A proposta busca aproveitar os recursos públicos xa existentes, conectar as ferramentas municipais e provinciais e crear percorridos sinxelos para coñecer a cidade en 24 ou 48 horas
En Ourense, a 29 de setembro de 2026. O grupo municipal do PSdeG propón que o Concello de Ourense dea un paso adiante na dixitalización da súa oferta turística e se integre no ecosistema de destinos turísticos intelixentes que xa se está desenvolvendo na provincia, aproveitando os recursos existentes e evitando crear novas plataformas ou duplicidades.
Ourense conta con todos os ingredientes para ser un destino turístico de referencia, desde o patrimonio termal e o río Miño ata o casco histórico, a gastronomía, a cultura, o Entroido, os eventos, o comercio ou a conexión ferroviaria de Alta Velocidade. Porén, as socialistas consideran que non abonda con ter recursos, senón que é necesario poñelos en valor, conectalos e facilitar que quen chega á cidade saiba que pode facer, como chegar e como aproveitar a súa estancia.
Neste senso, a proposta socialista aposta por integrar o Concello no proxecto Ourense Cerca DeTI, impulsado pola Deputación Provincial e financiado con fondos do Goberno de Pedro Sánchez, incorporando progresivamente os recursos e a información turística municipal e evitando duplicidades con outras plataformas públicas.
A iniciativa tamén reclama mellorar a información sobre as termas municipais, garantindo que os diferentes canais turísticos do Concello ofrezan datos actualizados sobre horarios, apertura, servizos, accesibilidade e posibles incidencias. Para o PSOE, o termalismo debe ser un dos principais elementos diferenciais de Ourense e a información debe estar á altura dos recursos dos que dispón a cidade.
Outro dos eixos da proposta é aproveitar a chegada da Alta Velocidade para facilitar estancias curtas. Por iso, as socialistas propoñen poñer en marcha Ourense en 24/48 horas, con dous percorridos turísticos sinxelos que conecten a estación do AVE co centro histórico, As Burgas, o termalismo, o Miño e a gastronomía.
Neste senso, as edís socialistas do Concello tamén reclaman aproveitar as liñas de financiamento público destinadas aos destinos turísticos intelixentes e á dixitalización turística, preparando proxectos concretos en coordinación coa Deputación, a Xunta de Galicia e o Goberno de España. “Trátase de facer máis sinxelo visitar Ourense, facilitar o acceso á información e conseguir que os recursos turísticos municipais estean conectados, actualizados e sexan útiles tanto para quen nos visita como para o propio sector”, defendeu a voceira e candidata a Alcaldía Natalia González.
A moción será levada á sesión plenaria municipal de outubro cunha proposta que busca aproveitar investimentos xa realizados, coordinar as diferentes administracións e introducir melloras concretas que poidan manterse no tempo.
Do mesmo xeito que coa proposta presentada polo PSOE para crear o programa municipal de inmersión lingüística “Ourense en Inglés”, as socialistas apostan por iniciativas concretas, con recursos e obxectivos definidos, que poñan de novo no centro da atención eidos como o Turismo e a Educación que levan demasiado tempo fóra de foco na terceira urbe de Galicia.

