Denuncias Deputación de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Acusamos a Menor de ter memoria selectiva e montar unha cortina de fume para tapar os seus pactos con DO

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACUSA A LUIS MENOR DE “TER MEMORIA SELECTIVA” E DE MONTAR UNHA “CORTINA DE FUME” PARA OCULTAR OS SEUS PACTOS CON JÁCOME

As e os socialistas acusan a Luis Menor de “querer borrar as pegadas dos seus propios pactos cunha cortina de fume e roldas de prensa cheas de mentiras” e afirman que “os ourensáns e as ourensás saben perfectamente como chegou á cadeira de presidente da Deputación”.

“Cando os pactos lle serven ao PP para gobernar son responsabilidade política. Cando os demais toman decisións pensando no interese da cidadanía, pasan a ser conspiracións e pactos ocultos”, sinala Álvaro Vila

Fronte á estratexia do PP, Álvaro Vila reivindica que o PSOE está exercendo “unha oposición útil e responsable”, centrada en que o concello de Ourense poida funcionar e en defender os intereses da cidadanía. “O PSOE non ten ningún pacto de cadeiras. O PSOE ten un pacto coa cidade e coa veciñanza”

Ourense, 7 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense carga contra o presidente da Deputación Provincial e do PP ourensán, Luis Menor, pola súa “obsesión por fabricar inimigos e inventar pactos ocultos”, trala aprobación dos orzamentos e o desbloqueo dos pagos a provedores no concello de Ourense. O secretario provincial das e dos socialistas ourensáns, Álvaro Vila Araújo, considera que Menor está tentando “montar unha cortina de fume” para ocultar unha realidade que resulta “demasiado incómoda” para os populares, e que non é máis que a súa propia chegada e permanencia no poder estiveron sustentadas nos acordos do PP con DO.

“Hai que ter moita cara para vir dando agora leccións sobre pactos cando a túa traxectoria política está marcada polos acordos do teu partido con Jácome”, denuncia Vila. “Menor non pode pretender que os ourensáns e as ourensás esquezan como chegou á presidencia da Deputación, nin os apoios que lle permitiron sentar nesa cadeira”.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense considera especialmente “grave” que o presidente provincial do PP pretenda presentar como “pacto oculto” unha votación que permitiu sacar adiante os orzamentos municipais e desbloquear os pagos a provedores, mentres “segue sen explicar os pactos que o propio PP mantivo con DO para controlar a Deputación Provincial de Ourense”.

“O único pacto oculto que debería preocupar a Luis Menor é o que o propio Jácome puxo enriba da mesa no último pleno e que o propio Menor non se atreveu a desmentir”, afirma Vila. “Se o presidente da Deputación considera que o que dixo Jácome é falso, que saia e o desminta con claridade, que explique que acordos houbo entre PP e DO, con quen e cambio de que. Ata agora só temos silencio”, apunta o voceiro do Grupo Provincial Socialista.

O PP pacta cando lle interesa e escandalízase cando non lle dan os votos

Álvaro Vila considera que o comportamento de Luis Menor resume perfectamente a dobre vara de medir do PP ourensán. “Cando os pactos lle serven ao PP para gobernar son responsabilidade política. Cando os demais toman decisións pensando no interese da cidadanía, pasan a ser conspiracións e pactos ocultos”, sinala.

O secretario provincial lembra que nas últimas dúas lexislaturas o PP “entendeuse con DO cando lle fixo falta para manter o control da Deputación”. Primeiro, baixo a dirección de Manuel Baltar, para “blindar o baltarismo e garantir a continuidade do poder popular na institución provincial”. E, posteriormente, co propio Luis Menor, “cando o actual presidente necesitaba os apoios para asumir o mando da Deputación”.

“Menos chegou ao poder gracias aos pactos e agora pretende presentarse como o gran defensor da pureza política”, critica Vila, que tamén apunta que “é difícil atopar un exercicio de maior cinismo político”. Asemade, engade que “a historia volve repetirse”, en referencia ao sucedido hai catro anos. “O PP asegurou o seu poder gracias a Montse Lama e agora volve acontecer o mesmo cun deputado non adscrito, o que pon de manifesto que unha vez garantida a cadeira, rompeuse o amor. Primeiro necesitan pactos para mandar e despois fai como se nunca existisen”, ironiza Vila.

Menor entrou en modo electoral e cre que os ourensáns non teñen memoria

Para Álvaro Vila, as declaracións do presidente provincial evidencias que o PP “xa está en clave electoral” e que Luis Menor pretende converter a Deputación nunha plataforma para atacar aos seus adversarios, con roldas de prensa convertidas en “Aló Presidente”.

“Menor pensa que os ourensáns e as ourensás non teñen memoria, pero equivócase”, afirma Vila. “A xente lembra perfectamente os pactos do PP con Jácome, lembra o baltarismo, lembra como se repartiu o poder e lembra tamén como o PP utilizou os apoios que necesitaba para chegar ás institucións”.

O voceiro socialista considera que Menor está intentando “correr unha cortina de fume” porque “non quere que se fale da súa propia xestión, nin das responsabilidades do Partido Popular”. Neste senso, tamén apunta que “é moito máis cómodo para Menor inventar un inimigo e falar dun suposto pacto oculto que explicar os pactos que lle permitiron a el mesmo chegar á presidencia da Deputación”.

O pacto do PSOE é coa cidade, non coa cadeira de mando

Fronte á estratexia do PP, Álvaro Vila reivindica que o PSOE está exercendo “unha oposición útil e responsable”, centrada en que o concello de Ourense poida funcionar e en defender os intereses da cidadanía. “O PSdeG-PSOE non ten ningún pacto de cadeiras. O PSdeG-PSOE ten un pacto coa cidade de Ourense e coa veciñanza”, afirma.

Ese compromiso, explica, pasa por “garantir que as empresas cobren, que os pequenos negocios e os autónomos reciban o que se lles debe, que a actividade económica non se paralice e que a cidade poida seguir funcionando”. “Nós non estamos aquí para repartirnos cadeiras. Estamos para defender os intereses dos ourensáns e das ourensás. Esa é a diferenza entre o PSOE e o PP de Luis Menor”, subliña Vila.

Finalmente, Vila reclama ao presidente da Deputación que deixe de “dar leccións” e comece a “dar explicacións”. Neste senso sinala que “Menor debería de preocuparse menos de supostos pactos que non son e explicar os seus propios pactos que si o son. Debería deixar de mirar para outro lado cada vez que se fala de como chegou ao poder”.

“Os ourensáns e as ourensás merecen saber a verdade. E a verdade é moi sinxela: o PP pactou con Jácome cando lle interesou, utilizou eses acordos para facerse e manter o poder e agora, cando xa non os necesita, pretende borrar as súas pegadas e dar leccións aos demais, destaca Vila. O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense conclúe sinalando que “Menor non nos veña agora con pactos ocultos. En Ourense hai algo que non está oculto e son os pactos que o PP fixo para gobernar. E eses pactos teñen nome e apelidos: Partido Popular, Luis Menor e Democracia Ourensana”.