O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMA UN REPARTO XUSTO, TRANSPARENTE E SEN DISCRECIONALIDADE POLÍTICA DO CANON DA AUGA QUE PAGAN TODOS OS CONCELLOS
As e os socialistas defenderán no pleno da Deputación un sistema que garanta que, como mínimo, o 50 % da recadación de cada municipio reverta no propio territorio e que reserve un 30 % á solidariedade territorial
“O canon da auga págase en todos os concellos. Págao a cidadanía. Pero a pregunta é moi sinxela: onde vai ese diñeiro?”, cuestiona o voceiro provincial, Álvaro Vila Araújo, que considera necesario poñer fin á falta de transparencia e á ausencia dun modelo regulado de distribución dos fondos
Ourense, 21 de setembro de 2026. O Grupo Provincial Socialista levará ao pleno da Deputación de Ourense unha moción para instar á Xunta de Galicia a establecer un sistema público, regulado e transparente de distribución do canon da auga, baseado en criterios obxectivos, verificables e equitativos. A iniciativa socialista parte dunha pregunta fundamental que é “onde vai o diñeiro do canon da auga que paga a cidadanía en todos os concellos?”
Dende o Grupo Provincial Socialista lembran que o canon da auga e o canon da xestión das depuradoras son tributos propios da Xunta de Galicia de carácter finalista, destinados a financiar infraestruturas hidráulicas, mellorar a calidade das masas de auga e garantir unha xestión sostible do ciclo integral da auga. Porén, denuncian que, unha vez transferidos os fondos á administración autonómica, “non existe un mecanismo que garanta que os recursos retornan aos territorios nos que se recadan de maneira proporcional e xusta”.
“O canon da auga págase en todos os concellos. Págao a cidadanía. Pero a pregunta é moi sinxela: onde vai ese diñeiro?”, cuestiona Álvaro Vila Araújo, que considera necesario poñer fin á falta de transparencia e á ausencia dun modelo regulado de distribución dos fondos.
O voceiro provincial socialista advirte de que a natureza finalista deste tributo debe implicar un principio básico de xustiza territorial e corresponsabilidade, de maneira que os municipios que contribúen á recadación reciban investimentos proporcionais, sen deixar de atender as necesidades dos concellos con maiores dificultades. “Estamos falando dun tributo finalista. Non pode depender de convenios puntuais, nin de decisións discrecionais e, sobre todo, non pode depender da afinidade política dun concello coa Xunta”, afirma Vila.
A moción sinala que existen municipios cunha elevada achega recadadora que non recibiron investimentos significativos con cargo a estes fondos nos últimos anos, mentres que outros territorios contan cunha presenza reiterada de convenios e actuacións financiadas pola administración autonómica. Unha situación que, segundo o Grupo Provincial Socialista, “alimenta a percepción de agravio comparativo e reforza a necesidade de establecer regras claras para o reparto”.

Unha proposta con criterios claros e porcentaxes definidas
A iniciativa socialista propón un modelo de distribución que combine o retorno dos recursos aos municipios onde se recadan, a solidariedade territorial e o financiamento da xestión do sistema. En concreto, o Grupo Provincial Socialista reclama:
§ Como mínimo, o 50 % da recadación de cada concello deberá reverter en investimentos no propio municipio onde se xera.
§ Un 30 % dos fondos destinarase a un mecanismo de solidariedade territorial, orientado prioritariamente aos concellos con maiores necesidades en infraestruturas, dispersión poboacional ou limitacións orzamentarias.
§ Como máximo, un 20 % poderá reservarse para os custos de xestión, mantemento e funcionamento do sistema autonómico.
“Dende o Grupo Provincial Socialista propoñemos algo tan sinxelo como necesario como son criterios públicos, criterios obxectivos e criterios verificables”, subliña Álvaro Vila, que defende que os recursos se distribúan atendendo ás necesidades reais dos territorios e non a decisións discrecionais.
Transparencia anual e garantías contra o uso partidista
A moción tamén reclama que a Xunta publique anualmente un informe detallado e desagregado por concellos que recolla canto se recada en cada municipio, que investimentos se executan con cargo aos canons, que convenios se asinan, os seus importes e os criterios técnicos utilizados para asignar os fondos.
O obxectivo é que tanto os concellos como a cidadanía poidan coñecer con precisión a orixe e o destino dos recursos públicos. “Queremos tamén transparencia. Que cada ano se publique canto recada cada concello, canto se inviste, que convenios se asinan e con que criterios. Porque o diñeiro público non pode ter cores políticas”, destaca o voceiro provincial socialista.
O texto presentado insta, ademais, a garantir que a asignación dos recursos non estea condicionada por criterios partidistas nin por afinidades políticas, senón exclusivamente por parámetros técnicos, ambientais e de necesidade obxectiva.
“O que se recada nos concellos debe volver aos concellos”
O Grupo Provincial Socialista considera que a Deputación debe reclamar á Xunta un modelo que asegure un reparto xusto dos recursos procedentes do canon da auga, especialmente nunha provincia como Ourense, na que a dispersión poboacional e as necesidades de infraestruturas dos municipios fan necesario atender criterios de equilibrio territorial.
“O canon da auga debe servir para mellorar a auga, as infraestruturas e os servizos. E debe volver aos concellos con xustiza, transparencia e igualdade”, afirma Álvaro Vila, que conclúe sinalando que “por iso presentamos esta moción. Porque o que se recada nos concellos debe volver aos concellos”.

