O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS RECLAMA UN PLAN DE MANTEMENTO DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E MÁIS INVESTIMENTO PARA GARANTIR A SEGURIDADE DAS PERSOAS USUARIAS
As concelleiras socialistas presentan unha moción para establecer un mantemento periódico e planificado das áreas deportivas municipais, renovar o material deteriorado e executar as actuacións pendentes previstas para 2026
Noemí Pintos sinala que “o deporte é saúde, educación e calidade de vida, pero para que a veciñanza poida practicalo con normalidade é imprescindible que as instalacións municipais estean en condicións dignas e seguras durante todo o ano”
Barbadás, 29 de setembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás vén de presentar unha moción no concello para reclamar ao grupo de goberno a posta en marcha dun plan de mantemento das instalacións deportivas municipais, así como unha maior dotación orzamentaria que permita garantir a súa conservación, mellorar as condicións de uso e ofrecer espazos seguros á veciñanza.
A iniciativa socialista pon o foco na necesidade de coidar e conservar a rede de instalacións deportivas do municipio, que inclúe pavillóns, pistas ao aire libre, campos de fútbol e piscinas en localidades como A Valenzá, Barbadás, Loiro, Bentraces, Parada de Piñor, Sobrado do Bispo, Finca Fierro, Fonsillón e Piñor.
A concelleira socialista, Noemí Pintos, sinala que “o deporte é saúde, educación e calidade de vida, pero para que a veciñanza poida practicalo con normalidade é imprescindible que as instalacións municipais estean en condicións dignas e seguras durante todo o ano”.
Neste sentido, advirte de que o uso intensivo e a antigüidade dalgunhas instalacións fan necesario un compromiso continuado coa súa conservación. “Estamos a falar de cuestións básicas, como reparar redes rotas nas porterías e nas canastras de baloncesto, substituír elementos deteriorados e garantir a limpeza das áreas deportivas. Non podemos agardar a que os problemas se agraven para actuar”, destaca.
Desde o PSdeG-PSOE subliñan que non se trata de reclamar grandes obras nin novos equipamentos, senón de garantir o mantemento adecuado do patrimonio deportivo que xa existe. Por iso, consideran imprescindible que o concello dispoña dunha planificación que permita anticiparse ás avarías, corrixir as deficiencias detectadas e cumprir coas obrigas de conservación e seguridade.
“O mantemento non pode limitarse a actuacións puntuais cando xorde un problema. Ten que existir unha planificación, uns recursos económicos suficientes e un calendario de intervencións que permita conservar as instalacións en boas condicións”, afirma Noemí Pintos.
A moción tamén reclama que os vindeiros orzamentos municipais incorporen unha partida suficiente, cun incremento progresivo, destinada ao mantemento e á mellora das áreas deportivas. Para as concelleiras socialistas, esta planificación económica resulta fundamental para renovar o material deportivo, incluídas redes, colchonetas, canastras e porterías, e para prolongar a vida útil das instalacións.
A iniciativa lembra, ademais, as actuacións realizadas en diferentes espazos deportivos do municipio, como a creación de novas áreas na Valenzá e en Fonsillón, as intervencións no campo de fútbol dos Carrís, en Finca Fierro, na piscina e na pista multideporte, así como as melloras en Parada de Piñor, Piñor e na zona deportiva do parque da Liberdade.
Neste contexto, o grupo municipal socialista reclama ao goberno local que cumpra tamén cos compromisos de actuación previstos para este ano 2026, entre os que figuran a reforma da pista de skate, a drenaxe do campo de fútbol 8 dos Carrís, a pavimentación do chan da área deportiva de Loiro e a substitución de elementos no campo do Barreiro, en Bentraces.
“Barbadás conta cunha importante rede de instalacións deportivas que debe estar á altura das necesidades da veciñanza. Coidalas é investir en saúde, en convivencia e en calidade de vida, pero tamén facer un uso responsable dos recursos públicos”, conclúe a concelleira socialista.
Acordos da moción
A moción presentada polo Grupo Municipal Socialista propón tres medidas concretas:
§ Poñer en marcha un plan de mantemento preventivo, correctivo e normativo para todas as instalacións deportivas municipais.
§ Garantir unha dotación orzamentaria suficiente, con incremento progresivo nos vindeiros exercicios, para o mantemento e a mellora das áreas deportivas.
§ Executar as actuacións previstas para 2026, incluídas a reforma da pista de skate, a drenaxe do campo de fútbol 8 dos Carrís, a pavimentación da área deportiva de Loiro e a substitución de elementos no campo do Barreiro, en Bentraces.

