Denuncias Parlamento de Galicia Sanidade

Carmen Dacosta leva ao Parlamento o deterioro da sanidade pública en Valdeorras

O PSDEG-PSOE DE OURENSE LEVA AO PARLAMENTO O DETERIORO DA SANIDADE EN VALDEORRAS E ESIXE Á XUNTA UN PLAN DE CHOQUE PARA RECUPERAR SERVIZOS E PROFESIONAIS

Carmen Rodríguez Dacosta reclama máis persoal, reforzar o Hospital Público, estudos sobre a incidencia da silicose e unha base do 061 con ambulancia medicalizada de forma permanente

As e os socialistas preguntan á Xunta por que mantén sen resposta as reivindicacións da Plataforma Sanitaria e anuncia que trasladarán ao Parlamento as demandas da mesma, que se mobilizará o vindeiro 17 de outubro

Dacosta advirte que a Xunta “non pode seguir tratando Valdeorras como un territorio de segunda” e apunta que “hai unha comarca que leva tempo reclamando máis profesionais, máis capacidade asistencial e unha sanidade adaptada as súas características”

O Barco de Valdeorras, 8 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense leva ao Parlamento de Galicia a situación sanitaria da comarca de Valdeorras e reclama á Xunta que actúe ante o deterioro dos servizos públicos denunciados pola Plataforma Sanitaria, polos profesionais sanitarios, pola representación sindical e pola veciñanza.

A deputada autonómica, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de rexistrar unha batería de iniciativas para esixir ao goberno galego un plan de recuperación e de reforzo dos servizos sanitarios do distrito sanitario de Valdeorras, con orzamento suficiente, calendario público e compromisos concretos e avaiables.

Dacosta advirte que a Xunta “non pode seguir tratando Valdeorras como un territorio de segunda” e apunta que “hai unha comarca que leva tempo reclamando máis profesionais, máis capacidade asistencial e unha sanidade adaptada as súas características”. A parlamentaria socialista tamén destaca que “o Parlamento debe servir para esixir respostas e compromisos concretos”.

“Non chega con contar habitantes, hai que contar distancias, dispersión e necesidades”

As e os socialistas reclaman que a planificación sanitaria da Xunta teña en conta a realidade específica da comarca de Valdeorras. “Falamos dun territorio de montaña, con dispersión poboacional, dificultades de comunicación, poboación envellecida e unha elevada presenza de persoas pluripatolóxicas e polimedicadas”, afirma Rodríguez Dacosta.

“Non se pode planificar a sanidade mirando unicamente para unha cifra de habitantes”, sinala a deputada do PSdeG-PSOE de Ourense, que tamén subliña que “as distancias, a orografía, o envellecemento e as características da poboación teñen que traducirse en máis recursos e nunha carteira de servizos adaptada”.

A iniciativa socialista reclama profesionais suficientes e estables no Hospital Público de Valdeorras e na atención primaria, cubrindo vacantes, permisos e baixas e reforzando especialmente áreas como pediatría, hospitalización a domicilio e a atención ás necesidades derivadas do envellecemento da poboación.

O Hospital de Valdeorras ten que poder exercer como hospital comarcal

O PSdeG-PSOE de Ourense pon tamén o foco na situación dos profesionais e na capacidade asistencial do Hospital Público de Valdeorras. A documentación presentada no Parlamento recolle problemas como a infradotación de persoal, a perda de servizos clínicos, a falta de cobertura de permisos e baixas e a excesiva rotación do persoal facultativo.

As e os socialistas advirten ademais de que as derivacións ao CHUO deben responder ás necesidades clínicas ou á complexidade das patoloxías e non converterse na resposta habitual ante a falta de profesionais ou de capacidade asistencial no propio distrito.

Un estudo específico sobre a silicose e unha base do 061

Outra das reclamacións que Carmen Rodríguez Dacosta leva ao Parlamento é a realización de estudos epidemiolóxicos sobre a prevalencia da silicose e doutras patoloxías no distrito sanitario de Valdeorras. “O obxectivo é que os resultados permitan adaptar a planificación sanitaria e a carteira de servizos ás necesidades reais da poboación”, destaca.

E tamén presenta unha petición especialmente concreta, que é unha base do 061 en Valdeorras cunha ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada ou con enfermaría. A proposta xustifica esta necesidade polas características orográficas da comarca, a dispersión poboacional, as comunicacións, o envellecemento e a sinistralidade laboral.

Rodríguez Dacosta subliña que “falamos de emerxencias e de vidas. Valdeorras ten unhas características territoriais que fan imprescindible contar cun recurso avanzado do 061 na propia comarca. A Xunta debe explicar por que non o ten e que pensa facer para corrixilo”.

Preguntas directas á Xunta

Ademais da proposición non de lei, o Grupo Socialista presentou unha batería de preguntas por escrito para obrigar ao goberno galego a concretar as súas intencións.

Carmen Rodríguez Dacosta pregunta á Xunta que medidas vai adoptar para responder ao deterioro da atención sanitaria, garantir os profesionais necesarios, recuperar a capacidade asistencial do Hospital Público e da Atención Primaria, realizar os estudos epidemiolóxicos sobre a silicose e dotar Valdeorras dunha base do 061 con soporte vital avanzado.

As e os socialistas reclaman igualmente información sobre a dotación real de persoal e a situación dos servizos sanitarios, así como a posta en funcionamento do Consello de Saúde do Distrito e unha interlocución efectiva coa Plataforma Sanitaria, cos profesionais, cos sindicatos e coa cidadanía.

O 17 de outubro, a cidadanía volverá saír á rúa

A ofensiva parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense chega semanas antes da mobilización convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras para o 17 de outubro, ás 17.30 horas, no Barco, para reclamar a recuperación e adaptación dos servizos sanitarios ás necesidades da comarca. A xunta de persoal do distrito sanitario, integrada por CIG, UGT, CCOO, SATSE, SAE e CSIF, fixo público o seu apoio á mobilización.

“O 17 de outubro a cidadanía volverá poñer diante da Xunta unhas reivindicacións moi concretas: máis profesionais, máis capacidade asistencial, mellor atención primaria, recursos para o Hospital Público, estudos sobre a silicose, unha HADO reforzada e unha base do 061”, sinala Rodríguez Dacosta. “Nós imos facer que esas demandas estean tamén no Parlamento de Galicia. Agora tócalle á Xunta responder”, conclúe a deputada socialista.