“A diferenza con vostede é que nós queremos que eses 10 millóns deixen pegada na cidade cando se gasten”, argumentou a voceira do PSdeG e candidata á Alcaldía, Natalia González, durante o pleno extraordinario no Concello desta mañá
En Ourense, a 16 de outubro de 2026. As socialistas do Concello de Ourense votaron en contra da modificación orzamentaria que pretendía mobilizar 10 millóns de euros a través dun bono comercio de 100 euros por beneficiario por entender que non supón ningunha mellora na política económica do goberno municipal máis aló dunha inxección puntual que se produciría, ademais, a 7 meses das eleccións locais de maio de 2027.
“Ninguén pode dubidar de que estamos a favor do comercio na nosa cidade. Pero unha cousa moi distinta é gastar 10 millóns de euros sen un obxectivo. Vostede leva meses dicindo que ten gañados os vindeiros comicios e que vai arrasar e se tan claro o ten non entedemos por que precisa tirar de chequeira”, argumentou a voceira do PSdeG e candidata á Alcaldía, Natalia González, lembrando que non repetíu a iniciativa dende 2023, xusto antes das últimas eleccións municipais.
As socialistas preguntaron ao rexedor que fixo durante os dous mandatos que leva gobernando para soster e fomentar o comercio local máis aló dos dous bonos comercios. “Dígame unha soa medida en materia de Vivenda ou Comercio para evitar que a cidade non sexa un polo de expulsión de persoas que marchan a vivir a outros lugares. Onde están as políticas para recuperar os establecementos baleiros, as axudas para os pequenos negocios, que fixo para modernizar as nosas zonas comerciais”, incidíu durante a súa quenda de palabra.
Así as cousas, a portavoz do PSdeG e secretaria xeral do partido en Ourense, pedíu visión de futuro á hora de investir os cartos de toda a cidadanía e que, tal e como leva demostrado o executivo de Gonzalo Pérez Jácome nestes case 8 anos, se non teñen ideas ou propostas relevantes no eido económico, alomenos teñan en conta ás múltiples iniciativas presentadas polas socialistas en materia de Vivenda, Urbanismo, Economía ou Comercio, especialmente dende 2023. “Nin unha soa medida das que propuxemos tiveron en conta”, recriminou.
“Poderiamos gastar eses 10 millóns de euros en rehabilitar vivenda baleira e poñela no mercado de lugueiro accesible, tamén poderiamos axudar a abrir negocios aínda que vostede prefira perder subvencións para este tipo de asuntos. Pero sabemos que isto require algo moi complicado para vostede: planificación e unha xestión económica seria. A diferenza con vostede é que nós queremos que eses 10 millóns deixen pegada na cidade cando se gasten”, insistíu Natalia González.

