O PSDEG-PSOE DE OURENSE SUMA O SEU APOIO Á MANIFESTACIÓN DO 17 DE OUTUBRO EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA NO DISTRITO SANITARIO DE VALDEORRAS
As e os socialistas reclaman máis profesionais, unha carteira de servizos adaptada ás necesidades da poboación, estudos sobre a silicose e unha ambulancia do 061 con soporte vital avanzado
Álvaro Vila fai un chamamento á mobilización para esixir a Xunta de Galicia e ao Partido Popular a que “poñan fin ao deterioro dos servizos sanitarios, reforce os cadros de persoal e garanta unha atención digna e de calidade na comarca”
“Non abonda con falar de sanidade pública, hai que dotala de recursos, cubrir as vacantes, garantir a continuidade asistencial e recuperar a capacidade dos hospitais comarcais”, afirma
O Barco de Valdeorras, 13 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu apoio e respaldo á manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras para este sábado, 17 de outubro, ás 17:30 horas, no Barco de Valdeorras, para reclamar a recuperación e adaptación dos servizos sanitarios do distrito ás necesidade reais da cidadanía. As e os socialistas fan un chamamento á participación da veciñanza de toda a comarca para defender unha sanidade “pública, próxima, accesible e de calidade”.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, subliña que esta mobilización responde a reivindicacións “xustas e necesarias” ante unha situación que require respostas “urxentes” por parte do goberno galego. “Valdeorras non pode seguir sendo tratada como unha comarca de segunda. A veciñanza ten dereito a recibir unha atención sanitaria pública de calidade, con profesionais suficientes e servizos adaptados á súa realidade, sen que vivir lonxe das grandes cidades supoña unha desvantaxe”, sinala.
Vila Araújo considera que a Xunta de Galicia debe asumir a súa responsabilidade e abandonar a política de anuncios sen solucións efectivas. “Non abonda con falar de sanidade pública, hai que dotala de recursos, cubrir as vacantes, garantir a continuidade asistencial e recuperar a capacidade dos hospitais comarcais”, afirma, antes de apuntar que “a cidadanía de Valdeorras leva demasiado tempo reclamando respostas e o que necesita son compromisos concretos, prazos e solucións”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense alertan da perda de servizos clínicos e de profesionais tanto na atención primaria como no ámbito hospitalario, así como da falta de adecuación da carteira de servizos sanitarios ás necesidades reais da poboación. Unha situación que consideran especialmente preocupante nun territorio marcado pola dispersión poboacional, a orografía de montaña, as dificultades de comunicación e o progresivo envellecemento da cidadanía.
“A planificación sanitaria non pode facerse unicamente contando habitantes. Hai que ter en conta as distancias, a dispersión, a orografía e as necesidades dunha poboación envellecida e con enfermidades crónicas. A igualdade no acceso á sanidade pública debe ser real, viva a persoa onde viva”, afirma o secretario provincial socialista.
Entre as principais demandas que o PSdeG-PSOE comparte coa Plataforma Sanitaria figuran o reforzo dos cadros de persoal do Hospital Público de Valdeorras e dos centros de saúde, a cobertura das vacantes, baixas e permisos e a recuperación dunha carteira de servizos que permitan atender adecuadamente as necesidades asistencias da comarca.
As e os socialistas súmanse tamén as reclamacións para a realización de estudos epidemiolóxicos específicos para coñecer a incidencia das principais patoloxías no territorio, con especial atención á silicose e a outras enfermidades respiratorias relacionadas coa exposición laboral á sílice. Neste senso, consideran imprescindible que a planificación sanitaria teña en conta as características socioeconómicas e laborais de Valdeorras e permita reforzar a prevención, o diagnóstico e a atención especializada.
Outra das reivindicacións prioritarias é a dotación dunha base do 061 en Valdeorras con ambulancia de soporte vital avanzado, medicalizada ou con enfermaría, para mellorar a resposta ante emerxencias sanitarias nunha comarca con importantes dificultades xeográficas e de desprazamento.
“Estamos falando de atención sanitaria, pero tamén de seguridade e de vidas. Valdeorras precisa recursos de emerxencias adecuados ás súas características. A Xunta debe escoitar esta demanda e actuar para que a veciñanza dispoña dunha resposta rápida e eficaz cando máis a necesita”, apunta Álvaro Vila.
O PSdeG-PSOE considera igualmente necesario reforzar a atención ás persoas maiores e aos pacientes con enfermidades crónicas, mellorar ámbitos como a pediatría, a xeriatría e a hospitalización a domicilio e garantir a transparencia na planificación dos servizos sanitarios. Así mesmo, defende a posta en funcionamento efectiva do Consello de Saúde do Distrito Sanitario de Valdeorras, como ferramenta para favorecer a participación das administracións locais, dos profesionais sanitarios, das asociacións de pacientes e do conxunto da cidadanía.
Vila Araújo pon en valor o traballo da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, dos profesionais e das organizacións sindicais na defensa dunha sanidade pública forte na comarca. «Cando a cidadanía sae á rúa para defender a sanidade pública, está defendendo un dereito fundamental. A Xunta non pode ignorar esta reivindicación nin mirar para outro lado mentres medra a preocupación pola falta de profesionais e pola perda de capacidade asistencial», afirma.
O secretario provincial insiste en que a manifestación deste sábado debe servir para trasladar unha mensaxe clara ao Goberno galego: «Non pedimos privilexios, pedimos igualdade. Queremos que as persoas de Valdeorras poidan recibir a atención sanitaria que precisan sen ter que asumir desprazamentos innecesarios nin renunciar a servizos pola falta de recursos. Defender o Hospital Público de Valdeorras é defender o futuro da comarca e o dereito da súa xente a vivir con dignidade».
O PSdeG-PSOE de Ourense reafirma, así, o seu compromiso coa defensa da sanidade pública e anuncia que continuará trasladando estas reivindicacións ás institucións para esixir á Xunta de Galicia medidas efectivas que garantan os recursos humanos, materiais e asistenciais necesarios. Por todo iso, as e os socialistas animan á veciñanza do Barco de Valdeorras e do conxunto do distrito sanitario a participar na manifestación deste sábado, 17 de outubro, ás 17:30 horas, para defender colectivamente unha sanidade pública próxima, accesible e de calidade para toda a cidadanía de Valdeorras.

