concellos Denuncias

O PSOE de Ribadavia denuncia a incapacidade de xestión do alcalde ca OU-504

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA DENUNCIA “TRES ANOS DE ABANDONO E INCAPACIDADE DE XESTIÓN” DO ALCALDE DO PP COA OU-504 AO SEU PASO POR SAN CRISTOVO

As e os socialistas acusan ao alcalde de “non facer o seu traballo” e anuncian que acudirán directamente á AXI ante a súa incapacidade para conseguir o arranxo dunha estrada que leva anos agardando polo asfaltado

“O alcalde leva máis de tres anos sabendo que hai un problema e máis de tres anos sen solucionalo. Non estamos falando dunha cuestión nova nin dunha sorpresa, xa que sabe perfectamente o que había que facer, sabe que existía un compromiso coa AXI e, simplemente, non fixo o seu traballo”, denuncian

Subliñan que a súa intención é “ser útiles aos veciños e ás veciñas e non mirar para outro lado”, polo que continuarán trasladando directamente ás administracións competentes as demandas que o goberno municipal non estea atendendo

Ribadavia, 22 de setembro de 2026. O PsdeG-PSOE de Ribadavia denuncia “os tres anos de abandono, desidia e incapacidade de xestión” do alcalde do PP, César Manuel Fernández coa estrada OU-504 ao seu paso por San Cristovo, unha vía cuuxo arranxo leva sendo reclamado polos veciños e as veciñas e que a día de hoxe continúa sen unha solución definitiva.

As e os socialistas consideran especialmente “grave” que o rexedor coñeza desde hai anos a situación e tamén o compromiso existente coa Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e, malia iso, sexa “incapaz” de conseguir que se complete unha actuación que xa estaba prevista e licitada antes de rematar a anterior lexislatura.

“César Manuel Fernández leva máis de tres anos sabendo que hai un problema e máis de tres anos sen solucionalo. Non estamos falando dunha cuestión nova nin dunha sorpresa, xa que sabe perfectamente o que había que facer, sabe que existía un compromiso coa AXI e, simplemente, non fixo o seu traballo”, denuncian desde o grupo municipal socialista.

Tres anos sen facer o que estaba comprometido

O PSdeG-PSOE lembra que durante o anterior mandato municipal se acometeron obras de acondicionamento das beirarrúas de San Cristovo e que se decidiu non executar o asfaltado definitivo da estrada mentres se realizaban esas actuacións. “Era puro sentido común. Non se podía asfaltar unha estrada para despois levantala novamente ao executar as obras das beirarrúas. Por iso se coordinou coa AXI que o asfaltado se completaría posteriormente”, explican.

Porén, unha vez rematadas esas obras, o asfaltado pendente nunca chegou. “E aquí está o problema, o que tiña que ser unha actuación coordinada acabou converténdose nunha espera de máis de tres anos. As beirarrúas fixéronse, pero a estrada segue esperando. E mentres tanto, os veciños teñen que soportar o deterioro do firme”, sinalan as e os socialistas.

Para o PSOE, César Manuel Fernández non pode continuar utilizando a Xunta como escusa para ocultar a súa propia falta de iniciativa política. “Un alcalde está para reclamar, para insistir e para defender os intereses do seu concello. Non está para cruzarse de brazos e esperar a que os problemas se solucionen sós”, apuntan.

“Cando chove, a estrada volve estar nun estado lamentable”

As e os socialistas alertan ademais de que o paso do tempo sen executar a actuación está provocando que a situación da estrada empeore, especialmente durante os períodos de choivas. “Xa pasou outros anos. Chega o inverno, chove e a estrada volve presentar un estado lamentable. E o máis grave é que estamos ante unha situación perfectamente coñecida e evitable”, denuncian.

Desde o PSdeG-PSOE consideran que non é aceptable que se deixe pasar outro verán sen executar o asfaltado e que os veciños teñan que afrontar novamente o deterioro da vía coa chegada das chuvias. “Non vale que o alcalde se acorde da estrada cando chega o inverno, cando o problema xa está enriba da mesa desde hai máis de tres anos. Había todo un verán para actuar e, unha vez máis, non se fixo”, reprochan.

“Se o alcalde non fai o seu traballo, faráo o PSOE”

Ante a “inacción” do goberno municipal, o grupo municipal socialista anuncia que remitirá directamente un escrito á Axencia Galega de Infraestruturas, reclamando o cumprimento do compromiso existente e achegando documentación gráfica sobre o estado actual da OU-504. “Se César Manuel Fernández non é quen de reclamar á Xunta, reclamaremos nós. Se non é quen de enviar fotografías do estado da estrada, enviarémolas nós. E se non é quen de defender á veciñanza de San Cristovo, faráo o PSOE”, sinalan.

As e os socialistas subliñan que a súa intención é “ser útiles aos veciños e ás veciñas e non mirar para outro lado”, polo que continuarán trasladando directamente ás administracións competentes as demandas que o goberno municipal non estea atendendo.

“Tres anos son demasiados para unha estrada que xa tiña unha actuación prevista. Tres anos son demasiados para seguir poñendo escusas. E tres anos son demasiados para que un alcalde siga sen dar resposta á veciñanza”, sentencian.

O PSdeG-PSOE reclama así que a Xunta e a AXI executen canto antes o asfaltado pendente da O-504 en San Cristovo e esixe ao alcalde de Ribadavia que abandone “a pasividade” e exerza as súas responsabilidades como máximo responsable municipal. “As veciñas e os veciños de San Cristovo non necesitan máis promesas, necesitan que se arranxe a estrada. E despois de máis de tres anos, César Manuel Fernández xa non ten escusas”, conclúen os socialistas.