concellos Denuncias

O PSOE de Pontedeva denuncia uns orzamentos electoralistas e que non aclaran que pasa con 290.000 € pendentes de cobro

O PSDEG-PSOE DE PONTEDEVA DENUNCIA QUE O ALCALDE DO PP DISPARA O INVESTIMENTO A POUCOS MESES DAS ELECCIÓNS, MENTRES SEGUE SEN ACLARAR QUE ACONTECE CON MÁIS DE 290.000 € QUE AS ARCAS MUNICIPAIS TEÑEN PENDENTES DE COBRO

As e os socialistas votaron en contra dos orzamentos do 2026, ao considerar que chegan tarde, presentan un marcado carácter electoralista e non ofrecen garantías suficientes sobre a xestión dos ingresos pendentes de cobro do concello

“Parece que o alcalde e o PP só se lembran de realizar inversións en Pontedeva cando se achegan as eleccións. Durante o resto do mandato asistimos a unha parálise que contrasta coas cifras que agora nos presentan”, sinala Antonio Vázquez

“Pontedeva necesita investimentos, pero tamén planificación, transparencia e unha xestión rigorosa dos cartos públicos. Non imos apoiar uns orzamentos que chegan no último tramo do ano, cun evidente perfil electoralista e sen aclarar cuestións económicas tan importantes como os máis de 290.000 euros pendentes de cobro”, afirma o voceiro socialista

Pontedeva, 15 de outubro de 2026. O PSdeG-PSOE de Pontedeva votou en contra dos orzamentos municipais de 2026, aprobados en solitario polo Partido Popular no pleno celebrado esta semana, ao considerar que chegan tarde, presentan un marcado carácter electoralista e non ofrecen garantías suficientes sobre a xestión dos ingresos pendentes de cobro do concello.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Antonio Vázquez Ferreira, denuncia que o documento económico presentado polo alcalde do PP evidencia un cambio de criterio difícil de xustificar, cun incremento moi significativo dos investimentos en obras en ano preelectoral. Así, o cómputo xeral de orzamentos pasa dos 363.000 euros en 2025 aos 742.000 en 2026, máis do dobre, o que implica que hai investimentos e obras con carácter electoralista. “Parece que o alcalde e o PP só se lembran de realizar inversións en Pontedeva cando se achegan as eleccións. Durante o resto do mandato asistimos a unha parálise que contrasta coas cifras que agora nos presentan”, sinala o edil socialista.

As e os socialistas consideran que Pontedeva precisa de investimentos e de actuacións que contribúan a mellorar os servizos e a calidade vida da veciñanza, pero cuestionan que ese impulso económico chegue ao final do mandato e non responda a unha planificación continuada. “Non se pode ter o concello abandonado durante anos e pretender que agora, cun incremento tan elevado das partidas de obras, se esqueza a falta de xestión anterior”, sinala Ferreira Vázquez.

Uns orzamentos que chegan tarde e mal

O PSdeG-PSOE de Pontedeva considera que a aprobación dos orzamentos de 2026 no mes de outubro evidencia “unha falta de planificación e de capacidade de xestión” por parte do goberno municipal. Para as e os socialistas, presentar as contas a estas alturas do ano impide que funcionen como unha verdadeira ferramenta de planificación desde o comezo do exercicio.

“Estes orzamentos chegan tarde, mal e arrastro. Non abonda con presentar agora unhas cifras de investimento moi elevadas, hai que explicar por que non se planificaron antes e que se fixo durante todos estes anos para impulsar Pontedeva”, subliña Antonio Vázquez Ferreira.

Esta é unha das razóns polas que o grupo socialista rexeitou as contas, ás que engade a falta de claridade sobre unha cuestión económica que considera fundamental para a saúde financeira municipal.

Máis de 290.000 euros pendentes de aclaración

A segunda gran preocupación do PSdeG-PSOE está relacionada cunha partida superior aos 290.000 euros de dereitos pendentes de cobro considerados de dubidoso cobro, que xa aparecía na contabilidade municipal de exercicios anteriores, entre eles no orzamento de 2024, e que agora non figura reflectida nos novos orzamentos.

Vázquez Ferreira lembra que esta cantidade procede de taxas, impostos e outros ingresos de anos anteriores cuxa recadación está pendente, e reclama que o goberno municipal explique a súa situación real, as razóns polas que non se cobraron e as medidas previstas para recuperar eses cartos.

“Estamos a falar de máis de 290.000 euros que o concello leva arrastrando de anos anteriores. Non é unha cantidade menor e non pode desaparecer do debate orzamentario sen unha explicación clara. Queremos saber canto se debe, por que non se cobrou e que vai facer o alcalde para recuperar eses ingresos”, esixe o voceiro socialista.

O grupo municipal considera imprescindible que os informes económicos e xurídicos que acompañan os orzamentos expliquen adecuadamente a situación destes dereitos pendentes e as medidas que se prevén adoptar. Ao seu xuízo, a ausencia dunha explicación suficiente impide avaliar con rigor a situación económica real do Concello.

As e os socialistas tamén lembran que levan reclamando en distintos plenos unha revisión dos padróns de taxas e impostos municipais para detectar posibles deficiencias e mellorar a recadación. Por iso, piden ao alcalde que actúe con transparencia e aplique criterios iguais para todos os contribuíntes.

“O Concello ten a obriga de xestionar ben os recursos públicos, revisar os padróns e cobrar o que corresponde. Non pode mirar cara a outro lado mentres acumula ingresos pendentes de recadar. A veciñanza merece saber que está pasando con eses cartos e que medidas se están tomando”, afirma Antonio Vázquez.

O PSOE reclama coherencia e transparencia

Ademais das cuestións económicas, o PSdeG-PSOE cuestiona que as bases de execución dos orzamentos, concretamente a base 31, non recollan unha partida para compensar os gastos derivados da asistencia dos concelleiros aos plenos, malia que o grupo socialista presentou unha moción en decembro de 2024 para reclamar esta medida, que foi aprobada por unanimidade.

As e os socialistas consideran que existe unha falta de coherencia entre aquel acordo plenario e o contido das novas contas municipais, polo que reclaman que se dea cumprimento ao aprobado pola corporación e se aclare a situación.

Por outra banda, o grupo socialista tamén expresa o seu desacordo coa aprobación da acta da sesión anterior, ao entender que non recollía adecuadamente determinados aspectos do debate. Segundo denuncia, o alcalde recorreu ao voto de calidade para sacala adiante, sen atender as observacións formuladas polo PSOE.

No relativo aos orzamentos, o PP conseguiu a súa aprobación con tres votos a favor e dous en contra, os dos representantes socialistas presentes na votación, nunha sesión na que foi necesaria a presenza dunha concelleira que apenas asistira a plenos anteriores.

Para o PSdeG-PSOE de Pontedeva, o resultado confirma que o Partido Popular opta por aprobar unhas contas que non resolven as dúbidas expostas pola oposición. “Pontedeva necesita investimentos, pero tamén planificación, transparencia e unha xestión rigorosa dos cartos públicos. Non imos apoiar uns orzamentos que chegan no último tramo do ano, cun evidente perfil electoralista e sen aclarar cuestións económicas tan importantes como os máis de 290.000 euros pendentes de cobro”, conclúe Antonio Vázquez Ferreira.