INICIATIVAS Parlamento de Galicia

Esiximos que a Xunta deixe de mirar para outro lado e protexa o vello cárcere de Ourense

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESIXE Á XUNTA QUE DEIXE DE “MIRAR CARA OUTRO LADO” CO VELLO CÁRCERE E PROTEXA UN DOS GRANDES ESPAZOS DA MEMORIA DEMOCRÁTICA DE OURENSE

Carmen Rodríguez Dacosta reclama no Parlamento que o Goberno galego declare o antigo cárcere Ben de Interese Cultural e advirte de que “non se pode rehabilitar o futuro dun edificio borrando o seu pasado”

“A Xunta ten competencias, ten instrumentos legais e ten unha responsabilidade coa memoria democrática de Galicia. O que non pode facer é mirar cara outro lado mentres un edificio deste valor segue sen contar coa protección que merece”, denuncia

Ourense, 28 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense leva ao Parlamento de Galicia a protección do vello cárcere da cidade ante o que considera unha falta de compromiso da Xunta coa conservación dun dos espazos máis importantes da memoria histórica e democrática da provincia.

A deputada socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de presentar unha iniciativa parlamentaria para reclamar ao goberno galego que actúe, que valore a declaración do antigo cárcere como Ben de Interese Cultural (BIC), que protexa os elementos históricos que aínda conserva e que impulse o seu recoñecemento como Lugar de Memoria Democrática.

A iniciativa chega despois de que Amigos da República de Ourense, o Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova volveran reclamar publicamente a protección do inmoble e o recoñecemento do seu valor como espazo de memoria. Para Dacosta, resulta “incomprensible que a Xunta permaneza pasiva ante un edificio que concentra unha parte fundamental da historia contemporánea de Ourense”.

“A Xunta ten competencias, ten instrumentos legais e ten unha responsabilidade coa memoria democrática de Galicia. O que non pode facer é mirar cara outro lado mentres un edificio deste valor segue sen contar coa protección que merece”, denuncia a parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense.

A Xunta non pode deixar que se perda a memoria dentro das paredes do vello cárcere

A deputada socialista lembra que a antiga Prisión Provincial de Ourense foi un elemento central do sistema represivo durante a Guerra Civil e a ditadura franquista. A documentación histórica sitúa en máis de 5.000 as persoas que pasaron polo centro entre 1936 e 1940, chegando a concentrarse máis de 600 internos en xaneiro de 1938.

“Non estamos falando dun edificio calquera. Estamos falando dun lugar polo que pasaron miles de persoas, moitas delas vítimas da represión política. Estamos falando das súas vidas, das súas familias e dunha parte da historia de Ourense que non podemos condenar ao esquecemento”, sinala Dacosta.

A socialista considera que a Xunta debe pasar “das declaracións aos feitos” e empregar os mecanismos previstos na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia para avaliar e protexer o inmoble. A iniciativa reclama expresamente que se valore a súa declaración individual como BIC polos seus valores históricos, arquitectónicos, documentais e memoriais.

“É moi sinxelo, se a Xunta considera que a memoria democrática importa, ten que actuar. E se considera que este edificio forma parte da historia de Galicia, ten que protexelo. Non vale con discursos nin con homenaxes puntuais”, afirma.

Un futuro para o edificio, pero sen borrar o seu pasado

O PSdeG-PSOE defende que a protección do vello cárcere non debe ser incompatible coa súa rehabilitación nin coa procura dun novo uso para o inmoble. Ao contrario, as e os socialistas consideran que calquera proxecto de futuro debe partir da conservación daqueles elementos que permiten explicar a historia do edificio.

“Ninguén está pedindo que o vello cárcere quede convertido nun edificio pechado no tempo. O que estamos pedindo é que se rehabilite sen borrar a súa historia. Que teña futuro, si, pero que ese futuro respecte a memoria das persoas que estiveron alí recluídas”, explica Dacosta.

A iniciativa reclama á Xunta que promova un estudo histórico, arquitectónico e patrimonial integral para determinar que elementos deben ser preservados e que incorpore tanto os fondos do Arquivo Histórico Provincial como a investigación académica existente. Tamén pide medidas de conservación preventiva para evitar que continúe a deterioración do inmoble.

“O peor que poderiamos facer sería chegar tarde. Hai elementos que, unha vez perdidos, xa non se poden recuperar. A memoria tamén se pode destruír por abandono”, advirte a parlamentaria socialista.

Recoñecemento como Lugar de Memoria Democrática

A proposta do PSdeG-PSOE de Ourense vai máis alá da protección arquitectónica e reclama que a Xunta colabore coa Administración Xeral do Estado para impulsar o recoñecemento do antigo cárcere como Lugar de Memoria Democrática, así como coa investigación e divulgación da historia da prisión e das persoas que estiveron recluídas nela. Dacosta considera que esta é “unha cuestión de responsabilidade institucional”.

“Non lle estamos pedindo á Xunta nada extraordinario. Estamos pedindo que cumpra coa súa responsabilidade, que escoite ás entidades memorialistas e que estea á altura da historia deste edificio”, afirma.

A deputada advirte de que “o vello cárcere non pode ser unha vítima máis do abandono institucional”. “A Xunta ten que decidir se quere ser parte da solución ou seguir mirando cara outro lado. Desde o PSdeG-PSOE temos claro que a memoria democrática de Ourense non se pode deixar caer”, remata Rodríguez Dacosta.