O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA CONSEGUE O COMPROMISO DA DEPUTACIÓN PARA INVESTIGAR E FINANCIAR OS CAMIÑOS HISTÓRICOS XACOBEOS NON RECOÑECIDOS E RECLAMA QUE O PATRIMONIO OURENSÁN NON QUEDE NO ESQUECEMENTO
A iniciativa buscar que se apoie aos pequenos concellos na investigación, documentación e delimitación de rutas históricas vinculadas ás peregrinacións a Santiago
Eva Pérez Gamote subliñou que “negarse a estudar estes camiños significa condenalos ao esquecemento sen darlles sequera a oportunidade de demostrar a súa historia”
Ourense, 25 de setembro de 2026. O pleno da Deputación de Ourense aprobou hoxe a moción do Grupo Provincial Socialista para impulsar os itinerarios históricos xacobeos da provincia que permanecen sen recoñecemento oficial, unha iniciativa que permitirá que a institución provincial preste asistencia técnica e económica aos concellos para investigar, documentar e delimitar estas rutas. A proposta foi aprobada cos votos favorables do PSdeG-PSOE de Ourense e Democracia Ourensana, mentres que PP, BNG e o deputado non adscrito se abstiveron.
Para o Grupo Socialista, o acordo supón un paso para corrixir unha situación na que pequenos concellos da provincia se atopan con dificultades para afrontar os estudos históricos e técnicos necesarios para acreditar a existencia e historicidade destes itinerarios.
A deputada provincial socialista, Eva Pérez Gamote, foi contundente durante o debate ao defender que o patrimonio histórico da provincia non pode quedar condicionado pola capacidade económica dos concellos. “Os camiños históricos da nosa provincia non poden depender da capacidade económica de cada concello para contratar un estudo. O patrimonio de Ourense é responsabilidade de todos e esta Deputación debe estar ao lado dos concellos que non poden afrontar sós esta tarefa”.
“Non pedimos inventar camiños, pedimos estudalos”
O Grupo Socialista considera especialmente relevante deixar claro que a iniciativa non pretende crear novos Camiños de Santiago nin anticipar ningún recoñecemento, senón poñer os medios para que os itinerarios históricos poidan ser investigados con rigor e, se reúnen os requisitos legais, poidan ser posteriormente sometidos ao procedemento de recoñecemento correspondente.
A proposta contempla inicialmente o Camiño de San Rosendo e da Rainha Santa, a variante histórica de Vilardevós vinculada ao Camiño Mozárabe Portugués da Vía da Prata e o itinerario procedente de Vilar de Perdizes que entra por A Xironda e continúa por Lucenza e Xinzo de Limia. “Esta moción non pide inventar camiños nin conceder recoñecementos sen probas. Pide investigar, documentar e darlles aos concellos pequenos a asistencia técnica que necesitan”, sinalou Pérez Gamote.
A deputada socialista lembrou que serán os informes e estudos técnicos os que determinen se cada itinerario cumpre ou non os requisitos establecidos pola normativa. “Esta moción non predetermina o resultado dos estudos”, explicou, pero advertiu de que non estudar estas rutas suporía pecharlles a porta antes de comprobar o seu valor histórico. “Negarse a estudar estes camiños significa condenalos ao esquecemento sen darlles sequera a oportunidade de demostrar a súa historia”, subliñou Gamote.
“Se realmente queren apoiar estes itinerarios, que poñan recursos e asuman responsabilidades”
Durante o debate, Pérez Gamote criticou a pretensión do PP de modificar a iniciativa para convertela, ao seu xuízo, nunha declaración de intencións sen os compromisos concretos previstos na moción socialista.
A deputada defendeu que a Deputación debe implicarse directamente mediante os seus propios recursos e medios técnicos ou a través de colaboracións con universidades, entidades de investigación, arquivos, especialistas e asociacións xacobeas. A proposta aprobada establece precisamente o financiamento dos estudos con cargo aos recursos e programas de cooperación municipal da institución provincial.
Neste sentido, Pérez Gamote reclamou que o compromiso institucional vaia acompañado de recursos. “Estamos dispostos a acordar, pero non a permitir que borren o camiño de Vilardevós, o Camiño San Rosendo ou o Miñoto-Ribeiro, nin o que vén de Vilar de Perdizes. Tampouco que Xunta e Deputación queden libres de compromiso. Se realmente queren apoiar estes itinerarios, que poñan recursos e asuman responsabilidades”, apuntou.
Unha oportunidade para o rural ourensán ante o Xacobeo 2027
O Grupo Provincial Socialista destaca ademais que a actuación aprobada chega a poucos meses do Ano Santo Xacobeo 2027, unha oportunidade para avanzar na recuperación e posta en valor dun patrimonio histórico que conecta numerosos concellos ourensáns e que ten unha marcada dimensión transfronteiriza.
A moción sinala que estes itinerarios atravesan pequenos municipios, conectan Galicia e Portugal e conservan pegadas históricas e patrimoniais que poden contribuír á dinamización turística e económica do rural. “Non estamos defendendo unha reivindicación illada nin un único concello. Estamos falando de itinerarios que poden beneficiar numerosos municipios e conectar comarcas enteiras da provincia”, afirmou Pérez Gamote. Para o Grupo Socialista, o acordo aprobado deixa agora unha tarefa clara: investigar, documentar e delimitar os itinerarios e poñer ese traballo á disposición da Xunta, que deberá analizar a documentación e, se se acreditan os requisitos legais, impulsar os correspondentes procedementos de recoñecemento. “O que non sería comprensible é que esta Deputación se declarase incompetente para axudar aos concellos ou decidise que investigar o patrimonio non merece atención”, concluíu a deputada socialista.

