O grupo municipal trasladou esta mañá ao Consello Municipal de Deportes (CMD) a proposta de organizar un acto institucional para recoñecer os recentes logros das deportistas e poñer en valor o seu exemplo para as novas xeracións
En Ourense, a 17 de setembro de 2026. O grupo municipal socialista trasladou esta mañá, durante a reunión do Consello Municipal de Deportes (CMD), a proposta de que o Concello de Ourense organice un recoñecemento institucional a Raquel Carrera, Paula Ginzo, Vane Sotelo e Alicia Babarro “Mini Ali” polos extraordinarios resultados deportivos acadados recentemente. Catro mulleres vinculadas a Ourense, de disciplinas e xeracións diferentes, que practicamente ao mesmo tempo protagonizaron fitos deportivos de dimensión internacional que representan un enorme orgullo para a cidade.
Raquel Carrera e Paula Ginzo veñen de conquistar coa selección española de baloncesto a medalla de bronce no Mundial feminino disputado en Berlín, situándose novamente entre as mellores seleccións do mundo. Vane Sotelo fixo historia no fútbol sala español ao superar os 100 goles coa selección española, converténdose na primeira persoa en alcanzar esta cifra e superando o anterior récord de 99 tantos de Javi Rodríguez.
Pola súa banda, con só 15 anos, Alicia Babarro, “Mini Ali”, acadou o cuarto posto no Campionato do Mundo xuvenil de breaking celebrado en Chengdu, situándose entre as mellores da súa categoría.
Ante a dimensión destes resultados, o PSOE considerou necesario trasladar ao Consello Municipal de Deportes unha petición para que Ourense recoñeza institucionalmente os éxitos das súas deportistas.
“En moi poucos días vimos como catro mulleres vinculadas a Ourense acadaron resultados impresionantes: dúas medallas nun mundial, un récord histórico coa selección española e un cuarto posto mundial con só 15 anos. Son logros delas, froito do seu talento, esforzo e traballo, pero representan tamén un enorme orgullo para a nosa cidade”, destacou a voceira do PSdeG e candidata á Alcaldía, Natalia González.
A proposta formulada consiste na celebración dun acto institucional no que participe toda a Corporación municipal, xunto coas propias deportistas, para que o recoñecemento sexa compartido e transcenda as siglas políticas. E a tamén secretaria xeral do partido en Ourense incidiu especialmente na necesidade de aproveitar estes éxitos para dar maior visibilidade ao deporte feminino e achegar ás nenas e mozas referentes deportivos reais e próximos.
“Non queremos que estes logros queden nunha felicitación puntual ou nunha fotografía. Queremos que as nenas de Ourense coñezan a Raquel, Paula, Vane e Alicia, que saiban o que conseguiron e que vexan nelas referentes e atopen exemplos cos que poder identificarse”, explicou.
“Recoñecer o que conseguiron é tamén mirar cara ao futuro. Unha nena que hoxe empeza no baloncesto, no fútbol sala ou no breaking ten que poder mirar ao seu redor e atopar mulleres que lle demostren que desde Ourense tamén se pode chegar á elite mundial. Raquel, Paula, Vane e Alicia xa son eses referentes e a súa cidade debe estar á altura do que representan”, concluíu Natalia González.

