O PSDEG-PSOE DE OURENSE LEVA AO CONGRESO O RECOÑECEMENTO DO VELLO CÁRCERE COMO LUGAR DE MEMORIA DEMOCRÁTICA
Marga Martín rexistrará unha proposición non de lei para impulsar a protección e posta en valor do antigo Cárcere Provincial e garantir que calquera futuro uso respecte a súa memoria
As e os socialistas propoñen avanzar nun proxecto de futuro para o inmoble que combine a súa rehabilitación coa conservación da súa dimensión histórica e memorial
“O que propoñemos é dar un paso adiante para protexer o edificio, investigar e divulgar a súa historia e garantir que teña futuro sen que para iso teñamos que borrar o seu pasado”, sinala a deputada socialista
Ourense, 30 de setembro de 2026. A deputada do PSdeG-PSOE por Ourense no Congreso, Marga Martín Rodríguez, rexistrará unha proposición non de lei (PNL) para instar ao Goberno de España a impulsar o recoñecemento do antigo cárcere provincial de Ourense como Lugar de Memoria Democrática, dando así un novo paso para a protección, conservación e posta en valor dun dos espazos máis relevantes da memoria democrática da cidade.
A iniciativa socialista chega despois das recentes reclamacións formuladas polos colectivos memorialistas da provincia e da iniciativa presentada polo PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia para reclamar á Xunta a protección patrimonial do inmoble e a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).
Para Marga Martín, o antigo cárcere “non é simplemente un edificio que leva décadas pechado, senón un lugar que forma parte da memoria colectiva de Ourense e no que se concentra unha parte fundamental da historia da represión e da loita pola liberdade e a democracia”.
“O que propoñemos é dar un paso adiante para protexer o edificio, investigar e divulgar a súa historia e garantir que teña futuro sen que para iso teñamos que borrar o seu pasado”, sinala a deputada socialista.
Un recoñecemento que permita protexer e divulgar
A PNL tomará como referencia a Lei 20/2022, de Memoria Democrática, que define os Lugares de Memoria Democrática como aqueles espazos nos que se produciron feitos de especial relevancia histórica, simbólica ou para a memoria colectiva vinculados, entre outros aspectos, á represión, á ditadura e á loita da cidadanía polos seus dereitos e liberdades. A mesma lei establece obrigas de conservación, identificación, sinalización e divulgación destes espazos. Neste sentido, Marga Martín considera que o antigo cárcere provincial “reúne claramente os valores históricos e memoriais que deben ser recoñecidos e preservados”.
A deputada lembra que pola prisión da rúa do Progreso pasaron milleiros de persoas durante a Guerra Civil e a ditadura, moitas delas represaliadas polas súas ideas políticas e polo seu compromiso coa democracia. Segundo a documentación histórica recollida nas investigacións sobre o sistema penitenciario franquista, máis de 5.000 persoas pasaron polo centro entre 1936 e 1940, chegando a superar os 600 internos en xaneiro de 1938.
“Cada cela, cada muro e cada espazo deste edificio ten unha historia detrás. Falamos de persoas, de familias e de vidas marcadas pola represión. Recoñecer o cárcere como Lugar de Memoria Democrática é tamén recoñecer a esas vítimas e transmitir ás novas xeracións o que aconteceu para que nunca volva repetirse”, afirma Martín.
Un proxecto de futuro para o vello cárcere
O PSdeG-PSOE de Ourense considera que a protección da memoria e a rehabilitación do edificio non son obxectivos incompatibles, senón que deben formar parte dun mesmo proxecto. Por iso, a iniciativa socialista aposta por avanzar cara a unha actuación integral que permita conservar os elementos de interese histórico e arquitectónico, documentar e divulgar a historia da prisión e estudar usos futuros compatibles coa súa condición de espazo de memoria.
“Ourense necesita deixar atrás décadas de abandono e falta de decisións sobre este edificio. Precisamos un proxecto serio, con visión de futuro e no que as distintas administracións traballen coordinadamente. O cárcere pode e debe ter un novo uso, pero ese novo uso ten que respectar o que aconteceu entre os seus muros”, defende a deputada.
Martín sinala que o recoñecemento como Lugar de Memoria Democrática pode contribuír precisamente a ordenar este proceso, facilitando a incorporación do inmoble ao inventario estatal de Lugares de Memoria Democrática e promovendo actuacións de sinalización, interpretación e divulgación histórica.
Coordinación entre administracións
A iniciativa pretende tamén sumar esforzos entre o Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, de maneira que a protección patrimonial e memorial do edificio vaia acompañada dun proxecto de rehabilitación e posta en valor.
“Non se trata de que unha administración lle pase a responsabilidade á outra. Trátase de que todas asumamos a nosa parte e fagamos posible que o vello cárcere deixe de ser un símbolo do abandono para converterse nun espazo de memoria, cultura e coñecemento”, explica Marga Martín.
A deputada socialista subliña que Ourense conta ademais con precedentes recentes que demostran que este tipo de recoñecementos son posibles. En xuño de 2026, o Estado iniciou o procedemento para declarar Lugar de Memoria Democrática o Campo Aragón de Ourense, mentres que en agosto deste ano foron declaradas Lugar de Memoria Democrática as Illas de San Simón e Santo Antón.
“O que queremos é que o vello cárcere tamén teña o recoñecemento que merece e que ese recoñecemento sirva para impulsar unha solución de futuro. Memoria e rehabilitación non deben competir, deben ir da man”, conclúe Marga Martín.

