Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

O PP boicotea un reparto transparente do canon da auga

O PP VOTA EN CONTRA DUN REPARTO TRANSPARENTE DO CANON DA AUGA E MANTÉN A DISCRECIONALIDADE DA XUNTA COS FONDOS QUE PAGAN OS CONCELLOS

As e os socialistas reclamaron a posta en marcha dun sistema público, regulado e transparente para a distribución do canon da auga, baseado en criterios obxectivos, verificables e equitativos

Diego Fernández, defendeu que “estamos falando dun tributo finalista que paga a cidadanía de todos os concellos e que, polo tanto, debe responder a unhas regras claras sobre onde e como se inviste”

Ourense, 25 de setembro de 2026. O Grupo Provincial Socialista denunciou hoxe que no pleno da Deputación de Ourense que o PP votou en contra da proposta socialista para establecer un sistema público, regulado e transparente de distribución do canon da auga, mentres que PSOE e Democracia Ourensana votaron a favor e o BNG e o deputado non adscrito se abstiveron. A iniciativa reclamaba que o reparto dos fondos se fixese con criterios obxectivos e verificables e que unha parte substancial da recadación retornase aos municipios onde se xera.

“O PP prefire manter un sistema sen regras claras antes que garantir que os concellos saiban onde van os cartos que pagan os seus veciños”

O deputado provincial socialista, Diego Fernández, criticou con dureza o voto contrario do Partido Popular e sinalou que “hoxe quedou claro que o PP non quere que haxa regras públicas, porcentaxes claras nin transparencia no reparto do canon da auga”.

“Estamos falando dun diñeiro que pagan os concellos e, en última instancia, a cidadanía. O mínimo que se pode pedir é saber canto se recada, canto se devolve a cada municipio, onde se inviste e con que criterios”, afirmou Fernández.

O deputado socialista lembrou que a proposta presentada polo Grupo Provincial Socialista non pretendía eliminar a solidariedade territorial, senón combinar o retorno dos recursos aos municipios onde se recadan con mecanismos de apoio aos concellos que teñen maiores necesidades. Por iso, a moción propoñía que polo menos o 50 % da recadación de cada concello revertese en investimentos no propio municipio, un 30 % se destinase a solidariedade territorial e un máximo do 20 % aos custos de xestión do sistema.

“Non estamos pedindo nada extraordinario. Estamos pedindo criterios públicos, criterios obxectivos e criterios verificables. Estamos pedindo que os concellos poidan saber que parte do que recadan retorna ao seu territorio e que exista un sistema que garanta tamén a solidariedade cos municipios que máis o necesitan”, explicou.

Fernández advertiu de que o voto do PP “supón dar as costas a unha proposta que buscaba precisamente acabar coa discrecionalidade e coa falta de información sobre o destino destes recursos”.

“Se o PP considera que o sistema actual é xusto, debería ser o primeiro interesado en publicar canto recada cada concello, canto se inviste, que convenios se asinan e cales son os criterios empregados para decidir onde van os fondos. Pero ante unha proposta para facer precisamente iso, o PP vota que non”, reprochou.

A moción socialista reclamaba expresamente que a Xunta publicase cada ano un informe detallado e desagregado por concellos, incluíndo a cantidade recadada en cada municipio, os investimentos executados con cargo aos canons, os convenios asinados e os importes correspondentes, así como os criterios técnicos empregados para asignar os fondos.

“O PP vota contra a transparencia e a favor de que os concellos sigan sen saber con claridade onde van os seus recursos”

Para o Grupo Provincial Socialista, o resultado da votación evidencia “unha posición política moi clara do PP” ante unha cuestión que afecta directamente ao financiamento dos concellos.

“O canon da auga págase en todos os concellos. Págao a cidadanía. E nós fixemos unha pregunta moi sinxela: onde vai ese diñeiro?”, lembrou Diego Fernández, recuperando o argumento central da iniciativa socialista. A proposta previa do PSdeG-PSOE xa reclamaba acabar coa falta de transparencia e cun modelo que non garante un retorno proporcional dos recursos aos territorios onde se recadan.

“O PP hoxe tivo a oportunidade de apoiar un sistema con regras claras, con porcentaxes definidas e cunha publicación anual dos datos. E decidiu votar en contra”, sinalou.

Fernández considerou especialmente relevante que a proposta incorporase tamén un principio de solidariedade territorial. “Non estamos dicindo que cada concello quede exclusivamente co que recada. Estamos propoñendo que unha parte importante retorne ao municipio e que outra parte se utilice para axudar aos concellos que máis dificultades teñen. O que non aceptamos é que non existan regras claras para saber como se distribúe ese diñeiro”, afirmou.

O deputado socialista insistiu en que os fondos procedentes dun tributo finalista deben responder a criterios técnicos, ambientais e de necesidade obxectiva e non a criterios partidistas ou de afinidade política, tal e como recollía a moción rexeitada polo pleno.

“O diñeiro público non pode ter cores políticas. E os concellos non poden depender de ter ou non ter unha determinada relación coa Xunta para saber se reciben investimentos. O que pedimos é igualdade entre municipios, transparencia e xustiza territorial”, concluíu Diego Fernández.

O Grupo Provincial Socialista avanzou que continuará reclamando un modelo de distribución do canon da auga que permita coñecer con exactitude canto se recada en cada concello e cal é o destino dos fondos, así como que unha parte significativa dos recursos reverta directamente nos territorios nos que se xeran.