concellos Denuncias

O PSOE de Barbadás denuncia o desgoberno absoluto do concello

O PSDEG-PSOE DE BARBADÁS DENUNCIA O “DESGOBERNO ABSOLUTO” DUN CONCELLO QUE LEVA DÍAS CUN EXECUTIVO REDUCIDO A DÚAS PERSOAS E SEN XUNTA DE GOBERNO

As socialistas consideran que a situación resulta aínda máis preocupante polo funcionamento das propias comisións informativas, nas que onte nin sequera estivo presente o concelleiro, José Manuel Morgade, integrante do goberno municipal e responsable de distintas áreas

A voceira socialista, Victoria Morenza, alerta de que Barbadás “está paralizado, o goberno municipal non ten capacidade para funcionar con normalidade e ninguén explica cando se vai solucionar esta situación”

“Barbadás non pode estar gobernado á deriva. Os problemas da veciñanza non desaparecen porque o goberno estea en crise. Hai expedientes que tramitar, servizos que atender, decisións que tomar e proxectos que impulsar. E para iso fai falta un goberno que teña capacidade real para gobernar”, afirma

Barbadás, 2 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Barbadás denuncia a situación de “desgoberno e parálise” que vive actualmente o concello trala saída de Democracia Ourensana do executivo municipal, que deixou o goberno reducido ao alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e ao concelleiro, José Manuel Morgade. Esta situación está impedindo mesmo o funcionamento ordinario da xunta de goberno local, sen que a día de hoxe exista unha previsión concreta sobre cando poderá recuperarse a súa normalidade.

Durante as comisións informativas celebradas no día de onte, esta situación púxose sobre a mesa. Ante as preguntas de se, tras a marcha do concelleiro de DO, xa se resolvera a situación que impide a celebración das xuntas de goberno. A resposta do alcalde foi que debería solucionarse “o antes posible”, pero sen achegar ningún, prazo, calendario, nin fórmula concreta para facelo.

Para a voceira socialista, Victoria Morenza Doforno, esta resposta evidencia a ausencia dun rumbo claro no concello. “Non hai previsión, non hai explicacións e non hai unha solución enriba da mesa. O único que sabemos é que o concello ten un goberno formado por dúas persoas e que nin sequera pode funcionar con normalidade”, denuncia.

Morenza considera especialmente “grave” que este luns vaia celebrarse un novo pleno municipal e que, a poucos días desa sesión, o goberno local “siga exactamente igual, reducido a dúas persoas e sen ser capaz de explicar á oposición nin á veciñanza como pensa recuperar o funcionamento ordinario do concello”.

“Barbadás non pode estar gobernado á deriva. Os problemas da veciñanza non desaparecen porque o goberno estea en crise. Hai expedientes que tramitar, servizos que atender, decisións que tomar e proxectos que impulsar. E para iso fai falta un goberno que teña capacidade real para gobernar”, afirma a voceira socialista.

Inmobilismo ante unha situación que coñecen dende fai días

O PSdeG-PSOE de Barbadás critica ademais que, pesa a coñecer perfectamente as consecuencias da saída do goberno de Democracia Ourensana, “non se estea facendo nada visible para resolver a situación”.

As socialistas consideran que a situación resulta aínda máis preocupante polo funcionamento das propias comisións informativas, nas que onte nin sequera estivo presente o concelleiro, José Manuel Morgade, integrante do goberno municipal e responsable de distintas áreas. “Temos un goberno de dúas persoas e onte unha delas nin sequera asistiu ás comisións informativas que tiña que atender. Esta é a imaxe dun concello que está funcionando ao límite das súas posibilidades”, afirma Morenza.

A voceira socialista insiste en que o problema “non é unha cuestión de siglas, nin dunha disputa partidista”, senón de capacidade de xestión. “O que nos preocupa é que Barbadás quede paralizado mentres o alcalde xoga o tetris buscando recompoñer o seu goberno. A veciñanza non pode pagar as consecuencias dunha crise política”, engade.

O PSOE reclama unha solución “inmediata e transparencia”

O grupo municipal socialista reclama ao alcalde que explique publicamente que “medidas vai adoptar, con que prazos e como pensa garantir o funcionamento ordinario do concello”.

Victoria Morenza lembra que o PSdeG-PSOE xa anunciou a súa vontade de asumir responsabilidade e explorar alternativas para garantir a gobernabilidade de Barbadás durante o tempo que resta de mandato. “Nós non queremos que Barbadás quede abandonado a súa sorte, pero para iso o primeiro que ten que existir é vontade de solucionar o problema”.

“Barbadás necesita un goberno que goberne, non un goberno que simplemente aguante e se agarre a cadeira de mando. Necesita capacidade para tomar decisións, para reunir aos seus órganos e para atender os problemas da xente, algo que a día de hoxe non acontece”, conclúe a voceira socialista.