concellos Denuncias

O PSOE de Ribadavia denuncia que o goberno do PP despilfarra cartos públicos en telefonía

O PSDEG-PSOE DE RIBADAVIA DENUNCIA QUE O GOBERNO DO PP LEVA GASTADOS 30.000 € MÁIS EN TELEFONÍA NESTE MANDATO POR UNHA XESTIÓN ECONÓMICA “NEFASTA E DESASTROSA”

As e os socialistas critican que o alcalde incrementase un 30% o gasto anual en telefonía respecto do último ano de goberno socialista e que agora teña que recorrer a unha modificación de crédito de case 10.000 euros para facer fronte ao pagamento

“Estamos ante un exemplo perfecto do que significa gobernar sen planificación e sen respecto polo diñeiro público. Chegan ao goberno, cambian unha compañía por outra máis cara, incrementan o gasto en telefonía un 30% e, cando chega o momento de pagar, teñen que facer unha modificación de crédito de case 10.000 euros”, sinalan

Ribadavia, 16 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ribadavia denuncia o que considera un novo exemplo do “despilfarro e da pésima xestión económica” do goberno municipal do Partido Popular, encabezado polo alcalde César Manuel Fernández Gil, ao coñecerse a necesidade de realizar unha modificación de crédito por importe de 9.982,17 euros para atender gastos de telefonía.

As e os socialistas sinalan que este incremento do gasto non responde a unha necesidade sobrevida ou extraordinaria, senón a unha decisión adoptada polo propio goberno do PP desde a súa chegada á alcaldía. “Tan pronto como asumiron o goberno municipal, procederon a cambiar de compañía telefónica, optando por unha alternativa máis cara, o que provocou un incremento considerable do gasto anual”, sinalan dende o grupo muncipal socialista.

Segundo os datos manexados polo PSdeG-PSOE, o concello de Ribadavia está gastando actualmente arredor dun 30% máis cada ano en telefonía que no último exercicio do goberno socialista, en 2023. Un incremento que, acumulado durante estes tres anos, supón aproximadamente 30.000 euros máis de gasto para as arcas municipais.

“Estamos ante un exemplo perfecto do que significa gobernar sen planificación e sen respecto polo diñeiro público. Chegan ao goberno, cambian unha compañía por outra máis cara, incrementan o gasto en telefonía un 30% e, cando chega o momento de pagar, teñen que facer unha modificación de crédito de case 10.000 euros”, sinalan desde o PSdeG-PSOE de Ribadavia.

Para as e os socialistas, “non se pode falar de boa xestión económica cando se paga máis por un servizo que antes custaba menos e, ademais, se chega ao punto de ter que modificar o crédito municipal para poder facer fronte a ese gasto”.

O PSdeG-PSOE considera especialmente grave que este sobrecusto se produza nun servizo tan básico como a telefonía, xa que evidencia que “non estamos falando dun gasto imprevisible, senón dun gasto perfectamente coñecido e recorrente que debería estar correctamente orzamentado e planificado”.

“O alcalde de Ribadavia está demostrando ser un xestor pésimo dos recursos públicos. Non só permite que o concello gaste máis en telefonía, senón que agora os veciños e as veciñas teñen que asumir as consecuencias dunha decisión tomada polo propio goberno do PP”, denuncian. As e os socialistas reclaman ao alcalde explicacións “claras” sobre as razóns que levaron ao cambio de compañía, o custo real do novo contrato e o motivo polo que se incrementou o gasto anual nun 30% respecto de 2023.

“Mentres as familias e os pequenos negocios de Ribadavia teñen que mirar cada euro, o goberno do PP parece non ter ningún problema en incrementar o gasto municipal en miles de euros por un servizo que xa estaba funcionando. Non é eficiencia, é despilfarro. Non é planificación, é improvisación. E non é boa xestión, é facer pagar aos veciños as consecuencias das súas decisións”, conclúen desde o PSdeG-PSOE de Ribadavia.