concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás buscará unha alternativa para garantir o funcionamento do concello

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS TOMA A INICIATIVA POR RESPONSABILIDADE ANTE A CRISE DE GOBERNO MUNICIPAL E BUSCARÁ UNHA ALTERNATIVA PARA GARANTIR O FUNCIONAMENTO DO CONCELLO

As cinco concelleiras socialistas consideran que “non se pode deixar Barbadás abandonado á súa sorte” e anuncian movementos para garantir a gobernabilidade ata que a veciñanza decida nas urnas

“Non se trata de ocupar cadeiras nin de facer unha batalla partidista. Trátase de que Barbadás teña un goberno que poida gobernar, tomar decisións e atender os problemas da cidadanía”, subliñan a voceira socialista, Victoria Morenza

Sinalan que “é o momento de asumir responsabilidades e intentar construír unha solución para Barbadás”, sempre coa vista posta en garantir o funcionamento do concello durante os meses que quedan de mandato e deixando que “sexa a cidadanía quen teña a última palabra nas eleccións”

Barbadás, 28 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás considera que a decisión de Democracia Ourensana de retirar o seu apoio ao alcalde e a consecuente saída de Daniel Rey da tenencia de alcaldía provoca unha situación “directamente insostible”.

A saída de Rey prodúcese despois dunha profunda crise política no concello que xa levara, en decembro de 2025, as cinco concelleiras socialistas retiraron o seu apoio ao goberno municipal. Desde entón, o Executivo quedara sustentado fundamentalmente polo alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, o concelleiro José Manuel Morgade e o edil de Democracia Ourensana, Daniel Rey.

Agora, coa marcha de Rey, o goberno municipal queda reducido a dúas persoas, unha situación que, segundo as cinco concelleiras do PSdeG-PSOE, “non permite garantir con normalidade a xestión dun concello como Barbadás nin dar resposta ás necesidades da veciñanza”.

“Respectamos as decisións que adopten o resto das forzas políticas, como non podía ser doutra maneira, pero tamén asumimos a nosa responsabilidade”, sinalan as concelleiras socialistas. “O PSOE é a forza maioritaria da oposición con cinco concelleiras e, ante esta nova situación, correspóndenos mover ficha e dar un paso adiante”, afirman.

As socialistas lembran que a configuración política actual da oposición tamén mudou respecto do inicio do mandato e que dous dos concelleiros que inicialmente formaban parte do grupo municipal do Partido Popular son actualmente non adscritos.

“Non é razoable que un goberno municipal estea dirixido practicamente por dúas persoas e pretenda afrontar con normalidade os problemas dun concello de máis de once mil habitantes”, apunta a voceira socialista, Victoria Morenza.

O PSOE inicia contactos para buscar unha saída

Ante esta situación, o Grupo Municipal Socialista anuncia que inicia conversas e movementos co resto das forzas políticas para explorar vías alternativas que permitan garantir a gobernabilidade de Barbadás durante os meses que restan de mandato.

“Estamos aquí para buscar solucións. Non queremos deixar tirada á veciñanza de Barbadás nin permitir que o concello quede paralizado. Hai que atopar unha fórmula provisional que permita que o municipio funcione con normalidade ata que cheguen as eleccións municipais e sexa a veciñanza quen decida nas urnas”, explica a voceira do PSdeG-PSOE de Barbadás.

Morenza subliña que esta decisión responde exclusivamente a un criterio de responsabilidade institucional, xa que tal e como apuntan “non se trata de ocupar cadeiras nin de facer unha batalla partidista. Trátase de que Barbadás teña un goberno que poida gobernar, tomar decisións e atender os problemas da cidadanía”.

“Ata agora intentamos que nos escoitasen e que se buscasen solucións, pero non foi así. Agora, ante a gravidade da situación, entendemos que non podemos permanecer de brazos cruzados”, engade.

O PSdeG-PSOE considera que a situación actual require “altura de miras, diálogo e responsabilidade” por parte de todas as formacións políticas con representación municipal e anuncia que manterá contactos para coñecer a disposición do resto de grupos a facilitar unha saída á actual parálise. “Barbadás necesita estabilidade, capacidade de xestión e un concello centrado nos problemas da veciñanza”, apuntan as cinco concelleiras socialistas.

O Grupo Municipal Socialista reivindica así o seu papel como principal forza da oposición e sinala que “é o momento de asumir responsabilidades e intentar construír unha solución para Barbadás”, sempre coa vista posta en garantir o funcionamento do concello durante os meses que quedan de mandato e deixando que “sexa a cidadanía quen teña a última palabra nas próximas eleccións municipais”.