O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMA A DEPUTACIÓN QUE FINANCIE OS ESTUDOS PARA LOGRAR O RECOÑECEMENTO DOS ITINERARIOS XACOBEOS HISTÓRICOS DA PROVINCIA
O Grupo Provincial Socialista levará ao vindeiro pleno unha moción para impulsar a documentación e delimitación dos camiños pendentes de oficialización, coa vista posta no Ano Santo Xacobeo de 2027
Eva Pérez Gamote destaca a necesidade de protexer este patrimonio e aproveitar o seu potencial turístico e económico para dinamizar o rural ourensán
“Ás portas de 2027, que será Ano Santo Xacobeo, este é o momento de impulsar os estudos históricos e técnicos necesarios e reclamar á Xunta de Galicia o recoñecemento oficial destes itinerarios”, afirma Gamote
Vilardevós, 18 de setembro de 2026. O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense levará ao vindeiro pleno unha moción para impulsar os itinerarios históricos de peregrinación da provincia, que aínda non están recoñecidos oficialmente como Camiños de Santiago. A iniciativa reclama que a institución provincial financie os estudos históricos e técnicos necesarios para acreditar a súa historicidade, delimitar os seus trazados e fundamentar, cando proceda, a solicitude de recoñecemento ante a Xunta de Galicia.
A proposta pon o foco na necesidade de aproveitar a oportunidade que representa o Ano Santo Xacobeo de 2027 para reforzar a protección e promoción do patrimonio xacobeo ourensán e conseguir que os seus beneficios turísticos, culturais e económicos cheguen tamén aos pequenos concellos rurais. Neste contexto, representantes do Grupo Provincial Socialista estiveron sobre o terreo, percorrendo a variante histórica do Camiño Mozárabe Portugués da Vía da Prata ao seu paso polo Concello de Vilardevós, para comprobar de primeira man a situación deste itinerario e coñecer a realidade do trazado.
A deputada provincial socialista, Eva Pérez Gamote, explica que “levaremos ao vindeiro pleno unha proposta sobre os itinerarios xacobeos do Camiño de Santiago que aínda non están recoñecidos oficialmente pola Xunta de Galicia” e apunta que “entre eles están o Camiño Miñoto-Ribeiro, o Camiño de San Rosendo-Raíña Santa, o itinerario que chega desde Vilar de Perdizes, pasa polo Concello de Cualedro e continúa ata Xinzo de Limia, e este no que nos atopamos hoxe, a variante do Camiño Mozárabe da Vía da Prata ao seu paso polo Concello de Vilardevós”.












Catro itinerarios para iniciar os traballos
A moción propón incorporar inicialmente aos traballos provinciais tres percorridos históricos: o Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa, a variante de Vilardevós vinculada ao Camiño Mozárabe Portugués da Vía da Prata, o camiño Miñoto-Ribeiro e o itinerario procedente de Vilar de Perdizes, que entra en Galicia pola Xironda e continúa por Lucenza cara a Xinzo de Limia.
No caso de Vilardevós, o documento destaca a existencia dun itinerario transfronteirizo procedente do ámbito de Vinhais e Segirei, que atravesa diferentes núcleos de poboación do municipio e continúa cara Verín, formando parte das históricas vías de comunicación entre Portugal e a comarca de Monterrei. A moción sinala tamén a relevancia dos elementos históricos e patrimoniais vinculados á peregrinación neste territorio, como a antiga Encomenda de Osoño, relacionada coa Orde de San Xoán de Xerusalén ou Orde de Malta, e a existencia dun hospital de peregrinos, cuxa memoria permanece na toponimia local a través do núcleo denominado O Hospital.
O Grupo Provincial Socialista advirte, ademais, dunha situación que considera necesario abordar como é o trazado histórico está recollido no planeamento urbanístico municipal e que está sometido aos condicionantes patrimoniais correspondentes, pero a variante non está incluída no ámbito oficialmente recoñecido para acceder ás axudas vinculadas á Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago.
Para as e os socialistas, esta realidade “evidencia a necesidade de avanzar na documentación e delimitación do itinerario, de maneira que poida fundamentarse o seu eventual recoñecemento e a súa posta en valor”.
A Deputación debe apoiar os pequenos concellos
A iniciativa socialista reclama que a Deputación impulse e financie, con cargo aos seus recursos e programas de cooperación municipal, os estudos históricos e técnicos necesarios para acreditar estes itinerarios. Os traballos incluirían investigación documental e arquivística, análise da cartografía histórica, inventario do patrimonio asociado, estudo da toponimia, delimitación e xeorreferenciación dos trazados e elaboración das memorias técnicas necesarias para fundamentar as solicitudes de recoñecemento.
A moción contempla que estes estudos poidan desenvolverse mediante medios propios da Deputación ou a través de fórmulas de colaboración con universidades, entidades de investigación, arquivos, especialistas e asociacións xacobeas, evitando que o custo recaia exclusivamente sobre os pequenos concellos afectados.
“Ás portas de 2027, que será Ano Santo Xacobeo, este é o momento de impulsar os estudos históricos e técnicos necesarios e reclamar á Xunta de Galicia o recoñecemento oficial destes itinerarios”, afirma Eva Pérez Gamote. A deputada provincial tamén subliña que “son camiños históricos que teñen que recibir a consideración e o recoñecemento que merecen. A súa oficialización permitiría avanzar na protección, sinalización e promoción dos percorridos, impulsar novos investimentos e integralos na oferta xacobea de Galicia”.
Patrimonio, turismo e oportunidades de emprego no rural
O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que estes itinerarios atravesan numerosos concellos da provincia e que a súa recuperación e promoción podería contribuír á dinamización económica dos territorios polos que discorren. “Estamos falando de camiños que atravesan concellos de toda a provincia. A súa posta en valor atraería peregrinos e visitantes, beneficiaría os aloxamentos, a hostalaría, o comercio e os produtores locais, e xeraría novas oportunidades económicas e de emprego no rural”, apunta Eva Pérez Gamote.
A moción tamén insta á Xunta de Galicia a colaborar coa Deputación e cos concellos afectados na análise dos estudos e da documentación resultante e, cando se acrediten os requisitos establecidos no artigo 73.3 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, iniciar ou impulsar o procedemento correspondente para o seu eventual recoñecemento como Camiños de Santiago.
“Recoñecer estes camiños é protexer a nosa historia e o noso patrimonio, pero tamén apostar por unha provincia con máis oportunidades e máis futuro”, conclúe a deputada provincial socialista.
A proposta busca, en definitiva, que a Deputación exerza o seu papel de cooperación e asistencia aos municipios, facilitando os recursos técnicos e económicos necesarios para que os concellos ourensáns poidan documentar e defender o valor dos seus itinerarios históricos de peregrinación, especialmente ante a proximidade do Ano Santo Xacobeo de 2027.

