O PSDEG-PSOE DE OURENSE RATIFICA AS CANDIDATURAS AO CONGRESO E AO SENADO, TRALAS PROPOSTAS RECIBIDAS POLAS ASAMBLEAS LOCAIS E APOSTA POR SAÍR A GAÑAR O 29-N
O Comité Provincial e a Comisión Executiva Provincial avalan as listas socialistas para as próximas eleccións xerais, cun partido mobilizado e decidido a defender os intereses de Ourense nas Cortes Xerais
Álvaro Vila afirma que as e os socialistas son “o único voto útil na provincia para frear un posible gobernó da dereita e da ultradereita” e reivindica os oito anos de Goberno socialista con investimentos históricos e avances sociais que beneficiaron a milleiros de ourensáns e ourensás
Ourense, 14 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar unha reunión da Comisión Executiva Provincial e do Comité Provincial na tarde de hoxe na que se ratificaron as candidaturas ao Congreso dos Deputados e ao Senado de cara ás eleccións xerais do vindeiro 29 de novembro. Con este paso, as e os socialistas ourensáns activan a maquinaria electoral cun obxectivo claro, que “é saír a gañar e ofrecer á cidadanía unha alternativa de progreso, igualdade e defensa dos intereses da provincia”.
A partir de agora, corresponde ás estruturas superiores do partido concretar e aprobar as candidaturas definitivas no Comité Federal do que sairán as candidaturas do PSOE para toda España. A confección destas candidaturas está regulada nos estatutos mediante un proceso no que cada órgano desenvolve un papel diferente antes de que o Comité Federal escolla as definitivas. As asembleas locais da provincia foron as encargadas de realizar as diferentes propostas.
O secretario provincial do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, destaca que o partido está preparado para afrontar a cita electoral cun proxecto sólido, experiencia de goberno e argumentos para explicar á cidadanía todo o que se fixo nos últimos 8 anos e todo o que aínda queda por facer. “Estamos preparados para estas eleccións e saímos a gañar. Temos un partido forte, con experiencia, con proxecto e, sobre todo, con feitos que avalan a nosa forma de gobernar”, sinala Vila, que tamén apunta que “o 29 de novembro xogámonos moito, porque o PSOE é o único voto útil na provincia de Ourense para frear un posible goberno da dereita e a ultradereita”.
O dirixente socialista subliña que estas eleccións non van unicamente de siglas ou de representación institucional, senón de decidir que modelo de país se quere e que intereses se van defender. “Fronte aos recortes, á involución e ás políticas que deixan atrás a maioría social, nós defendemos un modelo que crea oportunidades, fortalece os servizos públicos, mellora os salarios e as pensións e inviste no territorio”.










“Ourense sabe perfectamente o que significa ter un Goberno socialista en España. Foron anos de investimentos fundamentais para as comunicacións, para as infraestruturas e para a cultura, cunha aposta que permitiu avanzar en cuestións que son decisivas para o futuro da provincia. Fronte aos que só aparecen para facer promesas, nós podemos presentar un balance de actuacións e compromisos materializados”, destaca.
“Cando gobernamos os socialistas, a economía tradúcese en melloras concretas para a maioría social. Subimos o salario mínimo, revalorizamos as pensións, ampliamos a protección das persoas vulnerables co ingreso mínimo vital e impulsamos medidas para facer máis accesible o transporte público. Son decisións que importan no día a día das familias e que demostran que se pode gobernar pensando na maioría”, afirma Vila.
Un partido mobilizado para defender Ourense
O PSdeG-PSOE de Ourense afronta a convocatoria electoral coa vontade de mobilizar a súa militancia e trasladar por tódolos concellos da provincia a importancia de contar cunha representación socialista forte no Congreso e no Senado. A ratificación das candidaturas por parte da Comisión Executiva Provincial e polo Comité Provincial supón un paso máis na preparación dunha campaña na que as e os socialistas apostarán por explicar o seu balance de Goberno, defender as políticas de progreso e presentar novas propostas para responder aos retos demográficos, económicos e sociais da provincia de Ourense.
“imos saír a estas eleccións con ilusión, con forza e coa convicción de que Ourense merece seguir avanzando” afirma o secretario provincial das e dos socialistas ourensáns. Vila conclúe sinalando que “o 29 de novembro pedimos a confianza da cidadanía para seguir construíndo un país e unha provincia con máis dereitos, máis oportunidades, máis igualdade, máis investimentos e máis benestar social”.
Estas son propostas de candidaturas ás Cortes Xerais aprobadas polo comité provincial hoxe:
| CONGRESO | SENADO |
| 1. Carmen Rodríguez Dacosta | 1. María Fernández Ojea |
| 2. Brian Diz González | 2. Rafael Rodríguez Villarino |
| 3. Marina Vaz Quintillán | 3. Lorena Guerra Vigo |
| 4. Brais González Fernández | Suplentes: |
| (1º suplente 1) Federico Pérez Mato | |
| Suplentes: | (1º suplente 2) Ana Rosa Paradelo Carracedo |
| Sherezade Núñez Rodríguez | (1º suplente 3) Manuel González Iglesias |
| Manuel Freire Cid | (2º suplente 1) María Asunción Morgade Rúa |
| Rosa Martínez Rodríguez | (2º suplente 2) Bruno Antonio Ortiz López |
| Luis Fernández Gudiña | (2º suplente 3) Noa Fernández López |
Saúdos.

