Denuncias Deputación de Ourense vivenda

Denunciamos que o PP e Menor chegan tarde facer a foto co plan de vivenda provincial

O PSDEG-PSOE ACUSA A MENOR DE APROPIARSE DO PLAN PROVINCIAL DE VIVENDA QUE AS E OS SOCIALISTAS LEVAN IMPULSANDO DENDE 2024 E AFÉANLLE QUE CHEGA TARDE FACER A FOTO

O Grupo Provincial Socialista reivindica que a súa insistencia permitiu avanzar na ampliación dos recursos ata os 1,5 millóns de euros, pero advirte de que a provincia precisa un compromiso real coa vivenda e co futuro do rural

Álvaro Vila lembra que o PP rebaixou a proposta inicial de 1,82 millóns de euros a só 200.000 euros e denuncia que a dotación posterior de 500.000 euros deixou sen atender case o 60 % das solicitudes municipais

“O PSOE marcou os tempos na Deputación, insistiu cando o PP non cría nesta iniciativa e conseguiu avances que hoxe outros pretenden presentar como propios”, sinala Vila

“Non chega con anunciar axudas e sacar unha foto. Cando case seis de cada dez solicitudes quedan fóra por falta de fondos, o que hai é un problema de planificación e de compromiso político. Os concellos necesitan recursos suficientes para rehabilitar vivendas e poñelas ao servizo da veciñanza”, advirte

Ourense, 16 de outubro de 2026. O Grupo Provincial Socialista denuncia que o presidente da Deputación de Ourense e do Partido Popular, Luís Menor, está apropiándose politicamente do Plan Provincial de Vivenda, unha iniciativa que impulsaron as e os socialistas e que levan defendendo dende maio de 2024. Neste senso, lembran que non contou inicialmente co compromiso do goberno provincial e do Partido Popular que non o vía coma unha prioridade.

O voceiro socialista, Álvaro Vila Araújo, subliña que a cronoloxía dos feitos demostra quen impulsou esta medida e quen tivo que rectificar pola presión do PSOE. “Agora Menor e o PP sacan peito e corren facerse a foto, pero a realidade é que este plan naceu dunha proposta socialistas que o Partido Popular non consideraba prioritaria”, afirman o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, quen tamén sinala que “o PSOE marcou os tempos na Deputación, insistiu cando o PP non cría nesta iniciativa e conseguiu avances que hoxe outros pretenden presentar como propios”.

De 1,82 millóns de euros a unha dotación inicial de 200.000

As e os socialistas lembran que o 22 de maio de 2024 presentaron unha moción para crear un plan provincial de axudas destinado á rehabilitación de vivendas nos concellos de menos de 20.000 habitantes, co obxectivo de destinalas posteriormente ao alugueiro ou a usos sociais. A proposta contemplaba unha dotación de 1.820.000 euros, equivalente a unha axuda anual de 20.000 euros para cada un dos 91 concellos da provincia. A finalidade era recuperar inmobles en desuso, ampliar a oferta de vivenda accesible e contribuír a fixar poboación no rural, combatendo así o despoboamento.

Porén, o acordo alcanzado o 31 de maio de 2024 permitiu poñer en marcha o plan cunha dotación inicial de só 200.000 euros, moi por debaixo da cantidade reclamada polos socialistas. “O PP aceptou poñer en marcha a iniciativa, pero recortou drasticamente a nosa proposta. Tivemos que conformarnos cun punto de partida moi afastado do que necesitaban os concellos, co compromiso de que os recursos se incrementarían nos seguintes exercicios”, lembra Vila.

As axudas esgotáronse e case o 60 % das solicitudes quedaron fóra

A insuficiencia dos recursos quedou en evidencia en 2025. Segundo os datos expostos polo Grupo Provincial Socialista en xaneiro de 2026, a partida de 500.000 euros permitiu atender unicamente 14 das 33 solicitudes rexistradas polos concellos, deixando sen resposta 19 peticións.

Para Álvaro Vila, estes datos demostran que o plan precisa unha dotación acorde coa demanda real dos municipios. “Non chega con anunciar axudas e sacar unha foto. Cando case seis de cada dez solicitudes quedan fóra por falta de fondos, o que hai é un problema de planificación e de compromiso político. Os concellos necesitan recursos suficientes para rehabilitar vivendas e poñelas ao servizo da veciñanza”, sinala.

As e os socialistas reiteraron a súa reclamación de máis financiamento e volveron impulsar iniciativas para reforzar a capacidade dos concellos de actuar sobre inmobles abandonados ou en estado de ruína, unha problemática que afecta directamente á seguridade, á recuperación do patrimonio e á dispoñibilidade de vivenda no rural.

O PSOE insiste e o PP tenta apropiarse dos avances

O Grupo Provincial Socialista destaca que, lonxe de abandonar esta reivindicación, continuou reclamando máis recursos e medidas de apoio municipal. En xullo de 2026 volveu levar ao pleno iniciativas para que a Deputación asumise un papel máis activo fronte aos problemas de vivenda e ás dificultades dos concellos, acadando o respaldo necesario para avanzar na ampliación da dotación ata os 1,5 millóns de euros.

“A diferenza é evidente: o PSOE leva anos propoñendo solucións, defendendo investimentos e reclamando que a Deputación estea á altura das necesidades da provincia. O PP, pola contra, primeiro rebaixa as propostas, despois comproba que os recursos son insuficientes e finalmente aparece para intentar levarse o mérito dos avances”, denuncia o voceiro socialista.

Álvaro Vila insiste en que a vivenda é unha cuestión estratéxica para o futuro da provincia de Ourense, especialmente nun territorio marcado polo envellecemento, a perda de poboación e a existencia de numerosas vivendas baleiras ou deterioradas. A rehabilitación destes inmobles pode contribuír a facilitar o acceso á vivenda, recuperar os núcleos rurais e crear oportunidades para que máis persoas poidan vivir e desenvolver o seu proxecto de vida nos concellos da provincia.

Por iso, o Grupo Provincial Socialista reclama que a Deputación manteña e reforce o compromiso económico co plan, garantindo que os recursos respondan á demanda municipal e que as axudas poidan chegar ao maior número posible de concellos.

“Moita foto e moita propaganda, pero detrás deste plan hai anos de traballo e insistencia socialista. En 2024 o PP non consideraba prioritaria esta iniciativa; agora parece que si. A vivenda non pode ser unha operación de imaxe para Menor, senón unha política pública seria, estable e dotada de recursos suficientes. Nós seguiremos traballando para que os concellos teñan solucións reais e para que o dereito a vivir no rural non quede nun anuncio publicitario”, conclúe Vila.