O PSDEG-PSOE DE OURENSE RECLAMA Á XUNTA DE GALICIA UNHA ACTUACIÓN INTEGRAL E MÁIS RECURSOS PARA RECONSTRUÍR SAN VICENTE DE LEIRA TRALOS INCENDIOS
Carmen Rodríguez Dacosta denuncia que os 287.845,92 € comprometidos para infraestruturas municipais apenas cobre o 14,4% dos danos valorados polo concello, que se sitúan preto dos dous millóns de euros
As e os socialistas esixen, asemade, completar o desentullo, ampliar os prazos das axudas ás familias e garantir que ningunha persoa perda a subvención por non poder iniciar as obras por causas alleas á súa vontade
“A Xunta ten que pasar das actuacións puntuais a unha verdadeira planificación da recuperación. Hai que completar o desentullo, garantir as axudas e poñer enriba da mesa os recursos que permitan recuperar as infraestruturas. San Vicente de Leira necesita unha resposta integral e necesita tela xa”
Ourense, 1 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense reclama á Xunta unha actuación “integral, urxente e dotada de recursos suficientes” para completar a recuperación de San Vicente de Leira, en Vilamartín de Valdeorras, gravemente afectado polos incendios forestais de agosto de 2025.
A deputada socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, defenderá no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas nas que reclama ao goberno galego que, en colaboración co concello, complete o desentullo das zonas afectadas, facilite a reconstrución das vivendas destruídas, amplíe os prazos das axudas cando sexa necesario e garanta o financiamento suficiente para recuperar as infraestruturas municipais danadas.
“Pasou máis dun ano e San Vicente de Leira non pode seguir esperando. As familias necesitan poder reconstruír as súas casas e as administracións temos que poñer os medios para que nada lles impida facelo”, sinala Rodríguez Dacosta.
Axudas concedidas pero vivendas que non poden reconstruírse
A parlamentaria socialista advirte dunha situación especialmente preocupante con persoas afectadas polos incendios, que teñen concedidas axudas para rehabilitar ou reconstruír as súas vivendas, pero non poden iniciar as obras porque previamente é necesario retirar os restos das edificacións destruídas.
“Non é razoable que unha familia que perdeu a súa vivenda, que solicitou unha axuda e que conseguiu que lle fose concedida teña agora que afrontar o risco de perdela porque non pode comezar as obras por unha circunstancia que non depende dela”, denuncia.
Por iso, o PSdeG-PSOE reclama á Xunta que garanta que ningunha persoa beneficiaria perda total ou parcialmente a súa subvención cando a imposibilidade de executar as obras dentro do prazo derive da falta de desentullo ou doutras actuacións previas imprescindibles. A iniciativa socialista pide ademais ampliar os prazos de execución e xustificación das axudas cando estean condicionados por estas circunstancias.
“As administracións non podemos trasladar ás familias a responsabilidade de resolver individualmente un problema que ten unha orixe común e que require unha resposta pública. Se unha persoa non pode reconstruír porque antes hai que retirar os entullos, o prazo da súa axuda ten que adaptarse a esa realidade”, afirma Dacosta.
47.322 euros para un primeiro desentullo que quedou curto
Tras os incendios, Xunta e Concello asinaron un convenio por 47.322,31 euros para actuacións urxentes de desentullo na vía pública, fundamentalmente destinadas a asegurar as rúas e permitir a circulación e o acceso aos núcleos afectados. Para o PSdeG, esa actuación foi necesaria, pero insuficiente para abordar a dimensión do problema.
“Aquel primeiro desentullo serviu para atender a emerxencia e garantir os accesos, pero non podía ser o punto final. San Vicente de Leira precisa agora completar a retirada dos restos das edificacións destruídas para que as familias poidan reconstruír as súas vivendas”, explica a deputada socialista. Por iso, as iniciativas socialistas reclaman unha actuación integral de desentullo, con financiamento e medios técnicos suficientes, e priorizando aquelas parcelas nas que a falta de retirada dos restos está impedindo directamente o inicio das obras.
Preto de dous millóns de euros en danos fronte a 287.845 euros comprometidos
A situación tamén evidencia, segundo as e os socialistas, a necesidade de reforzar de maneira considerable a resposta económica da Xunta. O concello de Vilamartín de Valdeorras realizou unha valoración dos danos sufridos nas súas infraestruturas municipais que se sitúa arredor dos dous millóns de euros, incluíndo danos en captacións de auga, redes de abastecemento, vías públicas, estradas e outras infraestruturas básicas.
Fronte a esta valoración, a achega comprometida pola Xunta mediante o correspondente convenio ascende a 287.845,92 euros, distribuídos en dúas anualidades. É dicir, os recursos actualmente comprometidos representan aproximadamente o 14,4 % dos danos valorados polo concello, cunha diferenza de arredor de 1,71 millóns de euros respecto da estimación municipal.
“Os números son claros xa que o concello cifra os danos en preto de dous millóns de euros e a Xunta compromete 287.845,92 euros. Estamos falando dunha diferenza de máis de 1,7 millóns de euros que non pode quedar sen resposta”, subliña Carmen Rodríguez Dacosta.
A deputada considera que non se trata unicamente dunha cuestión económica, senón da recuperación de servizos básicos para a veciñanza. “Estamos falando de auga, de abastecemento, de estradas, de vías públicas e de infraestruturas imprescindibles para que os núcleos afectados poidan recuperar a normalidade. Non estamos falando de actuacións accesorias”, apunta.
Recuperar un núcleo, non só reconstruír vivendas
O PSdeG-PSOE de Ourense defende que a recuperación de San Vicente de Leira debe abordarse desde unha perspectiva global e coordinada entre as distintas administracións, evitando que cada familia teña que resolver pola súa conta problemas que afectan ao conxunto do núcleo. “Non estamos falando só de reconstruír casas. Estamos falando de recuperar un núcleo, as súas infraestruturas e as condicións necesarias para que as persoas poidan volver desenvolver a súa vida con normalidade”, sinala Dacosta.
Neste sentido, as e os socialistas consideran imprescindible que a Xunta traballe directamente co concello para identificar as actuacións pendentes, establecer prioridades e garantir os recursos económicos necesarios.
A iniciativa parlamentaria reclama así que o goberno galego complete o desentullo, asegure as axudas ás familias, amplíe os prazos cando existan causas alleas ás persoas beneficiarias e incremente o financiamento para a recuperación das infraestruturas municipais.
“As familias necesitan solucións, non máis obstáculos”
Carmen Rodríguez Dacosta lembra que o Grupo Parlamentario Socialista levou en diferentes ocasións ao Parlamento galego a situación de Vilamartín de Valdeorras e, particularmente, de San Vicente de Leira, reclamando unha resposta á altura da excepcionalidade dos danos provocados polos incendios.
Agora, o PSdeG considera que a fase de emerxencia xa non pode servir de escusa para demorar as actuacións estruturais que necesita o núcleo. “As familias de San Vicente de Leira xa pasaron por un incendio devastador. Non podemos engadir agora máis dificultades burocráticas ou administrativas á súa situación. Necesitan saber que as súas vivendas se van poder reconstruír e que ningunha axuda concedida se vai perder por unha causa que non lles é imputable”, afirma a parlamentaria.
“A Xunta ten que pasar das actuacións puntuais a unha verdadeira planificación da recuperación. Hai que completar o desentullo, garantir as axudas e poñer enriba da mesa os recursos que permitan recuperar as infraestruturas municipais. San Vicente de Leira necesita unha resposta integral e necesita tela xa”, conclúe Carmen Rodríguez Dacosta.

