As socialistas recoñecen os avances incorporados á ordenanza, pero consideran insuficiente a proposta e reclaman novas melloras para poder avalar a súa aprobación
En Ourense, a 13 de outubro de 2026. O Grupo Municipal Socialista considera insuficientes as modificacións introducidas polo goberno municipal na ordenanza da piscina termal das Burgas e reclama unha revisión máis ambiciosa do texto, especialmente no relativo ás tarifas e ao modelo de xestión.
«Recoñecemos que a ordenanza mellorou. Incorporáronse parte das nosas emendas, especialmente en materia de bonificacións sociais e control das tarifas polo Pleno. Pero cremos que se pode e se debe ir máis alá».
As socialistas lembran que a primeira proposta foi rexeitada en marzo e que, sete meses despois, o goberno presenta un texto modificado. «Se foi posible mellorala unha vez, tamén é posible seguir mellorándoa. Non estamos pedindo nada extraordinario. Estamos pedindo que se fagan ben as cousas».
O PSOE considera imprescindible avanzar en dúas cuestións fundamentais: Unha tarifa máis accesible. Os 7 euros por dúas horas de baño seguen sendo unha cantidade elevada para un servizo público municipal.
As socialistas propoñen revisar o prezo xeral, cunha xustificación económica adecuada, para facilitar o acceso á instalación. Unha aposta clara pola xestión pública directa. As Burgas son un recurso termal e patrimonial de titularidade municipal e o PSOE defende que a súa xestión permaneza directamente en mans públicas, coas garantías de calidade, transparencia e control correspondentes.
Ademais, o Grupo Socialista reclama recuperar outras propostas que quedaron fóra, como os descontos para estudantes e xente nova e as franxas prioritarias para persoas maiores e usos terapéuticos. «As Burgas non son unha piscina calquera.
Son parte da identidade de Ourense e teñen un enorme potencial social, termal e turístico. A súa regulación debe estar á altura dese valor». As socialistas insisten en que a súa posición non pretende atrasar a reapertura, senón garantir que se produza nas mellores condicións posibles.
O Grupo Municipal Socialista considera que a proposta actual segue sendo insuficiente para contar co seu respaldo, pero insiste en que existe marxe para incorporar melloras que permitan reconsiderar esa posición. «Non estamos pechando a porta a un acordo. Estamos dicindo que hai marxe para facelo mellor. Queremos unhas Burgas abertas, accesibles, ben xestionadas e ao servizo da cidade. Ese é o obxectivo».

