concellos INICIATIVAS

O PSOE de Barbadás pide abrir e dinamizar o museo etnográfico de Loiro

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS LEVA AO PLENO UNHA PROPOSTA PARA ABRIR, DINAMIZAR E POÑER EN VALOR O MUSEO ETNOGRÁFICO DE LOIRO

“Temos un patrimonio extraordinario e debemos ser capaces de convertelo nunha oportunidade para a cultura, o turismo, a hostalaría e o comercio local”, sinala a concelleira socialista, Ana Belén Peleteiro

“Falamos dun espazo que conserva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e que ten todas as condicións para converterse nun recurso cultural e turístico de referencia. O que propoñemos é moi concreto: que se abra, que se dea a coñecer, que se programe actividade e que se integre dentro da oferta turística e cultural de Barbadás”, destaca

Barbadás, 1 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás levará ao pleno do vindeiro luns, 5 de outubro, unha moción para impulsar a apertura ao público, a dinamización e a posta en valor do Museo Etnográfico de Loiro. As socialistas sinalan que se trata dun equipamento que “ten un importante potencial como recurso cultural, educativo e turístico para o conxunto do municipio”.

A iniciativa parte da convicción de que o patrimonio etnográfico de Barbadás debe deixar de ser un recurso simplemente conservado para converterse nun patrimonio vivo, accesible e coñecido pola veciñanza, así como polas persoas que visitan o municipio.

O Museo Etnográfico de Loiro reúne unha importante colección vinculada á vida cotiá, aos traballos do campo, aos antigos oficios, á escola, aos comercios e aos costumes sociais do século XX, ademais dunha colección de máis de 400 fotografías. Un patrimonio que foi posible grazas, en boa medida, á implicación e ao traballo desenvolvido durante anos pola propia veciñanza de Loiro.

A concelleira socialista, Ana Belén Peleteiro, defende que “o Museo Etnográfico de Loiro é unha oportunidade que Barbadás non pode deixar pasar”. “Falamos dun espazo que conserva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e que ten todas as condicións para converterse nun recurso cultural e turístico de referencia. O que propoñemos é moi concreto: que se abra, que se dea a coñecer, que se programe actividade e que se integre dentro da oferta turística e cultural de Barbadás”, sinala.

Desde o PSdeG-PSOE consideran que a posta en valor do museo debe realizarse desde unha perspectiva integral. Por iso, a moción reclama establecer un calendario e horarios de apertura regular, especialmente en períodos de maior afluencia, así como promover visitas guiadas e actividades de divulgación destinadas, entre outros colectivos, aos centros educativos, asociacións culturais e veciñais.

“Queremos que as nenas e nenos de Barbadás poidan coñecer a súa historia directamente, que a veciñanza poida visitar o museo e que quen se achegue ao noso concello descubra tamén a riqueza do noso patrimonio”, explica Peleteiro.

A proposta socialista tamén contempla actuar sobre o entorno inmediato do museo, garantindo unhas condicións adecuadas de mantemento, limpeza, conservación, seguridade e accesibilidade, así como mellorar a súa visibilidade nos materiais informativos, dixitais e promocionais do Concello.

Unha oportunidade para dinamizar a economía local

Para o Grupo Municipal Socialista, a aposta polo Museo Etnográfico de Loiro non debe limitarse ao ámbito cultural. A iniciativa pretende tamén aproveitar o patrimonio como motor de dinamización económica, xerando sinerxías coa hostalaría, o comercio e outros recursos turísticos e culturais do municipio.

“Cada persoa que conseguimos atraer a Loiro para coñecer o museo é tamén unha oportunidade para que descubra a nosa gastronomía, os nosos negocios, o noso comercio e o resto do patrimonio de Barbadás”, apunta Ana Peleteiro.

Neste sentido, as socialistas consideran necesario avanzar cara a unha estratexia turística propia de Barbadás, na que o Museo Etnográfico de Loiro se integre xunto con outros recursos do municipio como a ruta literaria Carmen Martín Gaite, os pazos de Piñor e Bentraces, a Fraga de Louredo, o Museo da Gaita, os canastros e a igrexa románica de Loiro, o penedo do Tangaraño ou as diferentes rutas de sendeirismo e BTT.

“Barbadás ten patrimonio, ten historia e ten recursos para ofrecer unha proposta turística propia. O que precisamos é conectalos, promocionalos e poñelos ao servizo da veciñanza e da economía local”, afirma a concelleira socialista.

Colaboración entre administracións e planificación estable

A moción reclama tamén que o concello realice as xestións necesarias ante a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense para conseguir colaboración e financiamento destinado á dinamización e promoción turística do museo, aproveitando as liñas de axudas, convenios e programas de cooperación existentes.

Do mesmo xeito, o PSdeG-PSOE propón establecer unha planificación anual e unha dotación orzamentaria suficiente que permitan garantir a continuidade das actuacións de apertura e dinamización, así como dar conta periodicamente ao Pleno do seu cumprimento.

“Non estamos falando simplemente de abrir unha porta. Estamos falando de dar vida ao museo, de convertelo nun espazo accesible e atractivo e de aproveitar todo o seu potencial para Loiro e para o conxunto de Barbadás”, conclúe Ana Peleteiro.

O Grupo Municipal Socialista confía en que a proposta poida contar co apoio do resto da corporación e permita dar un novo impulso a un equipamento que, segundo defenden, merece ser coñecido, visitado e aproveitado como parte esencial da identidade e do futuro de Barbadás.