comercios e das asociacións veciñais. “A nosa cidade foi pioneira na implantación deste modelo en Galicia e no barrio do Couto chegou a contar con varias rutas e puntos de encontro”, lembra.

“Ourense xa demostrou hai anos que os camiños escolares son posibles. Non estamos falando de inventar unha medida nova, senón de recuperar unha iniciativa que funcionou e adaptala ás necesidades actuais da urbe”, sinala. Para as edís socialistas unha das principais vantaxes deste modelo é que permite abordar ao mesmo tempo dous problemas: a seguridade dos menores e a excesiva dependencia do vehículo privado nos desprazamentos aos centros educativos.

A proposta do PSOE pasa por analizar, xunto cos propios centros, as ANPAS, a Policía Local, as asociacións veciñais e o comercio de proximidade, os itinerarios que utilizan habitualmente os escolares para deseñar rutas seguras. Estes percorridos deberían contar con pasos de peóns seguros, velocidades axeitadas, medidas de calmado do tráfico e unha correcta ordenación do estacionamento nos puntos de maior conflito. Así mesmo, deberían establecerse puntos de encontro e unha rede de comercios colaboradores aos que os nenos e nenas poidan acudir se precisan axuda durante o percorrido.

“Trátase de conseguir que un neno ou unha nena poida facer progresivamente o camiño ao colexio sen depender permanentemente dun adulto e, ao mesmo tempo, de conseguir que as portas dos centros deixen de converterse cada día nun punto de conflito entre coches, familias e peóns”, explica a voceira.

A iniciativa cobra ademais especial importancia ante a entrada en vigor, o vindeiro 1 de outubro, do novo Real Decreto 518/2026, que modifica o Regulamento Xeral de Circulación e incorpora, especificamente, os camiños escolares seguros. A nova regulación establece que os concellos poderán crear estes camiños ou zonas escolares e aplicar medidas de redución de velocidade, calmado do tráfico ou restricións aos vehículos a motor e ciclomotores. Tamén contempla medidas específicas de limitación de velocidade, estacionamento e ordenación do tráfico nas proximidades dos centros educativos para incrementar a seguridade das persoas usuarias vulnerables.

“Non hai ningunha razón para que Ourense non poida recuperar agora este programa. Temos a experiencia previa, temos unha comunidade educativa que pode participar e, a partir de outubro, teremos ademais un marco normativo que recoñece expresamente os camiños escolares seguros. O que falta é vontade política para sentarse coas ANPAS, cos centros educativos, coa Policía Local, cos comerciantes e coa veciñanza e poñer en marcha un proxecto que permita que os nenos e nenas recuperen autonomía e que as familias non teñan que depender do coche para algo tan cotián como ir ao colexio”, incide a voceira socialista.

Para o PSOE, esta medida debería formar parte dunha política municipal de mobilidade máis ampla, especialmente nun momento no que a cidade vén de celebrar o Día da Bici e a Semana Europea da Mobilidade. A 40ª edición do Día da Bici reuniu o pasado domingo arredor de 4.500 participantes e integrouse precisamente na Semana Europea da Mobilidade, promovendo o uso da bicicleta e os desprazamentos sostibles.

Todo elo, ademais, xusto cando se coñecía que un estudo europeo puntuaba Ourense como a segunda peor cidade de España (só por riba de Alcalá de Guadaíra) para desprazarse neste vehículo respectuoso co medio ambiente e que promove hábitos saudables.

Neste senso, as socialistas consideran que a mobilidade sostible non pode limitarse a accións puntuais ou á gratuidade do transporte público durante uns días, senón que debe traducirse en medidas permanentes que permitan ás persoas cambiar os seus hábitos de desprazamento.

“Se queremos unha cidade na que os nenos poidan ir andando ao colexio, na que a bicicleta sexa unha alternativa real e na que as familias teñan opcións para deixar o coche na casa, temos que comezar por facer seguros os percorridos máis cotiáns. Os camiños escolares son un bo punto de partida”, conclúe González.