O PSDEG-PSOE DE OURENSE DENUNCIA QUE O PP “LEVA ANOS DANDO VOLTAS” AO TRANSPORTE METROPOLITANO E AGORA PRETENDE REDUCIR O PROXECTO AOS POLÍGONOS INDUSTRIAIS
As e os socialistas esixen que se manteña o proxecto piloto das oito liñas destinadas aos oito concellos da contorna de Ourense: Amoeiro, Barbadás, Coles, Cenlle, Punxín, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Toén
“Non imos permitir que o PP borre oito concellos dun plumazo. Non imos aceptar que Coles, Amoeiro, Toén, Barbadás, Cenlle, Punxín, San Cibrao e O Pereiro queden relegados mentres o PP intenta vender unha versión descafeinada do transporte metropolitano”, denuncia Álvaro Vila
“O PP tivo tempo, competencias e recursos. O que non tivo foi vontade para poñer en marcha unha verdadeira rede metropolitana na contorna de Ourense. Esa é a realidade e non a poden ocultar agora falando exclusivamente dos polígonos”, afirma
Ourense, 22 de setembro de 2026. O Grupo Provincial Socialista na Deputación elevará ao pleno provincial deste venres unha emenda de modificación ao punto quinto da moción do Partido Popular sobre o transporte metropolitano. As e os socialistas esixen que se manteña o proxecto piloto das oito liñas destinadas aos oito concellos da contorna de Ourense: Amoeiro, Barbadás, Coles, Cenlle, Punxín, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Toén.
As e os socialistas denuncian que o Partido Popular “está intentando cambiar o foco para non falar do seu fracaso histórico” e acusan aos populares de “pretender agora presentar como solución para a mobilidade metropolitana un modelo centrado fundamentalmente nas conexións cos polígonos industriais e que esquece por completo aos concellos e á veciñanza”.
Para o voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila Araújo, o transporte metropolitano “é unha reivindicación histórica do PSOE e unha débeda histórica do PP coa cidadanía e cos concellos da contorna de Ourense”.
“O PP leva anos prometendo o transporte metropolitano e incumprindo cos concellos da contorna de Ourense. Agora, cando xa non saben como xustificar tantos anos de retrasos, pretenden cambiar o debate e dicir que o transporte metropolitano é aos polígonos industriais”, afirma Vila, que tamén apunta que “o transporte metropolitano son os concellos e a veciñanza destes mesmos”.
“Non imos permitir que o PP borre oito concellos dun plumazo”
O PSdeG-PSOE de Ourense considera que a proposta popular supón desvirtuar o obxectivo inicial do proxecto e advirte de que non aceptará que as conexións cos polígonos industriais “sirvan para deixar en segundo plano as necesidades de mobilidade dos oito concellos incluídos na planificación”.
“Non imos permitir que o PP borre oito concellos dun plumazo. Non imos aceptar que Coles, Amoeiro, Toén, Barbadás, Cenlle, Punxín, San Cibrao das Viñas e O Pereiro de Aguiar queden relegados mentres o PP intenta vender unha versión descafeinada do transporte metropolitano”, denuncia o voceiro socialista. Álvaro Vila lembra que a mobilidade metropolitana non se pode reducir ao desprazamento laboral e debe dar resposta ás necesidades diarias da poboación.
“Unha persoa non vai a Ourense só para traballar nun polígono. Vai ao hospital, ao médico, á universidade, ao instituto, a unha oficina pública, ás compras, a facer xestións ou simplemente a acceder aos servizos que ofrece a cidade. Iso tamén é transporte metropolitano e iso é precisamente o que o PP parece querer esquecer”, sinala.
Oito liñas, non oito escusas
O Grupo Provincial Socialista reclama que se impulse de maneira efectiva o proxecto piloto das oito liñas, con conexións para os oito concellos previstos, e que as administracións competentes establezan un calendario público, concreto e verificable para a súa implantación. Ese calendario deberá definir percorridos, frecuencias, horarios, paradas, financiamento e datas de entrada en funcionamento.
“Xa tivemos demasiadas promesas, anuncios e fotografías. Agora queremos saber que día vai comezar a funcionar cada liña, por onde vai pasar, con que frecuencia e canto vai custar. O transporte metropolitano non pode seguir sendo unha promesa electoral permanente do PP”, subliña Vila.
As e os socialistas consideran que a situación actual evidencia unha falta de vontade política do Partido Popular para resolver unha demanda que leva anos sobre a mesa. “O PP tivo tempo, competencias e recursos. O que non tivo foi vontade para poñer en marcha unha verdadeira rede metropolitana na contorna de Ourense. Esa é a realidade e non a poden ocultar agora falando exclusivamente dos polígonos”, afirma.
“Non queremos un transporte só para os polígonos; queremos transporte para a xente”
O PSdeG-PSOE defende que os polígonos industriais formen parte da planificación da mobilidade, pero rexeita que se utilicen “como coartada para reducir o proxecto e deixar fóra aos concellos”.
“Que quede moi claro que nós queremos que os polígonos estean conectados, pero queremos que tamén estean conectadas as persoas, os barrios, as parroquias e os concellos. Queremos unha rede metropolitana completa, non un servizo de lanzadeira disfrazado de transporte metropolitano”, afirma Álvaro Vila.
O voceiro provincial socialista considera que non pode haber concellos de primeira e de segunda no acceso ao transporte público e reclama que as tres administracións implicadas —Xunta, Deputación e Concello de Ourense— asuman as súas responsabilidades.
“O PP ten unha débeda histórica cos oito concellos da contorna de Ourense. Leva anos mirando para outro lado. Agora non pode pretender solucionar esa débeda eliminando parte do proxecto sobre o papel. O que toca é cumprir: oito concellos, oito liñas e unha verdadeira rede de transporte metropolitano”, conclúe Vila.

