O PSDEG-PSOE DE LEIRO ACUSA AO GOBERNO MUNICIPAL DO PP DE CONVERTER O CONCELLO NUNHA FERRAMENTA DE PROPAGANDA MENTRES ACUMULA DESCONTROL ECONÓMICO
As e os socialistas denuncian que o executivo de Francisco José Fernández reincide en prácticas xa cuestionadas formalmente no pleno e esixen explicacións polo desvío orzamentario do 26,5 % e o déficit da carreira popular
Censuran a xestión da concellería de deportes, encabezada por Luis Iglesias, cuxa xestión está marcada polo déficit na carreira popular e pola utilización propagandística das institucións
Leiro, 9 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Leiro denuncia a falta de transparencia, o descontrol na xestión dos recursos públicos e o uso partidista das institucións por parte do goberno municipal, encabezado polo alcalde, Francisco José Fernández Pérez, e co concelleiro de Deportes, Luis Iglesias, como responsable dunha área cuxa xestión presenta importantes interrogantes económicos.
As e os socialistas consideran especialmente grave que o executivo local volva incorrer en prácticas que xa foran denunciadas formalmente pola oposición, sen que se producise unha rectificación nin un cambio de actitude. Para o PSdeG-PSOE, esta maneira de gobernar evidencia unha preocupante falta de respecto á pluralidade política, á transparencia e ao papel que lle corresponde á corporación municipal.
Reinciden no uso partidista dos centros educativos
O PSdeG-PSOE lembra que no pleno de outubro de 2025 tivo que rexistrar unha solicitude formal de explicacións, co número RE-2025-443, polo reparto de material no CEIP Emilia Pardo Bazán sen contar coa corporación municipal. Lonxe de corrixir esta práctica, as e os socialistas denuncian que en 2026 “se repetiu a mesma dinámica, con entregas de material sen informar os representantes da oposición e coa utilización de centros educativos como escenario de actuacións que consideran propagandísticas”.
Para os concelleiros socialistas Pedro José González e Manuel Rodríguez, “as institucións municipais deben estar ao servizo de toda a veciñanza e non poden converterse en instrumentos de promoción partidista. O goberno local debe actuar con transparencia, respecto institucional e igualdade de trato, especialmente cando están en xogo espazos e recursos públicos”.
Unha xestión deportiva con números vermellos
As e os socialistas cuestionan tamén a xestión económica da concellería de deportes, encabezada por Luis Iglesias, e reclaman explicacións sobre o rigor no emprego dos cartos públicos. Segundo denuncian, “a área presenta un desvío orzamentario do 26,5 % e un importante déficit na organización dunha carreira popular histórica. Unha situación que contrasta, ao seu xuízo, coa imaxe de boa xestión que pretende transmitir o goberno municipal”.
Ademais, González e Rodríguez poñen o foco no feito de que se soliciten achegas e patrocinios voluntarios á hostalaría, ao comercio e ás adegas locais “mentres persisten as dúbidas sobre o equilibrio económico do evento”. Tamén reclaman unha explicación clara sobre a contratación de empresas de fóra e o destino dos recursos públicos, cuestións sobre as que, segundo denuncian, o executivo non ofreceu información suficiente.
O PSdeG-PSOE considera que a veciñanza e os negocios de Leiro merecen coñecer con claridade como se xestionan os fondos municipais, cales son os custos reais das actividades e que criterios se aplican á hora de contratar servizos.
Leiro precisa explicacións, non respostas evasivas
Desde o grupo municipal socialista lamentan a actitude do alcalde ante as peticións de explicacións da oposición, que, segundo sinalan, se limita a responder cun “tomo nota” sen ofrecer as aclaracións necesarias nin asumir responsabilidades políticas. “Non podemos aceptar que Leiro se xestione desde a desidia, a opacidade e o uso partidista das institucións de todos”, sinalan os edís socialistas.
O PSdeG-PSOE de Leiro reafirma o seu compromiso cunha oposición rigorosa e responsable e esixe ao goberno local que faga públicas as explicacións necesarias sobre as partidas orzamentarias, a situación económica da carreira popular e os criterios empregados na utilización dos recursos municipais. Conclúen sinalando que “gobernar implica render contas, respectar a pluralidade e garantir que cada euro público se empregue con rigor e transparencia. Leiro merece unha xestión á altura da súa veciñanza, non un goberno que, ao seu xuízo, insiste en repetir os mesmos erros e evita dar respostas ás preguntas da oposición”.

